“Nos anos 60 en Inglaterra un rapaz podía ir ao fútbol, ao pub e pouco máis; agora ten moitas outras posibilidades” Entrevista a Carles Viñas

Hai unhas semanas, o presidente do Real Madrid e dono de ACS Florentino Pérez deu a coñecer o proxecto da superliga europea. Unha especie de competición continental na que os clubs máis ricos terían un posto asegurado, rachando co sistema de competición deportiva. A iniciativa durou dous días e fracasou tralas protestas da UEFA, gobernos e afeccionados. Para falar disto, conversamos con Carles Viñas, profesor de Historia Contemporánea na Universidade de Barcelona. Está especializado no movemento ultra na relación do fútbol e a política. Publicou, entre outros, El mundo ultra. Los radicales del fútbol español (2005), Sankt Pauli. Un altre futbol és possible (2017) e El futbol al país dels soviets (2019).

A pasada fin de semana, os siareiros do Manchester United invadiron o estadio antes dun partido protestando contra os donos do club, os millonarios norteamericanos Glazer. Pedían a súa saída do clube e a volta a un modelo no que os socios sexan os donos. Que influencia pode ter este movemento dos afeccionados no futuro do fútbol?

En realidade penso que se o proxecto quedou en stand by por agora non se debe á presión exercida polos afeccionados, senón por outros motivos relacionados cos intereses económicos e a xeopolítica. Pensar que foi a presión dos fans a determinante para facer fracasar, polo momento, a operación liderada por Florentino Pérez paréceme pouco realista, unha visión romántica, pero con pouco fundamento sinceramente.

No fútbol-negocio actual, o poder de incidencia dos seguidores é mínimo. Sería precisa unha maior coordinación e organización, ademais dunha toma de consciencia que hoxe por hoxe penso que non existe para que realmente se produza un empoderamento dos seareiros. Tampouco vexo adhesións a modelos alternativos (clubs de accionarado popular) ou intentos por tratar de reverter o modelo de SAD no Estado por exemplo. Son bastante escéptico ao respecto.

 

Diferentes mobilizacións contra a superliga europea. Fonte: https://twitter.com/standardsport

 

O presidente da Juventus de Turín e empresario da Fiat e Exor, Andrea Agnelli, dixo que os videoxogos e as plataformas de streaming están rivalizando co fútbol no tempo de lecer da xuventude. A diferencia é que o fútbol non depende de ningunha empresa e calquera pode practicalo. É posíbel que o futuro do fútbol esté en entendelo como xogo e non como espectáculo ou iso xa non ten volta atrás ao ser un produto do mercado?

O problema é que agora o fútbol véndese como entretemento, afastouse dos seus valores de antano e iso, seguramente, afastou tamén a moitos seguidores. Sobre se hai unha fenda xeracional… pois seguramente. Os tempos cambian e as opcións de ocio multiplícanse. Nos anos 60 en Inglaterra un rapaz podía ir ao fútbol, ao pub e pouco máis; agora ten moitas outras posibilidades para cubrir o seu tempo de ocio. Penso que aí está o verdadeiro problema.

Os grandes medios ven ameazada a súa influencia cos streamers falando con futbolistas nas súas canles de twitch, que parecen amosar unha cara pública dos xogadores até agora descoñecida. Pode isto facer que viremos cara un modelo máis próximo ao de competicións como a NBA, no que moitos afeccionados apoian directamente a xogadores e xa non a equipos?

Na base do que comentades atópase unha crise do xornalismo, que tamén en moitos casos transitou cara un modelo de espectacularización e entretemento. Un produto de consumo concreto. Isto tamén distanciou a moitos seguidores. A todo iso, ademais, hai que sumarlle o impacto das novas tecnoloxías e a pouca capacidade de moitos medios para reinventarse e adecuarse á nova realidade. Os hábitos da xuventude cambiaron, mais algunhas estruturas asociadas ao fútbol mantéñense ancoradas no pasado. Non houbo unha vontade de innovación en moitos casos porque non se interpretou con acerto a evolución dos hábitos sociais. Sobre se o modelo será similar ao da NBA… seguramente ese sexa o modelo que tiñan en mente os promotores da Superliga. Entretemento, televisión, produto, consumo, beneficio.

Ibai conversando con Gerard Piqué. Fonte: twitch.tv

Malia que este proxecto sexa novo, o fútbol hai décadas que tomou unha dirección de ultracomercialización. Agora, as mulleres emerxen como novas protagonistas nos campos de fútbol. Poden elas salvar a actual deriva do fútbol e facer cambiar o modelo?

A emerxencia do mal chamado fútbol feminino (porque o fútbol non ten xénero), podería ser unha esperanza. Porén, polo que vou observando estase encamiñando a replicar o modelo vixente. O peor de todo iso é constatar como, en realidade, non se é consciente do que comporta seguir a senda marcada con anterioridade polo modelo de fútbol-negocio e, ademais, que as protagonistas anhelan. Pode que sexa entendible, mais se imos máis aló do campo emocional, coido que é un erro que se trate de emular o modelo de explotación vixente en LaLiga.

Temos que ser conscientes que o fútbol non se pode disociar do seu entorno social, é un reflexo do mesmo.

Tras máis dun ano sen público nos estadios, estase falando xa de como vai ser a volta ás bancadas, capacidades, distancias… Sería este un bo momento para impedir o acceso ás gradas a neonazis e promover un novo xeito de estar nas bancadas, eliminando o odio e os insultos?
Entendo que para iso sempre é un bo momento, o problema é que non hai vontade real para acabar con esa lacra. Os axentes implicados non entenden que sexa un problema. Mentres non interfira no seu negocio, tolérase. Ademais temos que ser conscientes que o fútbol non se pode disociar do seu entorno social. De feito é un reflexo do mesmo. Polo tanto, se atendemos ao contexto sociopolítico existente na actualidade entenderemos porque persisten este tipo de actitudes e comportamentos.

O Burela Pescados Rubén gañou recentemente a Copa da Raíña de fútbol sala. Fonte: burelafs.org

Imaxe de portada de Oriol Clavera amablemente cedida por Catarsi Magazín.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *