Ao longo da segunda metade do século XX, a sociedade galega atravesou o período de máis fondas transformacións da súa historia, no espazo dunha soa xeración, que teñen que ver co fin do mundo campesiño, da súa base material e das relacións de comunidade que desde sempre lle deran sentido. Un proceso global que no Estado español proxectou as consecuencias da guerra civil: unha longa posguerra e a vixencia dun réxime ditatorial como o franquista.
Isto manifestouse na desagrarización do territorio e o éxodo da poboación ás cidades ou á emigración, cunhas consecuencias que chegan até hoxe e que contan cun notábel percorrido historiográfico, por iso neste artigo queremos centrarnos nun aspecto: o fenómeno televisivo e o seu control por parte da ditadura. Na Galiza anterior ao desarrollismo, os homes e mulleres do agro podían xuntarse, no seu tempo de ocio, ao pé da lareira, nacendo unha riquísima cultura oral que logo sería desprazada polo visionado da televisión, nun proceso de moitas décadas, onde se entrelazaron as actitudes comunitarias da cultura campesiña e as individualistas da sociedade moderna. Este fenómeno, nun inicio, pareceu escapar ao control da ditadura nun sentido: coa censura podía controlar o que se emitía, pero non como se recibía por parte duns veciños que se reunían, en conxunto, na casa daquel que fora o primeiro do lugar en comprar o aparato.
E niso chegou Fraga. Desde a súa posición como ministro de Información, favoreceu a implantación do Servicio Nacional de Teleclubs, un medio, que xa se practicara en Francia, de impulsar o fenómeno televisivo de forma controlada.1 Entre 1966 e 1970 disparouse o número de teleclubs, que conformaron equipamentos culturais de primeiro nivel para as aldeas daquel momento, con televisores, bibliotecas e inclusive locais construídos especificamente, e que aínda hoxe se conservan en moitas das parroquias onde se levantaron.
Con todo, tratouse dun fenómeno dirixido desde arriba, correspondendo o seu impulso e dirección, por exemplo, a alcaldes, pedáneos, sacerdotes, mestres ou outros notábeis locais. No noso traballo de campo, onde estudamos un dos teleclubs máis activos da provincia de Lugo, o de Xián, no concello de Taboada, foron o párroco —que daquela contaba con 30 anos— e o alcalde quen lle deron impulso. A través do primeiro, soubemos que noutras parroquias onde o cura non vía o teleclub con bos ollos, a veciñanza era incapaz de levar adiante por si mesma tal iniciativa.
Moitos teleclubs, os máis, serviron case en exclusiva como locais para ver a televisión, perdendo utilidade cando estas foron chegando aos fogares, pero houbo uns anos en que esta actividade tivo un carácter comunitario. Nalgúns lugares, estas instalacións ficaron abandonadas, pero noutros seguiron utilizándose como locais veciñais, en activo até a actualidade.
Noutros casos, como o de Xián, a obra cultural foi moito maior, dándolle un dinamismo social á parroquia que seguramente non se lembrase desde o inicio da ditadura: grupo de teatro, cursos de formación nas novas técnicas agrícolas, festas gastronómicas, concursos de “aradas” co tractor, viaxes e excursións, actuacións da Sección Femenina etc. Un ocio que tivo a implicación necesaria de concellos, do servizo provincial de teleclubs e da Extensión Agraria e, xa que logo, unha supervisión por parte dos axentes locais da ditadura. Os teleclubs, así, foron un axente dinamizador e modernizador de moitas parroquias, cunha actitude moitas veces misional: nas palabras do noso informante, “o que se facía alí daba luz a toda a xente, e aprenderon (…). Iso era o progreso do pueblo, Xián era un pueblo moi atrasado, pero despois houbo unión pra todo…”2. Un dinamismo cultural estimulado e tolerado pola ditadura como medio para crear actitudes de consentimento. Seguramente ese fose o obxectivo de Fraga.
O estudo dos teleclubs como fenómeno histórico achéganos aspectos concretos para comprender o colapso do mundo campesiño, o ocio comunitario e o seu control por parte da ditadura, que se entrelazan de forma complexa ao longo do tempo, prolongándose moitas das súas referencias ao período democrático.
Imaxe de cabeceira: Teleclub de Luou (Teo). Exposición “Anacos do rural” (Ficrural).
_____________________
1O desenvolvemento historiográfico dos teleclubs ten moi pouco percorrido, con excepcións como as de Luis HERRERO MARTÍN e Juan José GARCÍA RODICIO: “Una nueva labor en el campo tardofranquista. La labor sociocultural de los teleclubs según las fichas de inscripción inicial (1964-1978) y las fichas de evolución finales (1979-) de los teleclubs de las provincias de Salamanca y Lugo”, en Jara CUADRADO (ed.): Las huellas del franquismo: pasado y presente. Granada, Comares, 2019, pp. 1023-1052; ou Javier MARTÍN-ANTÓN: “Los Teleclubs. Una revisión acerca de las salas de televisión en España y su incidencia en Asturias”, Espacio, tiempo y forma. Serie V Historia Contemporánea, 29 (2017), pp. 117-131.
2Jesús Vidal Vilar, párroco de Xián, entrevistado polo autor o 3/12/2021.
Taboada, 1998. Graduado en Historia (2020), con mestrado en profesorado (2021) e historia contemporánea (2022) pola USC. As miñas investigacións céntranse no estudo da Transición, as organizacións políticas e as mobilizacións no ámbito local e rural. Fóra diso, tamén me interesan a historia agraria do século XX, os usos do territorio e, de modo xeral, o relacionado co mundo lusófono.
- Esta persoa non ten máis artigos
3 comentarios en ““Á lus do televisor”. Ocio e comunidade no rural tardofranquista a través dos Teleclubs”
Interesantísimo, parabéns
Moi acertado en liñas xerais pero coido que un dos efectos mais directos foi conseguir a sacralización dos medios comunicativos, do progreso. “…xa o dixo a televisión…”como verdade absoluta, a identidade progreso–con castelanización…hai un fio moi grande de onde tirar e nunca concluir
Espanholizar íamo-nos espanholizar igual. Eu vivim esse tempo, a meu ver o dos tele-clubes foi como o começo da grande vaga de aculturação.