Co final da guerra civil nos territorios da Ucraína levouse a cabo a división do país por medio do Tratado de Riga de 1921 entre a Rusia bolxevique e a Segunda República Polaca. As rexións occidentais da Ucraína, Galitzia e Volinia, pasaban a formar parte das fronteiras do denominado “milagre de Versalles” polaco, mentres que o centro e leste do territorio serán da futura Ucraína soviética. Nesta zona, o desenvolvemento do nacionalismo será impulsado polas autoridades bolxeviques.
A concepción nacional bolxevique
Moi difícil de apagar foi a chama do nacionalismo ucraíno trala declaración de independencia do ano 1918. Cando rematou a guerra civil e os bolxeviques tomaron o control do territorio, tiñan que resolver a cuestión nacional se non querían ter que afrontar un levantamento. Pero que entendían os bolxeviques por nación? Segundo Stalin, a nación era un fenómeno construído “social e historicamente”1, sendo unha “comunidade de homes historicamente formada” onde a lingua sería un trazo de identidade nacional, xunto co territorio e a “comunidade da vida económica”2. Na concepción nacional bolxevique atopamos a presenza do pasado común onde se asumían a lingua e a historia de forma natural. Tanto para Lenin como Stalin, as nacións tiñan dereitos e todas posuían igualdade en soberanía3.
No interior do partido existían dúas concepcións antagónicas e diverxentes, fonte de debates e discusións. Por un lado a tese do marxismo ortodoxo onde o nacionalismo era unha idea vencellada á burguesía e promovida por ela. Esto baseábase en que procuraban dividir ao movemento proletario para evitar a súa posterior emancipación. Os defensores desta idea opoñíanse ás culturas nacionais, onde serían sustituidas por unha cultura comunista universal, sendo a única identidade posible da clase traballadora. Por outra banda estaban as ideas que eran representadas por Lenin e Stalin dentro dos bolxeviques. Para eles, as culturas nacionais non podían ser ignoradas xa que iso significaría a opresión das linguas e os nacionalismos polo gran chovinismo ruso, o principal perigo dos bolxeviques. Esta sería a tese defendida posteriormente polo partido4.
Vladímir Lenin nos seus escritos previos á revolución xa sinalaba a existencia dunha nación opresora que identificaba con Rusia:
“Polo tanto, dende o punto de vista dos intereses precisamente do proletariado ruso é imprescindible unha prolongada educación das masas no sentido de defender do modo máis enérxico, consecuente, audaz e revolucionario a completa igualdade de dereitos e o dereito á autodeterminación de todas as nacións oprimidas polos rusos. O interese do orgullo nacional (non entendido servilmente) dos rusos coincide co interese socialista dos proletarios rusos (e de todos os demais proletarios)”5.
Iósif Stalin pola súa parte en 1917 durante o VII Congreso do Partido Obreiro Socialdemócrata de Rusia en 1917, xa recoñecía a existencia da “opresión nacional” manifestada en “restricións de carácter nacional-relixioso e civil, que se dirixen contra os pobos oprimidos” sendo froito dos “grupos imperialistas”6. Estas teorías incidirían no deseño das políticas nacionais con respecto ás repúblicas non rusas da futura Unión Soviética.
A ucrainización
Coa creación da Unión de Repúblicas Socialistas Soviéticas en 1922 o poder soviético empregou unha política nacional que trataba de promocionar as particularidades étnicas das diversas repúblicas. Ucraína foi un dos membros fundadores da URSS e os bolxeviques impulsaron a lingua e a cultura ucraniana a través da korenizatsia. Esta doutrina, manifestada na Ucraína co nome de ucrainización, promovía o uso do ucraíno na administración e sobre todo no interior do Partido Comunista Bolxevique de Ucraína, onde a maioría dos seus membros empregaban o ruso. Abofé o idioma de Pushkin continuou sendo predominante no partido, empero, na administración e nos periódicos aumentou exponencialmente o ucraíno. Ademais, o incremento do número de ucraínos no Partido Comunista Bolxevique de Ucraína foi enorme e temos que ter en contra o factor da modernización económica. Desta forma, o proceso modernizador debido ao aumento da urbanización e da industrialización, provocou o aumento de traballadores industriais que militaron no Partido Comunista Bolxevique de Ucraína7.
A ucrainización non se detivo nos límites da Ucraína soviética, senón que tamén se abriron escolas en rexións da Rusia bolxevique con importantes minorías nacionais da república veciña como Kubán, Voronezh, Kursk ou outros espazos como a zona setentrional do Cáucaso8. Na rexión de Kubán xurdían salas de lecturas nas aldeas, emisoras de radio en ucraíno e incluso películas con subtítulos neste idioma9. Mais o impulso emprendido polos bolxeviques toparíase con problemas e dificultades en certos enclaves.
Os problemas no Donbás
A chegada de Lazar Kaganovich á dirección do partido a mediados dos vinte produciu un impulso máis acelerado con respecto á ucrainización, empregando certa violencia e presión para conseguir ucrainizar á sociedade. Debemos ter en conta que no partido existían resistencias a falar o ucraíno e incluso as autoridades obrigaban a pasar un exame no idioma aos seus membros baixo a ameaza de ser despedidos10. Estas reticencias tamén se apreciaban na conca mineira do Donbás. Localizada no leste da república e na fronteira coa Rusia soviética, existía un forte proletariado que vivía na rexión e era rusófono. Incluso moitos falaban súrzhyk, unha mestura entre o ucraíno e o ruso. Tampouco podemos olvidar que a clase traballadora rusófona non quería cambiar a súa lingua e mostrou moitas reticencias á ucrainización11.
A maioría dos habitantes da rexión eran ucraínos, representando un 60% da poboación fronte ao 31,4% de rusos12, e case todas as escolas ensinaban o ucraíno aínda que a rexión seguirá sendo a que presente maiores dificultades a ucrainizarse. É dicir, a conca mineira foi un espazo onde a formación da identidade nacional ucraína topouse coas maiores resistencias de todo o país.
A complexidade multinacional latente neste territorio apréciase nas palabras de Nikita Khrushchev nas súas lembranzas cando afirma:
“Eu son ruso. Entendo o ucraíno, mais non tan ben coma un líder tería que facelo. E en realidade non podo falar ucraíno. É un gran factor negativo. Os ucraínos, especialmente os intelectuais, poden darme unha fría acollida, e non me gustaría estar nesta situación”13.
Balance final
A Unión Soviética para levar a cabo a promoción da cultura e da lingua da Ucraína contou con toda unha amálgama de etnógrafos e xeógrafos para delimitar o territorio, conseguindo que os habitantes da república tiveran un mapa mental sobre os límites da súa nación14. O poder soviético expandirá desta forma a súa mensaxe revolucionaria, cando se afirme que a cultura de cada nación dentro da URSS será “nacional en forma, socialista en contido”15.
O nacionalismo no país eslavo xa tiña un longo percorrido dende mediados do século XIX, sendo moi reprimido durante o Imperio Ruso. A chegada dos bolxeviques ao poder non permitiu un autogoberno separado da Unión Soviética, mais fixeron enormes esforzos en integrar a Ucraína como un engrenaxe máis da máquina soviética e de expandir o uso da súa lingua, algo que era impensable nos territorios polacos e menos aínda dentro da vella orde zarista. Pero os anos trinta traerán cambios e novas actitudes con respecto a esta cuestión.
Bibliografía:
John ARMSTRONG: Ukrainian nationalism. Columbia, Columbia University Press, 1963.
José María FARALDO: El nacionalismo ruso moderno. Madrid, Báltica Editorial, 2020.
Francine HIRSCH: Empire of nations: ethnographic knowledge and making of the Soviet Union. Ithaca, Cornell University Press, 2005.
Tatiana JHLININA e Igor VASILIEV: “Ukranisatsiia kak politika i problema cobremennoi istoriografii”, Istoriografichni doslidjennia v Ukraini, vol. 2, 22, 2012.
Nikita KHRUSHCHEV: “Commissar, 1918-1945”, vol. 1 de Memoirs of Nikita Khrushchev. Pennsylvania, The Pennsylvania State University Press, 2004.
Vladímir LENIN: “1913-1916”, tomo 5 de Obras. Moscú, Progreso, 1973.
Terry Dean MARTIN: The affirmative action empire: nations and nationalism in the Soviet Union, 1923-1939. Ithaca, Cornell University Press, 2001.
Olena PALKO: “Ukrainian National Communism: Challenging History”, Debatte: Journal of Contemporary Central and Eastern Europe, vol. 22, 1, 2014.
Volodimir SERGUIICHUK: Ukranisatsia Rosii: Politichne oshukanctbo ukraintsiv rosiiskoiu bilshobitskoui vladoiu v 1923-1932 rokajh. Kiev, Ukrainska vidavnicha spilka, 2000.
Andrey SHCHERBAK: “Nationalism in the USSR: A historical and comparative perspective”, Nationalities Papers, vol. 43, 6, 2015.
Konstantin SIVIRYETSKII: Iasiki v ukraine: vosrodit ukrainskii-sashchitit russkii. Zaporizhia, Dikoe Pole, 2008.
Yuri SLEZKINE: “The USSR as a communal apartment, or how a socialist state promoted ethnic particularism”, Slavic review, vol. 53, 2, 1994.
Iósif STALIN: El marxismo y la cuestión nacional. Viena, revista Prosveshchenie, 1913.
Arquivos:
RGASPI, Fondos persoais de personalidades principais da época soviética, fondo 558, Stalin (Nastha Dzhugashvili), Iosif Vissarionovich (1878-1953) fondo 1, documentos do autor, delo 59, discurso sobre a cuestión nacional na VII Conferencia (abril) do RSDLP (bolxevique).
_____________________
1 José María FARALDO: El nacionalismo ruso moderno. Madrid, Báltica Editorial, 2020, p. 24.
2 Iósif STALIN: El marxismo y la cuestión nacional. Viena, revista Prosveshchenie, 1913, pp. 4-6.
3 Yuri SLEZKINE: “The USSR as a communal apartment, or how a socialist state promoted ethnic particularism”, Slavic review, vol. 53, 2, 1994, p. 416.
4 Andrey SHCHERBAK: “Nationalism in the USSR: A historical and comparative perspective”, Nationalities Papers, vol. 43, 6, 2015, p. 876.
5 Vladímir LENIN: “1913-1916”, tomo 5 de Obras. Moscú, Progreso, 1973, p. 96. Tradución propia.
6 RGASPI, Fondos persoais de personalidades principais da época soviética, fondo 558, Stalin (Nastha Dzhugashvili), Iosif Vissarionovich (1878-1953) fondo 1, documentos do autor, delo 59, discurso sobre a cuestión nacional na VII Conferencia (abril) do RSDLP (bolxevique), p.3. Dispoñible en: http://sovdoc.rusarchives.ru/sections/personality//cards/4520/images.
7 Olena PALKO: “Ukrainian National Communism: Challenging History”, Debatte: Journal of Contemporary Central and Eastern Europe, vol. 22, 1, 2014, p. 35.
8 Volodimir SERGUIICHUK: Ukranisatsia Rosii: Politichne oshukanctbo ukraintsiv rosiiskoiu bilshobitskoui vladoiu v 1923-1932 rokajh. Kiev, Ukrainska vidavnicha spilka, 2000, p. 158.
9 Tatiana JHLININA e Igor VASILIEV: “Ukranisatsiia kak politika i problema cobremennoi istoriografii”, Istoriografichni doslidjennia v Ukraini, vol. 2, 22, 2012, pp. 204-205.
10 Terry Dean MARTIN: The affirmative action empire: nations and nationalism in the Soviet Union, 1923-1939. Ithaca, Cornell University Press, 2001, pp. 78-80.
11 Konstantin SIVIRYETSKII: Iasiki v ukraine: vosrodit ukrainskii-sashchitit russkii. Zaporizhia, Dikoe Pole, 2008, pp. 47-48.
12 Hai ucraínos que falan ruso e non significa que non se consideren ucraínos.
13 Nikita KHRUSHCHEV: “Commissar, 1918-1945”, vol. 1 de Memoirs of Nikita Khrushchev. Pennsylvania, The Pennsylvania State University Press, 2004, p. 139. Tradución propia.
14 Francine HIRSCH: Empire of nations: ethnographic knowledge and making of the Soviet Union. Ithaca, Cornell University Press, pp. 155-158.
15 John ARMSTRONG: Ukrainian nationalism. Columbia, Columbia University Press, 1963, p. 15.