Semente de Berrar: 40 anos de ruido e rúa

O proxecto Semente de Berrar ten a intención de recuperar a memoria da sociedade galega a través de movementos contraculturais ligados á música e á cultura dende os anos 80 até a actualidade. A partir dunha serie de entrevistas a protagonistas achegarannos as voces da musica galega. Para poder levar a cabo este proxecto, lanzaron unha campaña de micromecenado na plataforma goteo.org. Falamos con Iago Santás, mestre en Allariz e un dos coordinadores do proxecto.

Por que elixides este momento para levar a cabo a creación desta peza audiovisual?

O momento foi puramente circunstancial. A idea de dotarnos dun traballo algo profesionalizado que recollera estes anos sempre estaba aí en moitos ambientes e distintos círculos. Supoño que ao ter máis tempo na casa polas circunstancias actuais, por esa “redondez” do corenta, alén de outras cousas, fixeron que se dera o empurrón definitivo para, polo menos, intentalo.

Cales credes que serán as vantaxes e as limitacións que ofrecen a transmisión oral deste tipo de feitos?

As vantaxes serían a inmediatez e recollida directa da información por parte das e dos protagonistas. A “comodidade” que, e non sei se esto é bo ou malo, ofrece o audiovisual para ser receptor de información ou, en definitiva, por só os medios pero que o relato o fagan outros. Desvantaxes? A subxectividade e a falta de rigurosidade que poden existir en feitos ou recordos…ao fin todos vemos a realidade dende os nosos sentidos, interiorizámola como propia pero pode non ser real. Esto non quere ser un traballo académico ou documentalista no sentido bibliográfico: petretende por a voz nos axentes involucrados ou, máis ben, nunha parte deles e delas.

 

 

 

 

 

 

 

 

Algunhas das recompensas que ofrece o proxecto “Semente de Berrar” no seu micromecenado.

Na campaña de micromecenado falades de realizar un total de 40 entrevistas a protagonistas de diferentes tempos ligados á contracultura galega en eidos como a música ou en formatos como revistas. Tedes constancia de que haxa investigacións xa feitas desta temática?

Falamos de que queremos xogar co corenta e que saian corenta persoas no documental, iso non quere dicir que sexan corenta entrevistas individuais. Non temos os medios económicos e sería moi complicado darlle forma sen ser un soberano ladrillo. Se fose por décadas, por comarcas, por subestilos podería ser pero é algo máis global. Unha escolma de centros de interese e unha escolma de xente falando deles. Sobre traballos feitos previamente…existen multitude de fanzines, de vídeos, libros sobre o Vigo dos 80 ou os de Laura Romero e Fernando Fernández Rego. Tamén algunha tese ou traballo de fin de grao falando do crust na Coruña a principios do dous mil e seguro moitas máis cousas. Pero algo enfocado como queremos nós, non somos conscientes de que existira. Ogallá, así adicábamonos a outra cousa!

 

Podedes sinalar cales serán os principais escenarios nos que se desenvolva a peza audiovisual?

Ambientes de grabación hai variados: praias do Morrazo, locales míticos como La Iguana ou O Bartolo, O Freixo ou espazos onde se inserían antigas okupas de Coruña como Las Ruinas ou a Okupa da Ría. Todos eles cunha vinculación especial cos protagonistas, intentamos que a súa decisión tivese máis peso que a nosa, ou chegar a un consenso en base aos recursos humanos e materiais.

Unha vez realizado, cal será o destino o documental? Tedes pensado facer emisións en salas de Galicia?

Gostaríamos moito pero imos pasiño a pasiño. Estamos nunha primeira fase de preproducción que vai moderadamente ben, somos completamente novos neste mundillo e, alén do circuito de cineclubes de Galiza, non coñecemos ese tipo de mecanismos, distribución, etc.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *