En defensa da Idade Media

Identificar esta etapa histórica con algo nefasto, negativo ou sombrío, como ten acontecido durante a pandemia, non se corresponde coa herdanza que recibimos dela.

O fito histórico dos anos 2020 e 2021 estudiarase como un tempo difícil con moitas arestas. As persoas que o analicen encontranse co uso frecuente do adxectivo “medieval” para cualificar o confinamento, método empregado nos tempos da peste medieval. Adoita facerse con marcado desprezo, sen reparar en que naquela época o confinamento fora unha medida intelixente e eficaz, como probou o califa almohade Abu Ya’qub (1163-1184), quen, por mor da epidemia de 1175, decidira deixar de utilizar as mesquitas para evitar contaxios. Tamén foi eficaz outra medida: afastarse das urbes, como fixeran algúns florentinos que en 1348 abandonaran a cidade para se instalaren no campo, tal como Bocaccio reflectiu nos contos do Decameron.

O termo “medieval” estase empregando até a saciedade para adxectivar todo o mao desta pandemia. O desgaste comezou co ex-beatle Paul McCartney dicindo: “… é un pouco medieval iso de comer morcegos… Non tiña por que morrer toda esta xente. E por que? Por todas as súas prácticas medievais“. A un membro destacado do comité médico da pandemia cualificárono de galeno “medieval”. Un coñecido escritor afirmou: “Veu a bicha e xa nos volvemos medievais“.

Podemos dicir que de “medieval” se vén cualificando todo o relacionado co atraso, a ignorancia, a incultura a insalubridade, a barbarie, a crueldade, o fanatismo, o horror, a miseria, a monstruosidade, a violencia… A palabra é un estigma que os medievalistas aturan con estoicismo, mais neste ano de pandemia, o termo acrecentou o seu uso para cualificar asuntos moi diversos. Así, encóntranse afirmacións como: “Non me sexa medieval e apoie a ciencia e a medicina”; ou tamén se pode ler: “Créndose sofisticada, esta esquerda medieval…”. Ao criticar o apoio ao ensino público pódese ler: “…téñenlle unha inquina á [educación] concertada, que é primitiva, medieval…”. Ou ante a negativa a consentir a comparecencia do rei ante as Cortes, un deputado afirmou: “As persoas que cren que tapando isto defenden a institución o que fan é medievalismo“.

Somos moitas persoas as que pensamos que é necesario dicir basta. Como en todas as épocas da historia, a Idade Media transmitiu un legado diverso, mais identificar o medieval con algo nefasto, negativo, sombrío, non se corresponde coa herdanza que a sociedade europea e, loxicamente, a española temos recibido desa etapa histórica.

Libro de Horas de Carlos VIII. Fonte: Biblioteca Nacional de España (http://bdh-rd.bne.es/viewer.vm?id=0000037462)

Non debemos esquecer que a Idade Media impregna as nosas angueiras cotiás: o garfo, o papel moeda, os lentes, o reloxo mecánico, o libro e a imprensa ou a auga de rosas… proceden daquel tempo. Porén, máis alá de inventos, os séculos medievais foron grandes xeradores de estruturas sociais, territoriais, políticas e educativas que nos convidan a reflexionar sobre o camiño percorrido desde entón até os nosos días. Non provén a xeopolítica europea dese tempo, cando apareceron os reinos aos que remiten as historias nacionais de moitas nacións europeas? Como se conforma un país como Francia, no que ademais hai un territorio que se chama Normandía e outro Bretaña? Por que hai un país que se chama Portugal e ten a forma que ten? Por que falamos de anglosaxóns cando nos referimos á poboación da Gran Bretaña?

Para alén da creación de reinos, hai outros aspectos salientábeis da xeopolítica ou das formas políticas que derivan de fenómenos acontecidos durante a Idade Media. Cando, se non nese tempo, se produciu o corte cultural do Mediterráneo? Non son evidentes nos parlamentos e cortes medievais os precedentes dos sistemas representativos modernos? Non xurdiron centros urbanos cuxa topografía continúa viva no núcleo histórico de moitas capitais europeas?

Na Idade Medida tamén se avanzou no coñecemento e dominio da natureza a través dun conxunto de innovacións tecnolóxicas, agrarias e de navegación; un dominio que hoxe en día suscita preguntas que talvez non se formulaban no horizonte daquel tempo. Nesa época, as matemáticas e a álxebra alcanzaran un desenvolvemento notábel, e non son nada despreciábeis algúns adiantos en medicina e cirurxía. No ámbito cultural, ademais de prender a semente da universidade, poderíanse mencionar outros moitos aspectos: entre eles, sobresae o logro de conxugar o pasado xudeocristián co legado da Antigüidade clásica e coas achegas do mundo islámico, patente en todo tipo de manifestacións literarias e artísticas (música, libros iluminados, arquitectura, escultura, pintura…). O vestixios materiais do pasado medieval son perfectamente visíbeis en murallas, fortalezas, prazas fortes, pazos, igrexas, mosteiros e catedrais.

O legado da Idade Media é inxente. Nunha era na que os medios de comunicación cualifican de “históricos” algúns acontecementos de cada día e coidan con rigor a linguaxe “politicamente correcta”, convén pedirlles tamén colaboración para recoñecer e valorizar a herdanza da Idade Media a través do apoio a unha linguaxe “historicamente correcta”.

Asinantes:

María Jesús Fuente – María Álvarez – Cristina Álvarez Millán – Eduardo Aznar – María Dolores Barral – Iñaki Bazán – Lucía Beraldi – Asunción Blasco – Marisa Bueno – Montserrat Cabré – Enrique Cantera – Francisco Cañas – Eduardo Carpio – Ianire Castrillo – Marta Cendón – María Eugenia Contreras – Ricardo Córdoba – María Esther Corral – Fernando Corral – Jesús de Inés – Isabel del Val – Pilar Díaz – Asunción Doménech – Ana Echevarría – Gonzalo Escudero – Asunción Esteban – Jorge Fernández-Santos – Maribel Fierro – María Purificación Fuente – Antoni Furió – Miguel García-Fernández – Carmen García Herrero – Roberto González Zalacaín – Yolanda Guerrero – Beatriz Hernández – Jean-Pierre Jardin – Eduardo Jiménez Rayado – Eduardo Juárez – Alba Lara – Paulina López Pita – Pilar Lorenzo – Cristina Márquez de Prado – Iñaki Martín Viso – Fernando Martín Pérez – Georges Martin – Mario Martins Viana – Juan Martos – José María Monsalvo – Alberto Montaner – Inés Monteira – Remedios Morán – José Ignacio Moreno – Rodrigo Moreno – Rafael Narbona – Diego Navarro – Germán Navarro Espinach – José Manuel Nieto – Pablo Otero – Diana Pelaz – Óscar Perea – Isabel Pérez de Tudela – Ricardo Pichel – Berta Pico – Tomás Puñal – María Rábade – Martín Ríos – Vicente Rodríguez – Rebeca Sanmartín – Cristina Segura – Jesús Solórzano – Manuel Sosa – Sara Sotillo – Hélène Thieulin – Mercedes Vaquero – Teresa Vinyoles – Patricia Zuili.

O artigo foi traducido por Miguel García-Fernández e Ricardo Pichel

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *