Dúas memorias de Isaac na memoria e para o futuro

Santiago Rodríguez Caramés

En 2020 cumpriuse unha efeméride imprescindíbel da nosa arte contemporánea: o centenario do nacemento de Isaac Díaz Pardo. A mostra As miradas de Isaac, inaugurada no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura o pasado novembro e comisionada por seus fillos Xosé e Camilo Díaz Arias de Castro, concíbese como unha retrospectiva á poliédrica personalidade do artista compostelán, renovador e militante. O fío expositivo artéllase en dez seccións que amalgaman a complexidade da súa figura e a relevancia da súa longa traxectoria artística e cultural comprometida co país: 1) O pai: Camilo Díaz Baliño; 2) Infancia e mocidade en Compostela; 3) A plástica; 4) O exilio; 5) Pensamento e escrita; 6) Arte/Industria; 7) Recuperación da memoria; 8) Laboratorio de Formas: deseño e arquitectura; 9) A palabra impresa; e 10) O Museo Carlos-Maside.  Mais cales son as grandes ensinanzas que Díaz Pardo nos deixa para o noso tempo? Cales son aquelas chaves da súa biografía que deben ficar na memoria colectiva do pobo? Salientamos dúas desas miradas do mestre eterno.

Memoria, antifascismo e alternativa

Díaz Pardo nace á calor dos devezos de soberanía do pobo galego, na articulación do espazo político do nacionalismo galego que achandará o camiño cara ao Estatuto de Autonomía de 1936. Estes feitos terán unha influencia moi directa na infancia de Isaac: as reunións de galeguistas na Casa da Tumbona, a vivenda familiar na rúa das Hortas, ou a implicación de seu pai Camilo na campaña do Estatuto, fusilado polo fascismo en agosto de 1936, haberán marcar a súa traxectoria vital de compromiso.

Isaac Díaz Pardo co seu pai Camilo en 1925. Licenza en dominio público.
Camilo Díaz Baliño, cartaz a prol do SI na campaña do estatuto de 1936. Licenza de dominio público

 

 

 

 

 

 

 

 

 

A vivencia da emigración, o contacto na Arxentina con Luís Seoane, onde fundará a primeira fábrica de cerámica, será o punto de partida das empresas emprendidas á súa volta á Galiza. Cerámicas do Castro, a editorial homónima e o Museo Carlos Maside, o Centro Galego de Información ou a planta de Cervo, deseñada polo arquitecto Albalat e que recollía a memoria de Raimundo Ibáñez, marqués de Sargadelos, serán os testemuños da súa herdanza. Co Laboratorio de Formas como centro creativo, Díaz Pardo non só creou unha plástica recoñecíbel e consagrada na memoria popular, senón que reflectirá as súas ansias transformadoras do país e a mellora das condicións de vida das súas xentes; un «soño de emigrantes», como o chamou Luís Seoane1.

Fabrica de cerámica de Sargadelos (Cervo). Fotografía do autor.
Gráfico de Isaac Díaz Pardo sobre as sociedades e institucións creadas por el. Imaxe extraída do catálogo da exposición

Entre a tradición e a superación dos privilexios artísticos.

Malia a súa férrea formación na tradición académica, Díaz Pardo interesarase axiña por aquelas manifestacións artísticas que saísen dos esquemas aprendidos na Real Academia de Belas Artes de San Fernando. Dende o século XIX, en que movementos e figuras como o Arts&Crafts e William Morris ou o Art Nouveau promovían a necesidade de eliminar as fronteiras elitistas entre as artes maiores e as chamadas artes menores, até as experiencias do deseño moderno das escolas de Ulm ou a Bauhaus, os valores que residían na grande pintura e na escultura foron diluíndose nunha maior pluralidade do obxecto artístico, enfrontada dialecticamente aos límites estabelecidos polas academias. A serialización, a pescuda de novos materiais ou a aceptación dos marcos creativos do deseño —en toda a súa extensión— ou da artesanía articulan as súas pescudas fronte á sacralizada arte de xenio.

Gráfico de Isaac Díaz Pardo sobre as particularidades dos diferentes conceptos de arte. Imaxe extraída do catálogo da exposición.

Díaz Pardo non só entendeu e recolleu destas experiencias a posibilidade dunha alternativa que fuxise da grande arte, senón que entendeu que se podían enlazar plenamente coa tradición do país ao ser manifestacións fundamentais da súa cultura popular. Dicía Castelao que a tradición non podía ser aquela construída nos tópicos dunha historia enquistada, senón que nela residía a eternidade do pobo2. O Laboratorio de Formas entendeu, pois, o valor contemporáneo que podían ter esas formas emanadas da historia e a tradición galegas. En 1987, Díaz Pardo afirmaba:

Así foise perfilando un emprendimento patriótico e romántico, sin intenciós de lucro, e foi Luis Seoane o elemento executivo que aglutinou e definiu a idea, diseñando os emprendimentos que se realizarían en Galiza pra traballar nos problemas da memoria histórica. E a idea materializouse nun ente xurídico, o Laboratorio de Formas, que diseñou a súa propia estrutura e as actuaciós que se habían de levar a cabo. O Laboratorio de Formas definiuse como un instituto teórico de diseño en percura da orixe das formas, pois sendo éstas unha linguaxe —a linguaxe das formas— como todas as linguas tería que ter unha orixe, un antecedente, unha mai, unha patria3.

Todas estas cuestións aparecen reflectidas n’As miradas de Isaac a través de máis de duascentas pezas que comprenden cartaces, revistas, libros, cerámica, pósters, pinturas e instalacións audiovisuais. Con elas, amósase o Díaz Pardo creador, deseñador e editor, o emigrante e o militante, os seus espazos e as súas linguaxes creativas. Alén, o catálogo da exposición conta con diferentes estudos sobre todas as facetas e etapas vitais do artista, sendo unha boa posta ao día do estado da cuestión.

Após unha ampliación, a exposición As miradas de Isaac ficará no Museo-Centro Gaiás até o 30 de maio deste ano.

O pase de diapositivas require JavaScript.

*A imaxe de portada amosa a primeira sala da exposición. Fotografía do autor.

Bibliografía

Camilo DÍAZ ARIAS DE CASTRO e Xosé DÍAZ ARIAS DE CASTRO (coords.): As miradas de Isaac: centenario de Isaac Díaz Pardo (1920-2020). Santiago de Compostela, Fundación Cidade da Cultura, 2020.

Isaac DÍAZ PARDO: Sargadelos, un modelo de empresa creado por Ibáñez. Sada, Ediciós do Castro, 1987.

Alfonso Daniel RODRÍGUEZ CASTELAO: Sempre en Galiza. Madrid, Akal, 1977 [Bos Aires, 1944]

Luís SEOANE: «Un soño de inmigrantes», en Comunicacións mesturadas. Vigo, Galaxia, 1973, pp. 241-242.

Notas ao pé

  1. «O Laboratorio de Formas en canto aos emigrantes estimularía a creación de pequenas asociacións por parroquias e comarcas, pra que promovesen iniciativas deste tipo arranxándoas ás condicións dos lugares de procedencia i evitar que emigrasen novas xentes […], nunha forza dinámica lanzada ao progreso de Galicia». En Luís SEOANE: «Un soño de inmigrantes», en Comunicacións mesturadas. Vigo, Galaxia, 1973, pp. 241-242. []
  2. «Pero hai algo que xa eisistía en permanencia, e que os galegos debemos respetar; a verdadeira e auténtica tradición de Galiza. Non, por certo, aquela tradición dos chamados tradicionalistas, que se afinca nos tópicos da hestoria e que trata de anovarse nos erros e traccións de certos príncipes, senón daquela enerxía étnica que vive nos limos da concencia nacional de Galiza. Porque a verdadeira tradición non emana do pasado, nin está no presente, nin se albisca no porvir; non é serva do tempo. A tradición é a alma eterna de Galiza, que vive no instinto popular e nas entrañas graníticas do noso chan. A tradición non é a hestoria. A tradición é a eternidade». En Alfonso Daniel RODRÍGUEZ CASTELAO: Sempre en Galiza. Madrid, Akal, 1977 [Bos Aires, 1944], p. 38. []
  3. Isaac DÍAZ PARDO: Sargadelos, un modelo de empresa creado por Ibáñez. Sada, Ediciós do Castro, 1987. []

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *