PuntoGal e a revista Mazarelos asinan un convenio de colaboración

O presidente da Asociación PuntoGal, Manuel González González e o representante de Mazarelos, Mateo Martínez Torres asinaron un convenio de colaboración mediante o cal Mazarelos se compromete a dar cobertura ás actividades realizadas por PuntoGal para promover a utilización do dominio a través dos seus órganos de expresión. Ademais, e grazas a este acordo, as subscritoras de Mazarelos poderán obter un dominio .gal a prezos reducidos. A sinatura realizouse de xeito telemático, dada a situación sanitaria provocada pola crise do Covid-19.

PuntoGal e Mazarelos
PuntoGal, que se achega aos seis mil dominios rexistrados, quere “continuar a promover convenios con medios coma Mazarelos, que normaliza a divulgación histórica en lingua galega e ofrece un espazo de publicación para os novos autores no que se equilibran amenidade e rigor” en palabras do director xeral da PuntoGal, Darío Janeiro.

Janeiro tamén comentou “a importancia que ten a posta en marcha de publicacións que conxugan a existencia en papel, dada a unha lectura máis calmada, coa forte presenza en liña e en redes, o que permite manter unha conversa constante cos lectores”.

Pola súa banda, Roque Sanfiz, editor de Mazarelos, quixo agradecer a colaboración de PuntoGal nunha iniciativa que “para nós ten moito valor porque o noso primeiro obxectivo como proxecto dixital foi, no seu día, chegar a ter un dominio .gal”. Mazarelos espera “dar un pulo a proxectos dixitais e lograr o dobre obxectivo de que se creen máis contidos en galego na rede e que o fagan utilizando o dominio propio”.

O convenio entrambas entidades inclúe a posibilidade de que as subscritoras de Mazarelos poidan mercar un dominio .gal ao prezo reducido de 13 euros máis IVE. Para facer efectiva a oferta, terán que utilizar códigos promocionais a través dos rexistradores que colaboran na promoción, Dinahosting e Entorno Digital.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *