A Momia é unha fantasía romántica que traspasa os límites do tempo e do espazo. Narra a historia de amor entre a Princesa Ankhesenamon -Sacerdotisa da deusa Isis en Karnak e filla do Faraón Amenofis o Magnífico- e Imhotep -Sumo Sacerdote do Deus do Sol en Karnak-. Ante a morte dela Imhotep trata de resucitala co Papiro de Thoth, co cal Isis devolvera a vida o seu home, o deus Osiris. É descuberto polo que se lle condena por sacrilexio a ser momificado e enterrado en vida xunto co Papiro sagrado.
En 1922 é atopado por un equipo do Museo Británico. Pese a recomendación de non abrir o cofre do Papiro, baixo ameaza de morte, un dos membros do equipo recolle o papiro e ao recitalo resucita a Imhotep. A súa presenza leva á tolemia e morte do investigador á vez que Imhotep recupera o papiro ata conseguir a súa única meta: atopar a Ankhesenamon e retornala á vida. Once anos despois Imhotep -co nome de Ardeth Bey- relaciónase cunha nova expedición do Museo Británico, co cal trata de recuperar a Ankhesenamon. Porén, isto so é posible co seu encontro coa reencarnación da Princesa, Helen Grosvenor.
Como filme de terror A momia incorporou diversas influencias. A propia historia era unha suma de distintos xéneros: amor romántico, aventuras, terror sobrenatural e fantasía. Moitos dos temas que tratan estaban inspirados en feitos recentes e que o público coñecía. Os achados das tumbas reais en Exipto durante o século XIX aumentaran a fascinación por temas, figuras e motivos exipcios -como o Libro dos Mortos ou o personaxe do arquitecto Imhotep-. En 1919 Vicente Risco publicara Do caso que ll´acontecera o Doutor Alveiros, no que o protagonista -experto en Ciencias Ocultas e coñecedor da cultura e Historia de Exipto- traspasaba o Mais Alá para liberar ao Faraón Tutankhamon.
Un ano despois Agatha Christie lanzou o relato A aventura da tumba exipcia. Nel Hércules Poirot debía viaxar ao Val dos Reis para investigar as sucesivas mortes dos arqueólogos do Museo Británico que abriron a tumba dun faraón, e que a prensa sinalaba como una manifestación dunha maldición antiga pola súa profanación. Logo en 1922 tivo lugar o descubrimento e apertura da tumba de Tutankhamon por parte de Howard Carter e o seu equipo, moitos dos cales foron morrendo tras a apertura. Unha das persoas que cubrira a nova para a prensa fora John L Balderston, que logo traballou como guionista cinematográfico e foi quen estruturou a historia de A momia. O público non só estaba familiarizado con estes relatos, senón que ademais o que viña sucedendo xurdía os feitos envolvéndoos nun halo aínda mais enigmático e misterioso.
En Europa o cinema de terror contaba xa con experiencia e tradición dende 1897. A momia pasou a formar parte do emblemático triunvirato xunto con Drácula (1931) e Frankenstein (1931); obras novas para a cinematografía norteamericana. As tres apareceron tralo Crac do 29, dando lugar a un imaxinario en constante re-invención. A partir de Drácula e Frankenstein púxose o foco en quen conseguira a atmosfera e a interpretación axeitada. Foi así como destacaron Karl Freund como director e Boris Karloff como actor. O protagonismo feminino foi encarnado nunha actriz teatral austrohúngara, Zita Johann, capaz de transformarse no personaxe en tódolos aspectos. En A momia sumáronse, ademais, actores de Drácula como Edward Van Sloan -aquí como o Doutor Müller de Viena, experto en Ciencias Ocultas- e David Manners -arqueólogo e rival de Imhotep-.
Foron os dous actores principais -Karloff e Johann- os que deron as interpretacións mais sutís. Karloff fixo unha caracterización excelente, mesmo na voz: seca e sarcástica cos seus inimigos, calma, tenra e intensa co amor da súa vida. Camiñaba de forma lenta e maxestosa, movéndose con xestos cerimoniosos. Dado que era capaz dos feitos mais implacables e era a vez un anxo caído, esta combinación o converte nunha figura formidable.
Unha mostra da forma na que se traballou a interpretación é unha das escenas centrais do filme, co encontro de Imhotep e Helen. Ambos están nunha “posición espello”: adquiren a mesma posición indicando unha total identificación entre ambos aínda que non se coñecen. O senso de evocación do filme débese a xestos e detalles: a devoción de Imhotep trasladase a cando vela no Museo do Cairo a Ankhesenamon ata que lle din que ten marchar -argumenta que non se dera conta do tempo pasado.
Á excelencia da interpretación se lle engade a perfección técnica. Jack Pierce fora o encargado da maquillaxe de Frankenstein e traballara en base a estrutura ósea do rostro de Karloff. Fixo un traballo similar en A momia. Con Johann tamén traballou o seu rostro, retirando o seu cabelo facendo destacar os ollos. Aplicou un dos trucos do cinema mudo ao poñer sombras escuras, facendo sobresaír a súa brancura para que resultara máis expresiva estando en silencio. Freund, que se ocupara da fotografía de Drácula, empregou elementos clásicos do seu traballo -como a cámara móbil- e o coidado na iluminación deslizando a luz pola pel rugosa creando un claroscuro en vibración e os ollos producindo un aspecto líquido.
O filme destaca en tres momentos: a resurrección de Imhotep, a risa entolecida do arqueólogo que o contempla e os dous encontros entre Imhotep/ Ardeth Bey e Ankhesenamon/Helen. O legado de esta película pode verse na historia e na concepción de outra película que este ano cumpre 30 anos: Drácula de Bram Stocker (1992) de Francis Ford Coppola. A ambas as une a idea do filme que inicia A Momia: “A Morte é so unha porta a unha nova vida. Nós vivimos hoxe. E volveremos vivir de novo. En moitas formas regresaremos”.