Máis uma vez, Primavera

Xaquín Bermello Corominas

Sei que estás em festa, pá

Fico contente

E enquanto estou ausente

Guarda um cravo para mim

Eu queria estar na festa, pá

Com a tua gente

E colher pessoalmente alguma flor

No teu jardim

Sei que há léguas a nos separar

Tanto mar, tanto mar

Sei também quanto é preciso, pá

Navegar, navegar

Lá faz primavera pá

Cá estou doente

Manda urgentemente algum cheirinho

De alecrim

Chico Buarque compoñía e gravaba en Portugal “Tanto Mar” un ano despois da revolución dos cravos. Nesta peza dialoga con aqueles obstinados “rapaces” () que están em festa tras facer caer á ditadura. Pídelles que a primavera que fixeron brotar nos seus xardíns poidan compartila co Brasil, ben cun cravo ben cun cheirinho, que atravese o mar e libere ao seu país do réxime militar. Na primavera de 1974, o 25 de abril, saían os militares ás rúas de Lisboa para depoñer o goberno da ditadura e finalizar a guerra colonial. No seu camiño cara o Torreiro do Paço (Praça do Comércio) recibiron caraveis da man dunhas floristas alegres e esperanzadas ante a anhelada idea de superar un réxime carente de dereitos e liberdades.

Militares portugueses con caraveis nos fusís. Centro de Documentação 25 de abril.

O levantamento militar tivo como protagonistas aos sectores intermedios do exército, aqueles que non tomaban as decisións importantes pero que resultaban ser os máis novos e os que dirixían as operacións militares en África. Como sinala Fernando Rosas: “não podendo esse cansaço (o da guerra) manifestar-se livremente em termos de intervenção cívica e política legal, ele instala-se nas Forças Armadas”1. De aí que tamén coñezamos o 25 de abril e aos seus protagonistas do Movimento das Forzas Armadas (MFA) como o Movimento dos Capitães.

Pero as alamedas non se encheron soamente de tanques e militares e, dende o 25 de abril e durante os meses seguintes, multitudes de persoas tomaron o protagonismo na rúa2. A mobilización das clases populares foi o factor que outorgou dinamismo e vigor ao período aberto tras a caída da ditadura. Foron elas as que impediron o auto-golpe do primeiro presidente tras os cravos, o xeneral Antonio de Spínola o día 28 de setembro de 1974, ao cortar as rúas que daban entrada a Lisboa.

1º de maio de 1974, fotografía de Gerald Bloncourt

Spínola e os conservadores que o apoiaban realizan unha nova tentativa de golpe de estado o 11 de marzo de 1975, fracasado novamente e abrindo camiño para que ás forzas populares auto-organizadas tomaran o control das empresas e do sector financeiro, ao tempo que nas zonas rurais da metade sur de Portugal se dinamizaban as ocupacións de terras. O Partido Comunista Portugués (PCP) e o MFA cobraron máis protagonismo coa creación do Conselho da Revolução. O Partido Socialista (PS) certificaba o seu crecemento ao triunfar nas eleccións constituíntes do 25 de abril de 1975. Pero era o Comando Operacional do Continente (COPCON) e os sectores populares auto-organizados (con cadros do PCP incluídos) os que impulsaban as propostas máis radicais que, nese mesmo verán, propiciarían unha resposta definitiva contra a revolución.

Banco nacionalizado, 18 de marzo de 1975, fotografía de Benoît Gysembergh

A experiencia revolucionaria iniciada coas mobilizacións populares do 25 de abril de 1974, remataba entre agosto e novembro de 1975, cando certos oficiais do exército defenderon, no Documento dos Nove, o encadre das conquistas e dos obxectivos socialistas da revolución no marco dunha democracia parlamentaria. Creceron as mobilizacións a favor da revolución e, o 25 de novembro, os paracaidistas e a COPCON toman posicións estratéxicas en Lisboa, solicitando a dimisión de cargos da xerarquía militar involucrados nesta ofensiva cara a institucionalización. O PCP, predisposto xa a un cambio de sistema político, retírase deste escenario e a reacción esmaga os últimos sectores —no poder— que avogaban pola ampliación dos horizontes revolucionarios. A xerarquía militar volveu ao seu tradicional rol e o MFA foi eliminado. Paulatinamente, dende as novas eleccións de 1976, o novo sistema político freou e reverteu as metas máis avanzadas do proceso revolucionario e impulsou a entrada na Comunidade Económica Europea. Finalizaba un singular período da historia portuguesa e mundial, pero as súas pegadas deixábanse notar.

Que queda entón do 25 de Abril e da revolución? Hai herdanzas curiosas dunha época onde a linguaxe política era outra, como o compromiso constitucional “de abrir caminho para uma sociedade socialista”, recollido no Preámbulo da Constitución da República Portuguesa3. Pero o máis significativo foi o mantemento dunha cultura colectiva en torno ao día de hoxe, ao redor da participación popular como un sentimento común de oposición á ditadura, un compromiso transversal con este pasado exemplificado todos os 25 de abril. É precisamente a pugna polo significado de saír á rúa elevando un caravel o que está en liza para a sociedade portuguesa e para a esquerda.

A tantas veces nomeada “última revolución de Europa” pode evocarnos a nostalxia da oportunidade efémera e perdida. A derrota tamén pode levarnos 100 anos atrás, ao esmagamento da Comuna de París e á escola política que herdamos da súa experiencia. Para Portugal, a memoria viva destes acontecementos acompañou sempre as celebracións do 25 de abril, pero a confrontación co pasado deixouse sentir dende 1976, cando o fin da revolución abre un período de revisión dese pasado inmediato, resultando, co paso do tempo, na falaz oposición entre revolución e democracia política. Defender o presente como escenario inevitable do pasado é só patrimonio de quen teme, na actualidade, o cambio que no pasado tivo lugar ou de quen aspira a subxugar o pasado nun presente lexitimado a súa medida. Un privilexio co que combaten, política e historiograficamente, a memoria dos puños e dos cravos deste 25 de abril4. A revolución portuguesa non foi unha anomalía democrática, non foi un simple “susto” para as elites políticas e económicas. A dos portugueses non foi unha derrota inevitable, nin un paréntese entre a ditadura anacrónica e colonialista e o improrrogable triunfo da democracia liberal.

“Um problema difícil”, João Abel Manta, 1975

Con todo isto presente poderemos comezar a debater sobre a natureza do 25 de abril e da revolución pois, independentemente de se foi antes o ovo ou a galiña, o que está claro, pero é moitas veces obviado, é que máis dunha década de guerra anticolonial en Guinea Bissau, Angola e Mozambique tensou os resortes de resistencia da ditadura. Mais iso quedará para outra vez. De momento podemos despedir este artigo escoitando a Chico Buarque. Non ao Chico de 1975, senón ao Chico que reescribiu “Tanto Mar” tres anos despois, en 1978, cando xa non había revolución en Portugal e a ditadura militar continuaba no Brasil.

Mas certamente / Esqueceram uma semente / Nalgum canto do jardim.

A primavera sempre volve.

Foi bonita a festa, pá

Fiquei contente

E inda guardo, renitente

Um velho cravo para mim

 

Já murcharam tua festa, pá

Mas certamente

Esqueceram uma semente

Nalgum canto do jardim

 

Sei que há léguas a nos separar

Tanto mar, tanto mar

Sei também quanto é preciso, pá

Navegar, navegar

 

Canta a primavera, pá

Cá estou carente

Manda novamente

Algum cheirinho de alecrim

*Foto de portada: /”Lisboa/ Avenida 24 de Julho” Mural artístico Centro de Documentação 25 de abril. 3216 Ficheiro CN002-08

Bibliografía

Mário MACHAQUEIRO, Pedro Aires OLIVEIRA e Fernando ROSAS (org.): O adeus ao Império. 40 anos de descolonização portuguesa, Lisboa, Nova Vega, 2017.

Raquel VARELA (coord.): Revolução ou Transição? História e Memória da Revolução dos Cravos,  Lisboa, Bertrand Editora, 2012.

Notas ao pé

  1. Fernando ROSAS: “Notas para um debate sobre a Revolução e a Democracia”, en Raquel VARELA (coord.): Revolução ou Transição? História e Memória da Revolução dos Cravos, Bertrand Editora, 2012, p.261. []
  2. Documental dos primeiros días da revolución dos cravos, entre o 15 de abril e o 1º de maio de 1974: https://www.youtube.com/watch?v=ST30-i7cZJk []
  3. https://www.parlamento.pt/Legislacao/Paginas/ConstituicaoRepublicaPortuguesa.aspx []
  4. Sirva esta breve intervención de Fernando Rosas no Parlamento portugués, en 2009, para exemplificar o debate na sociedade portuguesa pola memoria do 25 de abril 1974 e do 25 de novembro 1975. Fernando Rosas, parlamentario pola candidatura do Bloco de Esquerdas, diríxese aos parlamentarios do CDS-PP: https://www.youtube.com/watch?v=CwBSGtWW4M0 Dez anos máis tarde lograrían o seu cometido, nun debate moi vivo na sociedade portuguesa: https://www.publico.pt/2019/11/22/politica/noticia/cds-ve-voto-25-novembro-1975-aprovado-apoio-sete-deputados-ps-1894720 []

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *