Francisco Franco Salgado-Araujo, unha sombra gris no Pardo

Arturo Real López

A figura de Francisco Franco Salgado-Araujo (Ferrol, 1890 – Madrid, 1975) é a dunha interesante xanela á realidade no cumio da ditadura franquista. A proximidade que houbo entre os dous primos, o ditador e o seu secretario durante moitos anos, quedou reflectida por parte deste último nun par de libros publicados post-mortem: Mis conversaciones privadas con Franco (1976) e Mi vida junto a Franco (1977), que dalgunha maneira ofrecen un cadro da realidade máis cotiá do Pardo e das opinións e comentarios sobre unha grande cantidade de temas de Francisco Franco. Unha realidade maquillada pola lealdade demostrada en numerosas ocasións polo subalterno, pero que non está exenta tamén de críticas e reproches ao tren de vida do ditador.

Breve biografía de Francisco Franco Salgado-Araujo

Trazar unha biografía deste persoeiro é trazar a biografía dun exemplo paradigmático do oficial golpista que en 1936 arrastrou ao país á guerra civil. Nado en 1890 na cidade de Ferrol, era membro dunha familia de longa tradición militar. A temperá morte dos seus pais na súa infancia, lévao a quedar baixo a titoría do sobriño do seu pai, Nicolás Franco Salgado-Araujo, o pai de Francisco Franco Bahamonde. A relación entre ambos primos nace pois da mesma infancia.

Franco Salgado-Araujo entrou na Academia de Infantería de Toledo no ano 1908, un ano despois do seu primo, e rematou os seus estudos en 1911. Despois diso, foi trasladado ao Protectorado en Marrocos, onde pasou a loitar contra os insurxentes rifeños. Participou xunto ao seu primo nos avatares vinculados á fundación da Lexión, continuándose así a súa vinculación e subordinación familiar. O conflito finalizou con eles destinados en distintas unidades, mais despois da mesma, cando Franco é nomeado director da Academia Militar de Zaragoza, voltaron á posición de subordinación, sendo Salgado-Araujo o seu segundo na mesma.

O Boletín Oficial del Estado recolle de maneira sucinta o que foi a relación de ambos militares, con razón da concesión dunha pensión de viuvez á segunda muller de Salgado-Araujo, ao pouco da chegada ao trono de Juan Carlos I:

Aparte de haber sido distinguido con la Medalla Militar Individual en mil novecientos veintinueve por su destacaba actuación en la Campaña de África, participó activamente en la preparación y comienzo del Alzamiento Nacional; fue durante muchos años ayudante del Caudillo de España, desempeñó el cargo de Capitán General de la Quinta Región Militar, para ocupar después el puesto de Jefe de la Casa Militar de Su Excelencia, y la Jefatura de su Secretaría Particular. Por su destacada hoja de servicios profesionales y especialmente por su eficacísima y dilatada labor como colaborador personal del Jefe del Estado, se hizo acreedor al reconocimiento de sus méritos1.

En Franco Salgado-Araujo temos a un militar de carreira, coa milicia como centro das súas aspiracións vitais. De feito, nos libros que deixou escritos é recorrente a súa queixa polo feito de non poder acreditar en toda a Guerra Civil ningún mando directo sobre tropas na fronte, e xa dende etapas temperás quedou “un tanto desilusionado, al considerar que no me sería fácil de conseguir la gloria del mando directo de fuerzas2. Manterase nun papel organizador no cuartel do ditador e na súa secretaría, un espazo que coñecerá de primeira man e lle achegará ao centro de poder e toma de decisións do novo estado ditatorial. Falecerá no ano 1975, o mesmo no cal morrerá o seu adorado curmán, mais uns meses antes, o primeiro de maio, en Madrid. Ao seu enterro non acudiu o ditador.

O entón tenente xeneral Franco Salgado-Araujo e o príncipe de España, Juan Carlos de Borbón, na Pascua Militar do ano 1971 no Palacio de Oriente. Extraída de: Francisco FRANCO SALGADO-ARAUJO: Mi vida junto a Franco. Barcelona, Planeta, 1977: p. 332.

A polémica arredor das súas memorias

O columnista Manuel Jiménez de Parga, nun artigo da serie “Con Acento”, declarou arredor das polémicas memorias de Franco Salgado-Araujo: “No percibo bien el propósito del más cercano colaborador de Franco (…). No entiendo las razones por las que se ha querido proyectar esta luz clara sobre «El Pardo». Ni el peor de sus enemigos lo hubiera hecho mejor3.

Unhas declaracións que se entenden arredor das dúas obras que ao longo da súa vida foi escribindo esta eminencia gris do Réxime, para seren publicadas despois da morte de Franco e del mesmo. Foron publicacións que acadaron un gran éxito de vendas nas librerías do momento, e a prensa recolle que, por volta de 1981, os ingresos que a través da Editorial Planeta rexistraron os dous libros de Franco Salgado-Araujo acadaban xa os trece millóns de pesetas4. De ambas obras, o maior terremoto desencadeouno o primeiro dos libros, Mis conversaciones privadas con Franco (1976). O segundo libro, Mi vida junto a Franco (1977), é máis que de apuntamentos de Franco unha traza vital de Franco Salgado-Araujo, unha carreira vital na que se define e clarifica ao longo do tempo a relación de ambos, dende a infancia ata a Guerra Civil.

Folla resumo do libro “Mis conversaciones privadas con Franco”, de 1977, na cal se fai unha síntese e promoción do mesmo e que inclúe unha fotografía do autor, Francisco Franco Salgado-Araujo. Fotografía propia.

Voltando ao primeiro, foi un libro que, no momento de saír, enmarcado en pleno proceso transicional, levantou unhas expectativas e polémica enormes. Todo arredor dun concepto “mitolóxico” dentro da memoria literaria do franquismo: a existencia dunhas memorias escritas polo ditador. Dentro da gran incógnita de cal é o alcance, entidade, e en resumo a realidade de tales memorias, que a día de hoxe son aínda unha incógnita; as memorias de Franco Salgado-Araujo. Uns libros dos que o historiador e polemista Ricardo de la Cierva falaba, previamente á súa publicación, nos seguintes termos:

Supongamos que, durante un período dilatadísimo, esencial en la vida personal y política de Franco, hubiera vivido no lejos de él, aunque no en su casa, un confidente. Una persona dotada de absoluta fidelidad a Franco, pero tan desprovista de imaginación que su testimonio reflejaría exactamente las actitudes de Franco sin posibilidades de tergiversación o deformación intencionada5 .

É dicir, a efectos prácticos e para este e outros analistas, a transcrición pormenorizada das conversas entre ambos familiares exercerían en certo sentido de supletorio amplo e xeral do que sería a posición de Franco sobre infinidade de temas: política exterior, interior, a composición dos seus gabinetes, a Segunda Guerra Mundial…, por citar algúns temas. Unha sorte de, en certo sentido, memorias, que dalgunha forma taparían un oco na memorialística arredor desta figura, a da existencia dunhas memorias nas que el mesmo plasmase os seus pensamentos e opinións vitais.

Conclusións

Coa obra escrita por parte de Franco Salgado-Araujo, temos unha fiestra a unha realidade política que resultaba, no momento da súa publicación, totalmente inalcanzable á maioría do pobo. Nos seus libros hai comentarios de toda índole, en relación a tráfico de favores, dádivas e prebendas para gañar o favor do xefe do Estado, colocacións arredor de postos de administración…. En síntese, un compendio de moitas das actividades delituosas que o Réxime amparou. A prensa do momento o viu así tamén, e no momento da publicación do controvertido primeiro volume, o arco da prensa nacional mobilizouse en consecuencia.

Dende as páxinas do xornal El Alcázar, de tendencia ultra, fálase da denigración dun dos grandes homes da Historia de España, e que a súa publicación causa danos ao ministerio de Información e Turismo por permitir tal “erosión” sobre a figura de Franco. Pero xornais como Ya ou El Pueblo mantiveron unha postura máis aberta, tendente a darlle a estas memorias o valor histórico que representan dentro da historiografía, entón aínda nacente, do franquismo6

No diario El País, Ricardo de la Cierva fala desta obra como unha ferramenta para o estudio da figura de Franco de gran nivel. “Entre las múltiples virtudes de Franco Salgado no brilla, desde luego, una gran imaginación. El Caudillo está de cuerpo entero en estas páginas. Franco Salgado no inventa nada; reproduce con fidelidad magnetofónica cuanto oye7. A súa definición como “as auténticas memorias de Franco”, como fai Cierva no artigo citado, pode ser un tema máis debatible, pero o que queda fora de dúbidas é que marcaron un fito na apertura de miras de estudio arredor do finado ditador e o estado que construíu nos seus anos no poder.

*Foto de Portada. Portadas de ambos os libros de memorias de Franco Salgado-Araujo. Á dereita, o primeiro, “Mis conversaciones privadas con Franco” (1976), e á esquerda “Mi vida junto a Franco” (1977). Fotografía propia.

Bibliografía

– Boletín Oficial del Estado: “Ley 59/1975, de 30 de diciembre, sobre concesión de una pensión excepcional a doña Pilar de la Rocha Nogués, viuda del Teniente General don Francisco Franco Salgado-Araújo”, N.º 314, do 31 de decembro de 1975: p. 27090.

– Francisco FRANCO SALGADO-ARAUJO: Mis conversaciones privadas con Franco. Barcelona, Planeta, 1976.

– ÍD: Mi vida junto a Franco. Barcelona, Planeta, 1977.

– Antonio IZQUIERDO: “Denigración, no desmitificación”, El Alcázar (18/10/1976). Dispoñible en: https://linz.march.es/Ficha.asp?Reg=R-38679 (consultado o 09/04/2021).

– Manuel JIMÉNEZ DE PARGA: “Luz clara sobre «El Pardo»”, La Voz de Galicia, (05/10/1976) p. 52.

– Manuel JUSTE IRIBARREN: “Desmitificar a Franco”, Ya (16/11/1976). Dispoñible en: https://linz.march.es/Ficha.asp?Reg=R-40409 (consultado o 09/04/2021).

– Hugo SÁNCHEZ: “Ventana indiscreta: Un negocio”, La Voz de Galicia, (06/09/1981), p. 17.

– Ricardo de la CIERVA: “¿Dónde están las memorias de Franco?”, El País, (13/05/1976). Dispoñible en: https://elpais.com/diario/1976/05/13/ultima/200786403_850215.html (consultado o 08/04/2021).

– ÍD: “La venganza del ayuda de cámara”, El País, (16/10/1976). Dispoñible en: https://elpais.com/diario/1976/10/10/cultura/213750010_850215.html (consultado o 07/04/2021).

Notas ao pé

  1. Boletín Oficial del Estado: “Ley 59/1975, de 30 de diciembre, sobre concesión de una pensión excepcional a doña Pilar de la Rocha Nogués, viuda del Teniente General don Francisco Franco Salgado-Araújo”, N.º 314, do 31 de decembro de 1975: p. 27090. []
  2. Francisco FRANCO SALGADO-ARAUJO: Mi vida junto a Franco. Barcelona, Planeta, 1977: p. 188. []
  3. Manuel JIMÉNEZ DE PARGA: “Luz clara sobre «El Pardo»”, La Voz de Galicia [En adiante, LVdG], (05/10/1976) p. 52. []
  4. Hugo SÁNCHEZ: “Ventana indiscreta: Un negocio”, LVdG, (06/09/1981), p. 17. []
  5. Ricardo DE LA CIERVA: “¿Dónde están las memorias de Franco?”, El País, (13/05/1976). Dispoñible en: https://elpais.com/diario/1976/05/13/ultima/200786403_850215.html Consultado o 08/04/2021 []
  6. Antonio IZQUIERDO: “Denigración, no desmitificación”, El Alcázar (18/10/1976). Dispoñible en: https://linz.march.es/Ficha.asp?Reg=R-38679 (consultado o 09/04/2021). Manuel JUSTE IRIBARREN: “Desmitificar a Franco”, Ya (16/11/1976). Dispoñible en: https://linz.march.es/Ficha.asp?Reg=R-40409 (consultado o 09/04/2021). []
  7. Ricardo DE LA CIERVA: “La venganza del ayuda de cámara”, EP, (16/10/1976). Dispoñible en: https://elpais.com/diario/1976/10/10/cultura/213750010_850215.html (consultado o 07/04/2021). []

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *