A guerra e a violencia como obxecto de estudo: o caso de Joanne Bourke

Alexandre Balboa Cintrón

En moitas ocasións a guerra quíxose asociar a unha tensión entre orde e barbarie cando en realidade deberíamos dicir que a guerra e as súas secuelas son unha parte unida ao que entendemos precisamente como civilización, sendo unha forma de violencia tan presente a nós como calquera outra e que, polo tanto, pode ser un obxecto de estudo máis dentro da análise das sociedades e os seus patróns culturais. A obra de Joanna Bourke, Sede de Sangue: historia íntima do combate corpo a corpo nas guerras do século XX (Crítica, 2008) é un exemplo sobresaínte das novas correntes de investigación que a día de hoxe traballan sobre a guerra e a violencia cunha nova perspectiva, reflexionando a partir de realidades obvias nas que moitas veces ninguén se detén, como o contraditorio que pode chegar a ser o feito de que se lexitime o uso da violencia de maneira que danar ou mesmo matar, que serían punibles, sexan accións dignas dunha condecoración por parte das institucións dun Estado. Neste caso, a obra céntrase nas guerras mundiais e o conflito de Vietnam a partir de estudos sobre soldados norteamericanos e británicos. Ao longo do libro amósasenos a través de fontes de diferente índole que homes e mulleres desfrutaron cometendo actos de devastadora crueldade. Polo tanto, tal e como afirma a propia autora:

aínda que a asociación de pracer co acto de matar e a crueldade pode resultar escandalosa, é sen dúbida familiar.”

O alcance da investigación levada a cabo está escollida dunha maneira moi consciente porque abarca todo un período en que se vai consolidando o que entendemos por guerra moderna en consonancia coa época industrial. Os enfrontamentos cara a cara perden gran importancia en favor dos bombardeos, o uso de granadas ou a actuación dos francotiradores. A obra en conxunto é complexa; cada capítulo supón un descenso a unha análise moi específica, pero a propia Bourke afirma que non pode existir unha conclusión inequívoca nun libro sobre o acto de matar nos tempos de guerra, e por iso resulta especialmente salientable o esforzo da autora por non retratar ao soldado nin como monstro, nin como heroe, nin como vítima, senón todo ao mesmo tempo. Ademais, é notable o feito de que conciba as mulleres como parte integral do que é a matanza bélica e os mitos que a rodean, evitando seguir a liña doutros estudos que continúan separando de maneira estrita as esferas masculina e feminina en tempos de guerra cando a idea de que as mulleres son máis pacifistas que os homes xa foi discutida no mesmo século XX.

Moito se ten escrito sobre a guerra e as súas consecuencias, pero non é menos certo que unha boa parte dos traballos céntranse en describir a bo ritmo as grandes e pequenas batallas, o arroxo dalgúns políticos e militares e, ás veces, o drama da guerra para o soldado. A investigación de Bourke rompe con todo e ofrece unha nova visión sobre a materia, apoiándose en estudos e informacións para desvelarnos que en homes e mulleres existe un desexo de sangue, rompendo así cos esquemas e os relatos más predominantes que atopamos nas hemerotecas. Isto non quere dicir que autores do campo da historia militar moi populares deban ser totalmente desprezados, pero si criticables nalgunhas das súas consideracións nun tema que atrae a moitos lectores.

Chega con ir a unha librería para ver que en moitas ocasións a sección en torno as guerras mundiais e outros conflitos atópase apartada e diferenciada do resto da temática de Historia e que o número de publicacións dispoñibles é inmenso. O mesmo podemos ver en foros de internet, como o popular portal de historia militar El gran capitán, que recolle reflexións e recensións de libros, películas e mesmo videoxogos de tipo bélico. O habitual é que se reflexen os actos da guerra e as súas batallas dunha maneira idealizada ata o punto de que algúns textos quedan simplemente nunha sucesión de fazañas que nalgúns casos foron contadas polos propios soldados nas súas autobiografías, onde se retrataron como guerreiros similares ás figuras da literatura e o cine, o que acabou por transmitirse a un nivel social moi amplo aínda que a realidade das súas accións fora bastante diferente ao que se entende por un acto heroico. De feito, Bourke destaca unha serie de contradicións, coma que boa parte dos soldados desprezaran o heroísmo como unha extravagancia que podía poñer en perigo á supervivencia do grupo ou porque sinxelamente consideraban que era ridículo, pero que ao mesmo tempo recorreran á imaxinación para facer fincapé na habilidade, a intimidade e o espírito cabaleiresco para enfrontarse á desmoralización no contexto da guerra moderna.

O inicio dos capítulos desta obra de Bourke exponse dunha maneira maxistral. A través da historia persoal dunha serie de individuos vemos que todos tratan de atopar un significado en medio da guerra a través da linguaxe para convencerse a si mesmos (e aos demais) de que se dedicaban á busca dun mundo mellor. Aínda que lles resulte imposible transmitir a “realidade” do seu combate e que sempre existe algo de fantasioso no seu relato, isto non lles impide transmitir nos seus textos e declaracións o acto de matar a outro ser humano. A propia Bourke é clara ao respecto:

Era precisamente a habilidade para afirmar a súa propia individualidade e o seu sentido da responsabilidade persoal, incluso dentro da desorde do combate, o que lles permitía conferir significado á empresa bélica e as súas vidas […]. Non implica que puideran realmente alcanzar a orde e a coherencia. Non é infrecuente que as persoas alberguen crenzas contraditorias de forma simultánea”.

Isto vese moi ben en capítulos como o que se dedica ao análise dos crimes de guerra, onde resultaba difícil reconciliar a determinación por asumir a responsabilidade polos propios impulsos violentos con afirmacións como “só cumpría ordes” e “ou matas ou mátante”.

Con todo, parece que a aceptación dos combatentes da súa condición de axentes permitiulles dar un paso adiante para facer a guerra algo soportable, e ata divertido. A violencia pola violencia acabou por embriagar a moitos e seducilos ata o punto de que se atrevían a recoñecer que a matanza desenfreada proporcionáballes pracer e gardaban polas armas un cariño particular. Isto tamén aparece vinculado aos xogos macabros que se levaban a cabo cos cadáveres dos inimigos, así como a toma de recordos. Aínda que eran conscientes da súa inmoralidade, os propios combatentes deixan constancia de que lles permitía facer fronte ao horror da guerra e mesmo desfrutala en camaradería estreita co grupo.

En definitiva, un dos principais puntos de reflexión, non exento de polémica, é que os investigadores tenderon demasiado a dar por feito que o pracer era enfermizo ou anormal e que, en cambio, o trauma era “normal”. Era a través da retórica do trauma que os soldados conseguían afrontar a experiencia perturbadora de matar, polo que a maioría negouse a aliviar a dor emocional resultante dos remordementos.

Máis artigos

Pontevedra, 1994. Graduado en Historia pola Universidade de Santiago de Compostela. Cursei o máster de Historia Contemporánea na mesma universidade. As miñas liñas de interese son a conflitividade social, a violencia política e a acción colectiva, incluindo o seu enfoque para o ensino nas aulas de Secundaria. Ademais, estou especialmente interesado no caso do independentismo en Puerto Rico e a súa conexión coa nova esquerda en América Latina e EE.UU na segunda metade do XX. Actualmente estou opositando.

Comparte

Facebook
Twitter
WhatsApp
Email

Comentarios

Deixa un comentario

Publicidade