A Leitería de Rambouillet ou a aura ilustrada da arquitectura neoclásica

Cando o Barón de Frénilly falou da “Revolución en liño” e os irmáns Goncourt da “Revolución da Simplicidade” estas figuras facían alusión á fonda transformación que tivo lugar entre 1780 e 1788 na moda feminina. “Os boulevards de París eran atravesados por sinxelos vestidos brancos” (Weber 2008: 159) podería ser unha frase que encaixara perfectamente nos anos da Convención Nacional (1792-1795), o Directorio (1795-1799), o Consulado (1799-1804) e mesmo durante o I Imperio (1804-1815) en Francia. Pero en realidade presentaba o ambiente de 1782, momento no que a gaulle acadara unha presenza extraordinaria. A súa creación tivo lugar nesa década, cando a Raíña María Antonieta posou para Elisabeth Vigée-Lebrun en 1783 levando unha versión ceda deste traxe. Este retrato, tan significativo pola prenda que nel aparece, tamén é a representación dun estilo que en moitos aspectos reflicte un gusto persoal que definiría dende as artes decorativas até a consideración da muller na sociedade.

La Reine en gaulle. 1783. Elisabeth Vigée-Lebrun.

Un retrato como o de 1783 estaba en liña con edificios como a Leitería da Raíña no Palacio de Ramboullet. Esta construción fora erguida entre 1785 e 1787 por encargo de Lois XVI como agasallo á Raíña. Os seus arquitectos foran Hubert Robert e Jacques-Jean Théverin, que incluíron na Gruta da Leitería a escultura A rapaza coidadora dunha cabuxa (1786-1787) de Pierre Julien.

A Laiterie de la Reine, tal como se esculpiu no entaboamento da entrada do edificio, cumpría coa función de recoller e gardar o leite que se producía do pastoreo nas terras do Palacio para alimentación -en especial para realizar queixo- e como leitería de propiedade -como lugar de degustación de cremas e sorbetes-. O seu exterior era moi pulido: un rectángulo de pedra, cun pórtico de columna dóricas que sosteñen un frontón curvo. Era unha imaxe que recreaba unha arquitectura clasicista propiamente francesa, pois as partes superpostas que rodean as columnas así como a propia imaxe do edificio alude ao Palacio de Luxemburgo (1615-1627) de Salomon de Brosse para María de Médici en París, sede actual do Senado de Francia. En realidade este edificio contaba con dous edificios: a entrada, cun interior en forma de rotonda inspirada no Panteón de Agripa de Roma, decorada con medallóns e unha longa galería, que contaba con nichos para esculturas, frisos inseridos como murais e unha gruta rochosa como peche. Tamén servía como lugar de refresco grazas ás fontes que facían caer a auga na gruta.

As obras escultóricas da Leitería xiraban en torno a temas e figuras da cultura clásica. A Arcadia -tan celebrada nos poemas gregos e romanos- aparece proxectada nos medallóns coas figuras de pastoras adicadas ao coidado de cabuxas e de ovellas cos seus años, como tamén ao traballo do leite e da nutrición derivada do mesmo. De igual forma sucede na galería, onde nos frisos aparece o mito de Zeus alimentado pola Cabuxa Amaltea. A deusa Rea, desexando protexer ao seu fillo Zeus do seu pai Crono, escóndeo na illa de Creta e sinala as ninfas que se lle dea alimento das ubres de Amaltea. As ninfas fano mentres músicos e danzantes celebran a chegada dos deuses e a Aguia, consagrada a Zeus, representa simbolicamente a presenza do Olímpico. A imaxe que remata por completar este ciclo é a escultura da Rapaza coidadora dunha cabuxa, que ven a representar unha ninfa que coida da Cabuxa Amaltea. Foi deste animal mítico de onde xurdiu o Corno da Abundancia, símbolo de prosperidade e riqueza sen fin.

Rousseau ou o Home da Natureza. Augustin-Claude Simon Legrand

A unión deste programa fundaméntase en dous temas: un é a natureza bucólica e o outro é a maternidade, unidas á maneira da escultura romana da época de Augusto. O Princeps iniciara toda unha representación da Idade de Ouro a través de altorrelevos nas cales representábase a abundancia e a paz a través dunha Natureza exuberante onde leoas, ovellas ou porcas bravas aparecían coidando das súas crías e dándolles de mamar. O seu contexto era a da felicidade dunha vida sinxela nun ambiente bucólico.

O mesmo se aplicou neste programa da Leitería, que se pechaba cun medallón da galería na que unha muller vestida cunha túnica dáballe o peito ao seu pequeno. Unha preciosa alusión á mesma Raíña, quen tratara de dar o peito a súa primeira filla -nacida en 1778- nun intento de seguir a idea dunha maternidade natural. Pese a ser algo inspirado por Rousseau, o feito de dar o peito era aínda considerado un desafío, víase como algo ridículo.

Con todo, tamén Rousseau tivo eco na iconografía da Leitería. Non era esta construción un escenario onde María Antonieta La Moqueuse se disfrazara, de forma tan frívola coma irrespectuosa, de pastora cun vestido bordado e un sombreiro de palla. Era unha edificación onde a Raíña levaba a cabo un labor práctico e proveitoso nunha imaxe activa que cumpría en gran medida cos principios da Ilustración. Os seus resultados foron inmediatos e futuros, porque era o primeiro sinal da consideración das mulleres como seres humanos e non só como “nenos grandes”, como escribiu o Conde Chesterfield nas súas cartas ao seu fillo en 1748. Chamar a todo este movemento a “Revolución da simplicidade” era un nome realmente axeitado, porque anunciaba moitas cuestións que logo durante a Revolución Francesa aparecerían novamente e tamén mais adiante cando durante o Consulado e o I Imperio.

Era a valoración do ser humano precisamente pola súa individualidade, intelixencia e capacidades e non pola súa clase social, riqueza ou credo. Eran eleccións asociadas aos valores da Ilustración e dunha visión optimista da vida. Era a interpretación do elemento clásico no seu senso humanista e por iso, liberador respecto ao corpo e as capacidades humanas. Estas obras mostran a capacidade da Arte de recoller o esencial do ser humano, vendo nel a complexidade coa que se forxa un camiño novo.

Grupo escultórico na Gruta da Leitería da Raíña que representa a Cabuxa Amaltea cunha ninfa.

Comparte

Facebook
Twitter
WhatsApp
Email

Comentarios

Deixa un comentario

Publicidade