A favor do Longopracismo e contra do nesgo curtopracista

Moita xente considera axeitado darlle maior importancia ao curto prazo. Por exemplo, dada a posibilidade de elixir entre ter 100 euros hoxe ou ter 105 dentro de vinte anos, moitas persoas optarían pola primeira opción. Aínda que este nesgo cutropracista parece estar xustificado en certos casos, noutros parece moi problemático. Neste artigo mostrarei que este nesgo é considerabelmente problemático no eido moral. Para isto, na primeira sección examinarei a Ratio de Desconto. Na segunda sección analizarei brevemente as Perspectivas Éticas Estreitas Relativas á Persoa e mostrarei por que deben ser rexeitadas. Na terceira sección explicarei por que deberíamos aceptar o Longopracismo e, finalmente, a cuarta sección concluirá. 

A Ratio de Desconto

Un dos argumentos máis usuais a favor do curtopracismo consiste en apelar á idea de que parece intuitivo que deberíamos descontar o valor moral do futuro en proporción ao distante que sexa. Non obstante, parece moi difícil xustificar esta idea. Para ver o porqué, consideremos estes dous escenarios

  • Dentro de 200 anos, 2.000 persoas sufrirán danos leves debido a unha catástrofe nuclear.
  • Dentro de 2.000 anos, 200.000 persoas sufrirán danos graves debido a unha catástrofe nuclear.

Hai persoas que consideran moi intuitivo que, dada a certeza de que no futuro ocorrerán tanto (a) coma (b), (b) é moito peor que (a), independentemente do distante que (b) estea no futuro. Isto mostra que o tempo non é un factor relevante ao avaliar moralmente diferentes escenarios. Porén, isto é incompatíbel coa Ratio de Desconto. En consecuencia, a Ratio de Desconto non é plausíbel.

Perspectivas Éticas Estreitas Relativas a Persoas

Moitas filósofas e filósofos defenden o que se coñece como Perspectivas Estreitas Relativas a Persoas. Existen dous tipos de Perspectivas Estreitas Relativas a Persoas, as temporais e as modais. Dado que neste artigo estamos interesadas en cuestións temporais, centrarémonos nas perspectivas deste tipo. Existen tres tipos de Perspectivas Temporais Estreitas Relativas a Persoas: o Presentismo, o Anteriorismo e o Identitarismo. De acordo co Presentismo, os intereses daquelas persoas que xa existen deberían ter prioridade sobre os intereses daquelas que poderían existir no futuro. De acordo co Anteriorismo, os intereses daquelas persoas que existen previamente deberían ter prioridade sobre os daquelas que existirán posteriormente. Por último, as perspectivas identitaristas consideran que debemos darlles prioridade  aos intereses das persoas que xa teñen a súa identidade definida. Estas perspectivas, como a Ratio de Desconto, marcan unha fronteira moral que parece totalmente arbitraria e inxustificada dado que os danos e os beneficios que poden repercutir sobre unha persoa non dependen da liña temporal na que estea situada. Dado que a idea de que debemos considerar os intereses de todo o mundo por igual parece moi intuitiva, deberíamos rexeitar este tipo de posicións xa que son incompatíbeis cun criterio imparcial deste tipo.

  • Longopracismo

Na sección previa consideramos que o criterio da imparcialidade parece ser un criterio moral moi intuitivo e difícil de rexeitar. Isto implica que en moitos casos deberíamos darlles unha consideración moito máis seria aos efectos que as nosas accións poderían ter a longo prazo. Noutras palabras, implica que deberíamos aceptar o Longopracismo. Principalmente por dous factores. En primeiro lugar, o futuro a longo prazo podería ser inmenso, é dicir, a cantidade de individuos que poderían existir no futuro a longo prazo podería sobrepasar por magnitudes aos que poderían existir no presente ou no futuro a curto prazo. En segundo lugar, moitas das nosas accións no presente poderían ter moito impacto no desenvolvemento do futuro a longo prazo. Por conseguinte, debemos preocuparnos máis por influír positivamente no futuro a longo prazo que no presente e no futuro a curto prazo. Non obstante, isto non implica que todas as nosas accións deban estar dirixidas a tentar influír no desenvolvemento do futuro a longo prazo. En certos casos, existen factores que complican a posibilidade de influír no futuro a longo prazo tales como a incerteza, intereses enfrontados… e estes factores tamén deben ser considerados ao decidir como debemos actuar. En calquera caso, dado que os dous factores previamente mencionados parecen moi plausíbeis, debemos darlle ao futuro a longo prazo unha importancia moi substancial, definitivamente moito maior da que a maioría da xente lle outorga a día de hoxe. Dito doutro xeito, deberíamos aceptar o Longopracismo.

Neste artigo examinamos os algúns dos argumentos a favor do nesgo curtopracista. Non obstante, tanto a Ratio de Desconto como as Perspectivas Éticas Estreitas Relativas a Persoas resultaron ser moi contraintuitivas. Se asumimos unha perspectiva moral imparcial, temos bos motivos para aceptar o Longopracismo. Á fin e ao cabo, o futuro a longo prazo podería ter un valor esperado inmenso (tanto negativo como positivo) debido á cantidade de individuos que poderían existir nunha liña de tempo tan extensa. Dada a posibilidade de influír no futuro a longo prazo, é moi probábel que teñamos un impacto moi relevante no desenvolvemento do mesmo, xa sexa logrando que este sexa moi positivo ou, especialmente, evitando que este sexa moi negativo. Así pois, se queremos que as nosas perspectivas éticas non sexan arbitrarias e contraintuitivas, debemos aceptar o Longopracismo.

Bibliografía

Derek PARFIT: “Future people, the non‐identity problem, and person‐affecting principles”, Philosophy and Public Affairs, 45 (2017), pp. 118-157.

Larry TEMKIN: “Rethinking the good – a small taste”, Law, Ethics and Philosophy, 2 (2014), pp. 58-86.

Máis artigos

Santiso (Pontevedra), 1995. Cursei o grao en Filosofía na USC e o máster en Filosofía: coñecemento e cidadanía na mesma universidade. Traballo na área de filosofía moral, centrándome na área de ética das poboacións mais tamén noutras áreas afíns como as da ética animal e a teoría da decisión, nas que realizarei publiacións no futuro.

Comparte

Facebook
Twitter
WhatsApp
Email

Comentarios

Deixa un comentario

Publicidade