A independencia de Leópolis: o Estado errado

Juan López

No período de entre-guerras os territorios que actualmente conforman o estado ucraíno estaban fragmentados por dúas repúblicas que acadaron un acordo de repartición dos devanditos terreos no Tratado Riga en 1921: a Ucraína Occidental pasou a formar parte da República Polaca e nos territorios restantes erixiuse a República Socialista Soviética Ucraína1. Non obstante, co estoupido da Segunda Guerra Mundial e a polarización de Europa en dous bandos as opcións de crear unha nova orde mundial semellaban máis posibles ca nunca, polo que algúns movementos e organizacións non podían deixar pasar esta oportunidade se querían ter influencia e relevancia cando rematase a contenda.

A Organización de Nacionalistas Ucraínos

En Ucraína durante o período de entre-guerras, concretamente en 1929, formouse unha organización terrorista chamada OUN (Organización de Nacionalistas Ucraínos), conformada por persoas como Stephan Bandera, Y. Konovalets ou Iaroslav Stetsko, ideoloxica e politicamente tiñan como referentes a figuras como Dmytro Dontsov, encarecidamente defensor do nacionalismo integral, o cal publicara fragmentos do Mein Kampf en Ucraína, ou ao líder fascista Benito Mussolini1. Os líderes ucraínos da organización tiñan a ambición de crear un estado independente en clave ucraína: obxectivo que non conseguirían sen eliminar ao Exército Vermello ou ós comunistas ucraínos e polacos dos terreos que reclamaban como lexítimos, véndose na obriga de establecer contacto con poderes máis firmes no panorama europeo afíns a súa ideoloxía.

Retrato de Stepan Bandera, referente do nacionalismo ucraniano actual. Autor descoñecido. Imaxe de dominio público.

O marcado perfil radical de extrema dereita da OUN traduciuse no desexo estratéxico de establecer unha alianza co Terceiro Reich na década dos trinta, obxectivo que acadou instaurado cunha relación con membros puntuais da Abwehr e posteriormente, ca creación e materialización en 1941 do denominado Batallón Nachtigall2, formado polos membros da OUN, integrado nas propias filas nacional-socialistas: a organización terrorista acadara escasos éxitos nas súas principais zonas de actuación particular. Cabe mencionar que froito da desaparición dos partidos políticos ucraínos durante o período bélico, esta organización erixíase como a máxima defensora dos intereses nacionais ucraínos.

O verán de 1941 e o intento de independencia

A retirada do Exército Vermello en 1941 dos territorios ucraínos cara Stalingrado por mor da entrada das tropas nazis converteuse nunha oportunidade manifesta, segundo os membros da OUN, para a proclamación do anelado estado independente ucraíno: o Exército Vermello estaba fora da cidade e crían ter o respaldo do Reich. Así, comezou o proceso de construción nacional na cidade de Leópolis, unha das recentes e máis importantes conquistas alemáns para os membros da OUN: urbe que pertenceu durante todo o período de entre-guerras á Polonia e que eles agora reclamaban.

A organización terrorista comezou o proceso de independencia o día que se tomou a cidade, o 30 de Xullo de 1941, as 8 da tarde nunha sala de reunións. O representante deste proceso foi Iaroslav Stetsko, personaxe que actuou supostamente como representante da vontade nacional ucraína sen querer en ningún momento obstaculizar os intereses alemáns3.

Iaroslav Stetsko, organizador do movemento independente e membro da OUN. Autor descoñecido. Imaxe de dominio público.

A mañá seguinte os militantes da OUN tomaron a radio da cidade e rebautizárona como estación Konovalets4. Dita emisora anunciou a existencia do novo estado ucraíno en Ucraína e Alemaña, contando co beneplácito e aprobación de Andrei Sheptytsky, referente da Igrexa Católica Grega, proclamando o nacemento do novo estado por vontade de deus5. I. Stetsko enviou cartas aos oficiais de varios líderes fascistas daquel momento como B. Mussolini, A. Pavelić ou F. Franco para que foran conscientes da nova acontecida. Xunto cas notificacións pertinentes saíu a luz o Generalplan Ost ucraíno, co fin da aniquilación dos non ucraínos e a eliminación dos xudeus, polacos e soviéticos6.

Non obstante, o exército alemán irrompeu en Leópolis ca intención de conquistar a cidade pero non coa idea de entregarlla aos membros da OUN. Así, despois de que os terroristas ucraínos colaboraran na limpeza étnica xudea ao redor da cidade ucraína xunto cas tropas alemáns, pois ambos exércitos tiñan como obxectivo o exterminio xudeu para os seus plans dispares, os xermanos decidiron frear en seco a acometida dos terroristas ucraínos. Para os principais oficiais da Abwehr, políticos nazis e sobre todo para Hitler, os ucraínos non eran máis que Üntermenschen: persoas aptas para o traballo escravo e colonizador da terra7. O destino nazi para a poboación ucraína era humillante e desesperanzador, sobre todo se o comparamos cos ucraínos que vivían na República Socialista Soviética Ucraína, onde a pesares da brutalidade e represións que podían acontecer eran considerados cidadáns, non escravos.

O intento de independencia rematou con S. Bandera e I. Stetsko arrestados e catro quintas partes da OUN-B asasinadas8. A fe cega da OUN no imperialismo nazi foi provocada pola necesidade extrema en precisar aliados xunto co sumo odio cara o seu antagonista ideolóxico: a URSS.

*Foto de cabeceira: Monumento a Stepan Bandera en Ternópil coa bandeira negra-vermella da OUN e a nacional da Ucraína. Foto de Mykola Vasylechko.

Bibliografía:
– Andrew WILSON, The Ukrainians: Unexpected Nation, New haven Yale University Press, 4ª Ed, 2015.
-Gábor LAGZI, “The Ukrainian Radical National Movement in Inter-War Poland: the Case of Organization of Ukrainian Nationalists (OUN)”, Regio – Minorities, Politics, Society, nº1, 2004, pp. 194-206.
-Grzegorz ROSSOLINSKI-LIEBE, “The “Ukrainian National Revolution of 1941: Discourse and Practice of a Fascist Movement”, Kritika: Explorations in Russian and Eurasian, nº12, 2011, pp. 83-114.
-Timothy SNYDER, The Reconstructions of Nations: Poland, Ukraine, Lithuania, Belarus 1569-1999, Yale University, United States of America, 2003.

 

  1. Timothy SNYDER, The Reconstructions of Nations: Poland, Ukraine, Lithuania, Belarus 1569-1999, Yale University, United States of America, 2003, p. 140. [] []
  2. Ivan KATCHANOVSKI , “The Organization of Ukrainian Nationalists, the Ukrainian Insurgent Army, and the Nazi Genocide in Ukraine”, presentado na  Eastern Europe during World War II and the Holocaust. December, Viena 5-7, 2013, pp. 1-42, p. 13 []
  3. Grzegorz ROSSOLINSKI-LIEBE, “The “Ukrainian National Revolution of 1941: Discourse and Practice of a Fascist Movement”, Kritika: Explorations in Russian and Eurasian, nº12, 2011, pp. 83-114, p. 93-96. []
  4. ROSSOLINSKI-LIEBE, “The “Ukrainian National Revolution of 1941”, p. 97. []
  5. Ibid, p. 97. []
  6. Ibid, p. 83-100. []
  7. Andrew WILSON, The Ukrainians: Unexpected Nation, New haven Yale University Press, 4ª Ed, 2015, p. 133. []
  8. Timothy SNYDER The Reconstructions of Nations…, p. 164. []
Máis artigos

Augapesada, (Ames) 1995. Graduado en Historia pola Universidade de Santiago de
Compostela cunha estancia dun curso académico na Universidade Jagielloński en
Cracovia, Polonia. Cursei un máster de profesorado na especialidade de
Xeografía e Historia e actualmente prepara as oposicións para a mesma plaza. Os meus intereses están vencellados
á Historia do século XX, especialmente no centro-leste de Europa, e á evolución e
desenvolvemento dos distintos movementos político-sociais.

Comparte

Facebook
Twitter
WhatsApp
Email

Comentarios

Deixa un comentario

Publicidade