Conversacións en La Catedral

Martín Álvarez Rodríguez

Este libro relátanos unha serie de historias entrelazadas con un personaxe central en común, Santiago Zavala, fillo dunha rica familia peruana que entre a rebeldía e o nihilismo describirá unha traxectoria vital canto menos curiosa. A través desta obra podemos somerxernos no Perú gobernado polo autócrata Odría, tratando temas como o racismo, a prostitución, o clasismo, a corrupción, o periodismo… pero todos de forma anecdótica e superficial, sen moralismos baratos. Unha obra dun fondo realismo (sen historias de pantasmas que rompan o relato), en momentos cru e noutros máis doce.

A través desta novela Vargas Llosa trata de amosarnos a vida do seu país nos intres nos que aínda non se “jodera” definitivamente, tal como afirma o protagonista (no que se poderían atopar certas trazas auto-biográfícas). Un dos temas centrais da primeira parte da obra será o que recorda ó flirteo do xoven Llosa con grupúsculos esquerdistas. Certamente dásenos unha imaxe bastante verídica do que debía ser a militancia política nestes anos, con persoas das clases medias e altas en partidos que dicían representar á esquerda pero que se atopaban tan alexados do movemento obreiro como Plutón do Sol. Isto, a raíz da eclosión posterior ó maio do 68, será o que Clouscard denominará “ideoloxía do desexo”, os cimentos do posterior “neofascismo” que abalará á revolución conservadora. Deste xeito o mozo protagonista entrará na “militancia” por amor, pero non a unha causa revolucionaria, se non a unha fermosa rapaza que coñece na facultade de San Marcos. Ten gran valor que o autor se decida a relatar este curioso episodio da súa vida de xeito novelado, xa que o fai sen prexuízos e sen caer na idealización vana da xuventude. Do mesmo xeito describirá a resolución da súa situación amorosa, pero para descubrir isto xa vos teredes que internar na lectura do libro…

Fonte: razonpublica.com

Ó mesmo tempo relátase o funcionamento interno do réxime autoritario de Manuel A. Odría (1948- 1956), e a súa “revolución restauradora”, que estaría coroada co lema “Salud, Educación y Trabajo”. Pero o autor non entra na caracterización ideolóxica do réxime, se non que describe os mecanismos internos do mesmo: as diferentes faccións do poder, a corrupción e o clientelismo, a importancia do exército… O fracaso do réxime, abandonado por certos sectores dereitistas que antes o apoiaron, é moi significativo para entender este tipo de fenómenos, xa que como lle di Cayo Bermúdez ó pai do protagonista, a ditadura fixera a labor de escoba, limparon o país e sacaron o lixo, polo que ó cumprir esta función xa deixaron de ter utilidade.

Un libro para iniciados, xa que a narración non segue unha liña cronolóxica con saltos espazo-temporais, ademais de que a mistura de diferentes diálogos ó mesmo tempo pode resultar algo caótica, pero no fondo o propio título do libro xa nos indica do que se trata, dunha conversación en La Catedral… Deste xeito o máis interesante non se sitúa no final da obra, si non nos detalles do cronístico relato, de gran interese para calquera que lle interese a historia contemporánea do Perú e da América Latina. A pesar disto o autor consegue manter a tensión narrativa e o interese ata o final, mantendo o interese dun xeito continuo e non caendo no recurso fácil da esaxeración ou a vulgaridade. Quizais un dos poucos peros que se lle pode poñer á obra é a ausencia no relato da clase traballadora, xa que o autor alude abordala (algo que cadra bastante coa súa ideoloxía) e cando quere facer adoita recorrer á figura do traballador que soña con ser futuro empresario, ou recorre ó fácil recurso do lumpen.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *