Raíñas e poder: a rexinalidade das soberanas baixomedievais a través do matronazgo

Nerea López Carballo

Unha das actividades ás que máis se dedicaban as raíñas medievais era á fundación e dotación de novos centros relixiosos e, en xeral, á protección e o matronazgo1 de diferentes tipos de artes, sendo especialmente sobresaíntes raíñas como Leonor de Aquitania, Leonor Plantagenet, María de Molina ou Catalina de Lancaster. Este tipo de actividade non será estudada ata o florecemento da Historia das Mulleres e dos estudos de rexinalidade ou queenship studies. Neste punto, cambiou o noso discurso sobre as funcións das soberanas, os motivos destas promocións e a súa capacidade de realización. Esta tarefa marcaba o rumbo das súas vidas, xa que era común que se retirasen a estes centros relixiosos cando envellecesen ou enviuvasen. Son, por tanto, lugares articulados como espazos de protección e seguridade2.

Deste mesmo xeito, foron lugares empregados durante a súa vida nun mundo ensartado dentro dun circuito itinerante que precisaba lugares onde refuxiarse en caso de enfermidade, guerra ou embarazo. Tamén para hospedarse ou como centros de control territorial. Aínda que non sempre eran empregados, xa que as cidades e vilas do reino ofrecían este tipo de protección en moitas ocasións. Polo tanto, itinerancia e fundacións tiveron moita relación xa que as raíñas levaban a cabo a súa actividade en lugares próximos aos que transitaban. A mobilidade feminina da nobreza medieval foi moito máis ampla que a masculina. Moveríanse dende moi temperán para a súa unión co soberano, polo que a maioría de raíñas proviñan de reinos veciños3 e, en consecuencia, axudaban á mobilidade de novas correntes artísticas.

A pesar do discurso creado pola Historia tradicional, as raíñas medievias dispoñían de independencia económica a través das rendas. Da súa unión co rei dispoñería dunhas arras e territorios nos que actuar, de xeito que podía exercer un gran poder económico e territorial que lle permitía crear espazos de control propios, onde atoparemos principalmente as súas fundacións ou proteccións. Foron accións que entroncaban cos intereses xerais do reino pero, do mesmo xeito, establecía vínculos persoais entre elas e a comunidade na que realizaban a súa actuación4.

Así pois, con este tipo de actividades, as soberanas non só se aseguraban ter lugares nos que refuxiarse ou hospedarse, posto que, en moitos casos, tamén podían controlar a imaxe que se percibía sobre si mesmas e incluso a súa memoria. Nestes momentos non atopamos unha diferenciación entre o mecenas e o artista. Na Idade Media ambos eran considerados creadores da obra5 e, na maioría de casos, coñecemos o nome de quen encarga a súa realización pero non de quen a leva a cabo.

Rastrexando a documentación, podemos ver como algunhas fórmulas chaman a atención. Neste senso, estas soberanas refírense a algúns mosteiros como mi monasterio, como fai María de Molina ao referirse ao mosteiro das Huelgas de Valladolid, de xeito que se crea xa non só unha relación de poder senón tamén outra persoal con estes lugares6. Podemos atopar inscricións ou testemuñas da súa promoción artística, como a que deixa nun piar Catalina de Lancaster en Santa María a Real de Nieva constatando que ela foi a principal promotora da ampliación, ou a decoración do seu brasón noutro piar7. A relación entre o arte e o poder sempre foi moi estreita e non só para as raíñas. Este tipo de actividade non era unicamente realizado por elas, tamén polas infantas ou nobres que tiñan capacidade para realizalo.

Detalle do sepulcro de María de Molina nas Huelgas de Valladolid. A raíña entrega a carta fundacional ás monxas. Fonte: http://artevalladolid.blogspot.com/2014/09/el-sepulcro-de-maria-de-molina-en-el.html

O estudo destas actividades evidencia a relevancia da raíña dentro do reinado e as súas relacións co mundo da arte. Esta relación fundamentarase, sobre todo, no ámbito arquitectónico, aínda que tamén podemos estudar outro tipo de matronazgo dado que é común que encarguen libros, retratos ou sepulcros. En relación con estes últimos, podemos destacar sepulcros coma o de María de Molina, no cal se representa a ela mesma como donante da carta fundacional das Huelgas de Valladolid8, ou o de Elisenda de Montcada no mosteiro de clarisas de Pedralbes, fundado e protexido por ela. Ambos son mostra do control da súa memoria posterior e da súa imaxe persoal como raíñas.

Todo isto axúdanos a completar o discurso existente sobre elas e a esquecer a idea de que actúan como meras creadoras de herdeiros ou acompañantes do rei. O estudo do matronazgo supón unha excelente forma de observar como se movían polo reino e como facían uso do seu poder e da súa autonomía. Neste senso, cómpre sinalar que isto non respondía a unha única causa nin modelo senón que cada raíña realizaba as súas accións dentro dun contexto propio. En moitos casos como xeito de individualización da figura do rei e como potenciador da súa propia relixiosidade. Demostraban así ser suxeitos activos dentro do goberno e non meras seguidoras do seu esposo. Tiñan capacidade de actuación que non só era permitida, senón que tamén se esperaba que a realizasen.

*Foto de portada. Tumba da raíña Elisenda de Montcada no presbiterio do Mosteiro de Pedralbes (Barcelona). Fonte: Veclus, S.L.

Bibliografía

Theresa EARENFIGHT: Queenship in Medieval Europe. Nova York, Palgrave Macmillan, 2013.

María del Carmen GARCÍA HERRERO e Ángela MÚÑOZ FERNÁNDEZ: “Reginalidad y fundaciones monásticas en las Coronas de Castilla y de Aragón”, Edad Media: revista de historia, 18 (2017), pp. 16-48. Dispoñible en https://revistas.uva.es/index.php/edadmedia/article/view/557 (consultado o 26/03/2021).

Diana Lucía GÓMEZ CHACÓN: “Reinas y predicadores: el monasterio de Santa María la Real de Nieva en tiempos de Catalina de Lancaster y María de Aragón (1390-1445)”, en María Dolores TEIJEIRA, María Victoria HERRÁEZ e María COSMEN (eds.):  Reyes y prelados. La creación artística en los reinos de León y Castilla (1050-1500), Madrid, Sílex, 2014, pp. 325-340.

María del Mar GRAÑA CID: “Reinas, infantas y damas de corte en el origen de las monjas mendicantes castellanas (c. 1222-1316): matronazgo espiritual y movimiento religioso femenino”, en Blanca GARI (coord.): Redes femeninas de promoción espiritual en los reinos peninsulares, s. XIII-XVI, Roma, Viella, 2013, pp. 21-44.

Therese MARTIN: “Mujeres, hermanas e hijas: el mecenazgo femenino en la familia de Alfonso VI”, Anales de historia del arte, volumen extraordinario 2 (2011), pp. 147-179. Dispoñible en http://dx.doi.org/10.5209/rev_ANHA.2011.37485 (consultado o 16/03/2021).

Cándida MARTÍNEZ LÓPEZ e Felipe SERRANO ESTRELLA (eds.): Matronazgo y arquitectura de la antigüedad a la Edad Moderna, Granada, Editorial Universidad de Granada, 2016.

Ana María S.A RODRIGUES: “Isabel de Coímbra y los modelos de religiosidad reginal en los reinos ibéricos a fines de la Edad Media”, Edad Media: revista de Historia, 18 (2017), pp. 118-145. Dispoñible en https://doi.org/10.24197/em.18.2017.118-145 (consultado o 5/03/2021).

Notas ao pé

  1. O emprego de patronazgo é criticado por moitas autoras coma Cándida Martínez. A pesar de que non existe un consenso, considerase que empregando o vocábulo patronazgo escondemos a percepción de que é o pai quen lle aporta o apoio económico ou de quen deriva a intencionalidade, subordinando á muller a unha figura masculina. []
  2. Cfr. Ana María S.A RODRIGUES: “Isabel de Coímbra y los modelos de religiosidad reginal en los reinos ibéricos a fines de la Edad Media”, Edad Media: revista de Historia, 18 (2017), pp. 120-121. Dispoñible en https://doi.org/10.24197/em.18.2017.118-145 (consultado o 5/03/2021). []
  3. Theresa EARENFIGHT: Queenship in Medieval Europe. Nova York, Palgrave Macmillan, 2013, p. 25. []
  4. María del Mar GRAÑA CID: “Reinas, infantas y damas de corte en el origen de las monjas mendicantes castellanas (c.1222-1316): matronazgo espiritual y movimiento religioso femenino”, en Blanca GARI (coord.): Redes femeninas de promoción espiritual en los reinos peninsulares, s. XIII-XVI, Roma, Viella, 2013, p. 31. []
  5. Therese MARTIN: “Mujeres, hermanas e hijas: el mecenazgo femenino en la familia de Alfonso VI”, Anales de historia del arte, volumen extraordinario 2 (2011), p. 178. Dispoñible en http://dx.doi.org/10.5209/rev_ANHA.2011.37485 (consultado o 16/03/2021). []
  6. Cfr. María del Carmen GARCÍA HERRERO e Ángela MÚÑOZ FERNÁNDEZ: “Reginalidad y fundaciones monásticas en las Coronas de Castilla y de Aragón”, Edad Media: revista de historia, 18 (2017), pp. 20-22. Dispoñible en https://revistas.uva.es/index.php/edadmedia/article/view/557 (consultado o 26/03/2021). []
  7. Diana Lucía GÓMEZ CHACÓN: “Reinas y predicadores: el monasterio de Santa María la Real de Nieva en tiempos de Catalina de Lancaster y María de Aragón (1390-1445)”, en María Dolores TEIJEIRA, María Victoria HERRÁEZ e María COSMEN (eds.): Reyes y prelados. La creación artística en los reinos de León y Castilla (1050-1500), Madrid, Sílex, 2014, p. 327. []
  8. María del Carmen GARCÍA HERRERO e Ángela MÚÑOZ FERNÁNDEZ: “Reginalidad y fundaciones monásticas… p. 21. []

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *