O impacto das enfermidades mentais entre as capas populares na Idade Media

Xulián Iglesias Puime

As enfermidades mentais son unha das principais preocupacións da sociedade contemporánea, cada vez máis visibilizadas e coa xente máis concienciada que en momentos anteriores da Historia. Non obstante, aínda que en ocasións se fale de tipoloxías coma a depresión como a “pandemia do século XXI”, este tipo de doenzas non son unicamente cousa do presente.

Na Idade Media, unha época na que a forma na que se entendía o mundo estaba moi marcada pola espiritualidade, os trastornos mentais posuían en certas ocasións unha significación singular, vinculada co relixioso: dende persoas recluídas e estigmatizadas por considerarse posuídas polo demo, ata santos que foran divinamente iluminados.

A pesar disto, na práctica, a maioría destas persoas formaban parte do Terceiro Estado e, como tal, non acadaban o privilexiado estatus de santidade. É por isto que, cando padecían un trastorno psicolóxico, moitos pasaban a formar parte da masa marxinal, a cal era moi heteroxénea, pero que a ollos do resto eran iguais entre si: persoas sumidas na miseria cuxo único medio de subsistencia era a caridade e a esmola1.

Segundo Foucault, un bo número deles vivían de forma errante, vagabundeando de cidade en cidade, dado que as autoridades locais consideraban que o máis práctico era expulsalos directamente das inmediacións da súa comunidade. Mesmo se precedían dunha persecución e apaleamento por parte do pobo en determinados casos.  Non obstante, en certas ocasións eran confiados a mercaderes, barqueiros e demais profesións relacionadas coa viaxe, para que estes os transportaran a outros lugares. De todos eles, os mariñeiros eran a opción principal, dado que contan coa parte simbólica na que, a través da auga, os enfermos serían purificados2.

Pola súa parte, non todos se vían empurrados á vida marxinal e a vagar entre localidades, xa que existen certos documentos coma doazóns que certifican que algúns deles podían vivir no seu pobo. A pesar disto, nestes casos a responsabilidade de coidalos recaía no eido privado, da familia do enfermo, ou en ocasións moi excepcionais na súa comunidade, dado que as casas de inocentes non aparecen ata moi finais da Idade Media, no tránsito xa cara a modernidade3. Ademais, cabe destacar que en moitos lugares tiñan prohibido o acceso ás igrexas (sempre, claro está, que non foran místicos ou santos vinculados con esta), polo que sería unha forma máis de excluílos da vida pública.

Gravado de William Hogarth (1763). Fonte: Wikimedia Commons

Temos que ter en conta que os coidados, aínda que estivesen a cargo das súas propias familias non significa, nin moito menos, que estes fosen mellores que no momento no que se comeza a implantar o confinamento nas susoditas casas de inocentes. En ocasións as familias lles impoñían certas limitacións de movemento, dado que eran responsabilidade súa e en caso de que causasen algún tipo de prexuízo, o castigo recaería tamén sobre eles, e mesmo en casos extremos eran atados con cadeas para evitar autolesións ou agresións. Tamén hai que ter en conta as propias condicións materiais dos estratos populares, dado que si xa de por si a súa calidade de vida e as vivendas non eran as mellores, nos casos de persoas con trastornos as súas condicións eran paupérrimas, vivindo nas bodegas das casas, durmindo no chan, e demais4.

Os datos que temos son rexistrados a partir da intervención dalgúns santos, no momento no que obraron milagres sobre estas persoas, ou ben a partir de narracións de peregrinaxe, que constituían un dos puntos de maior concentración destas persoas, aínda que polo xeral non acadaban residencia, senón que enfocaban estas viaxes cara a curación a través das propiedades milagrosas destes lugares.

Neste campo, destaca particularmente o caso de Gheel, unha poboación localizada no norte da actual Bélxica, e que dende o século X adquire certo estatus coma enclave de peregrinación, e que, aparentemente, unha terceira parte da súa poboación nese momento estaba integrada por persoas con trastornos da psique5. Isto débese, en gran medida, a que nesta vila desenvolveu boa parte da súa actividade santa Dimpna, unha santa irlandesa que é considerada a patroa dos enfermos mentais. Os seus restos mortais repousan nese lugar, polo que moitas destas persoas peregrinaban buscando a súa curación, sendo que no século XIII construíuse unha capela adicada á súa figura e mesmo os habitantes do lugar colaboraron activamente con estes peregrinos, acolléndoos nas súas casas ata que estivesen recuperados6.

En definitiva, aínda que eran denominadas, tratadas e consideradas de forma moi diferente á actualidade, as enfermidades mentais na Idade Media eran unha realidade, e non exclusivamente reducida a casos extraordinarios, senón que formaban parte da cotiandade de moitos pobos, familias e individuos que vivían moi de cerca o impacto das mesmas.

 

O cadro de portada é unha pintura sen título de Pieter Brueghel o Novo, do ano 1592, que alude a un episodio de coreomanía, neste caso na localidade de Molenbeek. Fonte: Wikimedia Commons

 

Bibliografía

Bailey GRACE ELKIN: Madness in the Middle Ages: an Examination of the Treatment of the Mentally Ill in the Medieval Era Based on Order and Gender. Tese de titulación, Universidade de Mississippi, 2017.

Michel FOUCAULT: Historia de la locura en la época clásica. México D.F, Fondo de Cultura Económica, 2015.

Enrique GONZÁLEZ DURO: Historia de la locura en España: siglos XIII al XVII, tomo 1. Madrid, Temas de Hoy, 1994.

Simon KEMP: “Modern myth and medieval madness: Views of mental illness in the European Middle Ages and Renaissance”, New Zealand Journal of Psychology, 14 (1985), pp. 1-8.

  1. Enrique GONZÁLEZ DURO: Historia de la locura en España: siglos XIII al XVII, tomo 1. Madrid, Temas de Hoy, 1994.  p. 47. []
  2. Michel FOUCAULT: Historia de la locura en la época clásica. México D.F, Fondo de Cultura Económica, 2015, p. 15. []
  3. Simon KEMP: “Modern myth and medieval madness: Views of mental illness in the European Middle Ages and Renaissance”, New Zealand Journal of Psychology, 14 (1985), p. 6. []
  4. Enrique GONZÁLEZ DURO: Historia de la locura en España: siglos XIII al XVII, tomo 1. Madrid, Temas de Hoy, 1994, p. 52. []
  5. Michel FOUCAULT: Historia de la locura en la época clásica. México D.F, Fondo de Cultura Económica, 2015, p. 103. []
  6. Bailey GRACE ELKIN: Madness in the Middle Ages: an Examination of the Treatment of the Mentally Ill in the Medieval Era Based on Order and Gender. Tese de titulación, Universidade de Mississippi, 2017, pp. 22-23. []

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *