A Eslovaquia independente de Josef Tiso: Camiño ó poder

Adrián Feijoo Sánchez

O PPEH presentouse ás eleccións de 1920, en coalición co Partido Popular Checo, coma o único partido non partidario do Estado checoeslovaco, pese a que nun principio apoiaron a súa Constitución (co condicionante de se cumprían ou non as demandas de maior autonomía)1 . Obtiveron doce deputados e o 17’5% dos votos na Eslovaquia, preto do 18% que recibiu a outra gran forza nacionalista, o Partido Nacional Eslovaco (SNS) en conxunto con partidos agrarios. Pero os dous estaban lonxe dos socialistas, co 38’1%((Nas de 1920, o porcentaxe de voto ós socialistas chegou a máis do 50%. En xuño de 1919 proclamárase a efémera República Soviética Eslovaca, por influenza da intervención da Hungría comunista.2.

Ambos partidos foron os abanderados do descontento eslovaco coas políticas checas, e os resultados foron variando co paso dos comicios. Nos de 1925, o PPHL e o SNS leváronse, respectivamente, o 34’3 e o 17’4% dos votos da rexión, mentres que os socialistas descenderon ata o 4’2%, e os comunistas creceron ata a marca do 13’9%3.

A este crecemento electoral seguiuno un cambio nas relacións co goberno de Praga. Unha reforma constitucional definiu a Eslovaquia coma unha rexión administrativa unida4 , o cal mellorou notablemente o entendemento entre grupos. En 1927, o PPEH entrou na coalición de goberno con dous asentos ministeriais; un deles, o de Saúde e Educación Física, foi para o sacerdote Josef Tiso, a principal figura da corrente moderada no partido5.

Pero o PPEH non era unha entidade homoxénea, se falamos do ideolóxico. Algúns sectores viron esa entrada nun goberno de coalición checoeslovaco como unha traizón ós seus principios, e abandonaron o partido. Os que quedaron, liderados polo radical Vojtech Tuka, non renunciaron tampouco a manifestar o seu desagrado. Un artigo de Tuka en xaneiro de 1928, discutindo sobre unha suposta interpretación legal para a independencia de Eslovaquia, levou á súa detención e xuízo por traizón.

Monsenor Josef Tiso en 1936. Fonte: Wikimediacommons
Vojtech Tuka no 1941. Fonte: Wikimediacommons

 

 

 

 

 

 

 

Para máis inri, o affaire coincidiu cun momento delicado no campo electoral, xa que descenderon ata o 28’3% dos votos nas eleccións de 1929, ano no que tamén abandonaron o goberno de coalición. Para os comicios de 1935 (caracterizados a nivel estatal pola vitoria do Partido Alemán dos Sudetes) presentáronse baixo a mesma marca o PPEH, o SNS e partidos das minorías polaca e rutena, obtendo un 30’1% dos votos3.

Os anos trinta trouxeron a influencia do fascismo italiano e, especialmente, do nazismo alemán. A ampliación dos radicais en certos sectores do partido podería relacionarse, amén de co contexto político, social e ideolóxico na Europa do momento (ascenso dos totalitarismos, crise económica), co fracaso dos intentos por ampliar a autonomía da Eslovaquia, a maiores das prerrogativas da lei de 19276 . Pero as tendencias fascistas xa existían de antes: a inicios dos vinte Tuka creara a Rodobrana, unha milicia de partido moi semellante a outras en Italia e Alemaña, que contou cuns 30.000 militantes (1926) ata a súa desaparición, constituíndo igualmente o groso dos sectores radicais do PPEH7.

As relacións do partido co exterior foron bastante fluídas con plataformas afíns: en 1935 houbo contactos entre Hlinka e Konrad Henlein, líder do Partido Alemán dos Sudetes; na conferencia de delegados de Piszczany, en setembro de 1936, había representación dos nacionalsocialistas alemáns, do Partito Nazionale Fascista italiano e dos fascistas franceses. Esta conferencia foi, ademais, onde se anunciou a entrada do partido na Fronte Anticomunista Internacional, baixo o lema “Hitler-Horthy-Hlinka-unha soa liña.” Tamén mantiñan relacións con Hungría e Polonia8 .

Ós nazis, coa vista no horizonte do seu novo orde europeo, interesáballes unha Checoeslovaquia debilitada e carcomida por disputas internas, e polo tanto non foi estraño o seu relativo apoio á causa eslovaca. En xeral, os protectores estranxeiros do PPEH buscaban a destrución do Estado checoeslovaco, Os acontecementos de 1938 e 1939, coa crise dos Sudetes e as súas consecuencias, confirmarían esas intencións.

Reunión de Benito Mussolini, Adolf Hitler, o seu intérprete Paul-Otto Schmidt e Arthur N. Chamberlain no 1938. Fonte: Wikimediacommons

*Foto de portada: Mapa de Checoslovaquia no 1928. Fonte: Wikimediacommons.

Bibliografía

-Jerzy W. BOREJSZA: La escalada del odio. Movimientos y sistemas autoritarios y fascistas en Europa, 1919-1945. Madrid, Siglo Veintiuno de España Editores, 2002.
-Xosé Manoel NÚÑEZ SEIXAS: Movimientos nacionalistas en Europa. Siglo XX. Madrid, Editorial Síntesis, 2004.
-James Mace WARD: Priest, politician, collaborator: Josef Tiso and the making of fascist Slovakia. Cornell University Press, Ithaca (NY), 2016.

Notas ao pé

  1. Xosé Manoel NÚÑEZ SEIXAS: Movimientos nacionalistas en Europa. Siglo XX. Madrid, Editorial Síntesis, 2004, p. 147 []
  2. Jerzy W. BOREJSZA: La escalada del odio. Movimientos y sistemas autoritarios y fascistas en Europa, 1919-1945. Madrid, Siglo Veintiuno de España Editores, 2002, p. 201 []
  3. Xosé Manoel NÚÑEZ SEIXAS: Movimientos nacionalistas…, p. 147 [] []
  4. A lei incluía unha Asamblea de competencias reducidas, cun terzo dos seus membros escollidos dende Praga. Íbid., p. 148 []
  5. James Mace WARD: Priest, politician, collaborator: Josef Tiso and the making of fascist Slovakia. Cornell University Press, Ithaca (NY), 2016, p. 3 []
  6. Íbid., p. 148 []
  7. Íbid., p. 250 []
  8. Jerzy W. BOREJSZA: La escalada…, p. 203 []
Máis artigos

Bergondo, 1995. Graduado en Historia e mestrado en Historia Contemporánea pola Universidade de Santiago de Compostela, mestrado en Profesorado pola Universidade de Vigo. Na actualidade cursa o Doutoramento en Historia Contemporánea na USC, investigando sobre as relacións diplomáticas entre os EEUU, a OEA e os países da área do Caribe no escenario post-Castrista. Publicou en Casa dos Espellos: Revista Poliédrica da Cultura Galega o artigo “A emigración no cine de Chano Piñeiro: Mamasunción (1985) e Sempre Xonxa (1989)”.

Comparte

Facebook
Twitter
WhatsApp
Email

Comentarios

Deixa un comentario

Publicidade