Cartografías invisibles III. Demografías do Paraíso

José Manuel Suárez García

Despois de pasar polo Inferno e o Purgatorio, a última etapa da viaxe ascética que emprende Dante polo reinos de ultratumba discorre polo Paraíso. Este proceso, en primeira instancia espiritual, antóllasenos dalgunha maneira un proceso de desencarnación: os castigos infrinxidos aos condenados no Inferno son castigos corporais ―queimaduras, golpes, mutilacións, asfixia―, mentres que no Purgatorio se aplica unha penitencia que combina o corporal co mental ―os preguizosos son condenados a traballar e a dar voces, sexa por propia conciencia ou por imposición, a favor desa produtividade á que están condenados―. A cuestión da corporeidade da alma xa vén de vello, e o mesmo Dante preguntábase, ao seu paso pola estancia do Purgatorio na que se castiga a gula coa fame, “Como se pode volver un delgado / nun sitio onde non cómpre xa vianda?” (canto XXV). Só no Paraíso, onde xa non se aplicarán castigos nin penitencias, se pode suprimir por completo o corpo. Mais o que é carne de padecementos é tamén fonte de pracer1; e a posesión dun corpo implica, a fin de contas, a presenza da tentación.

Máis alá de buscar o xogo de palabras, que sentido ten falar de demografías do Paraíso? Desde logo, non pode someterse a estatística un ente ‘ahistórico’ ―no sentido de que non corre o tempo no Paraíso, e á mesma vez todos os tempos históricos corren paralelos e simultáneos2 ― e ‘axeográfico’ ―non-lugar, ou-topia―. Se falamos de demografías do Paraíso é porque consideramos o Paraíso unha utopía: non pode ser sometido á estatística e ao mesmo tempo é estatística pura, pois a súa composición fundaméntase na razón numérica e a harmonía entre as partes. A meirande parte dos estudos do pensamento utópico remóntanse á obra de Tomás Moro, quen lle deu nome a este xénero cara o final do século XVI, pero a literatura utópica sen dúbida retrocede no tempo. O Paraíso descrito por Dante a comezos do XIV non é unha excepción.

O termo empregado por Tomás Moro ten outra acepción aparte da de ou-topia: o de eu-topia, ‘lugar feliz’. E como tal, vai acompañado implicitamente dun requisito: a euxenesia. Para que a utopía funcione os seus habitantes deben encaixar como engrenaxes na maquinaria desa sociedade ideal, polo tanto deben ser seleccionados durante o ‘nacemento’, sexa real ou simbólico. Para ingresar no Paraíso Dante ten que beber das augas do río Lete, que fan esquecer os pecados e as penitencias ―todo o que lle recorde a súa existencia terrea―, e a despois das augas do Eunoé, que lle devolven a memoria das cousas boas ―ou máis ben do que no Paraíso se consideran bo―. Deste xeito, as almas que ingresan no Paraíso están confeccionadas todas polo mesmo padrón. Esta cuestión suscitou numerosos debates, sobre todo en épocas posteriores á vivida por Dante, dado que a relixión popular sempre mantivo unha preocupación polo corpo e polo individuo, non só pola alma pura. Por esta razón sempre pululou por aí unha pregunta: como recoñecer aos seres queridos no Paraíso? O espiritismo do século XIX ten vertido moita tinta neste aspecto3, que de forma lenta acabou introducíndose no discurso católico4. Así xorden teorías que afirman que as almas terán o aspecto dunha persoa duns trinta e cinco anos, con trazos perfectamente recoñecibles ―que será dos que morren antes dos 35?―, libres de toda a decadencia derivada do paso dos anos e a enfermidade, e, sobre todo, libres dos seus despoxos corporais5.

Almas confeccionadas polo mesmo padrón, pero aínda así recoñecibles. Mais, en que medida? Porque os individuos cos que Dante se atopa no seu percorrido polo paraíso son dalgún xeito primus inter pares, grandes persoeiros que parecen manter no Paraíso o mesmo recoñecemento do que gozaran en vida. Polo demais, omitindo a estes primeriros, a poboación da utopía paradisíaca si que pode reducirse á mera estatística, a unha masa de benaventurados na que apenas hai diferenzas. Pero precisamente esta igualdade ―imposta― é a que fai que a utopía funcione: é un sistema por definición inmobilista, pois a perfección que se lle presupón fai innecesarios os cambios6. A utopía ―e o Paraíso aínda máis― é a fin da Historia7.

Gustave Doré, Empireo (1892). Fonte: Wikimedia Commons

Non todo o que reloce é ouro. A luz, que se fai máis intensa conforme Dante ascende polas esferas do Paraíso, ademais de revelar unha maior proximidade a Deus tamén cega. Impide ver a existencia dunha xerarquía, dunha orde racional imposta por un demiúrgo. A felicidade da gloria non é igual para todos, senón que “cada cual con la gloria que lo compete, (…) á proporción de la grandeza ó magnitud de sus méritos, [y] no solo no envidiarán la de los otros, sino que se alegrarán de ella8. E quen non estea contento será condenado ao exilio, un anxo caído. Así, a utopía paradisíaca desvélase como unha sociedade disciplinaria, que se se distingue en algo de calquera outra utopía é so en que a desencarnación dos seus habitantes suprime as necesidades fisiolóxicas básicas ―se non hai bocas que manter non é necesario o traballo―. Por todo o demais, os benaventurados están sometidos á vasalaxe dun sistema do que non se pode saír non sendo expulsado9. O Paraíso, igual que outras utopías, é descrito por un viaxeiro e non por un dos seus habitantes. Ou máis ben deberían chamárselle funcionarios?

Xa Tomás Moro advertía que a súa Utopía non era realizable, pois no momento en que se materializa esa sociedade ideal xa non é tal cousa. Na Commedia de Dante podemos percibir a maior facilidade para sistematizar as formas en que se manifesta o mal que as do ben. Diríase que foi a distopía a que sempre estivo aí, e que a utopía non é máis que o seu contrapasso. E se botamos man dunha utopía máis moderna? “A primeira Matrix era tan perfecta que non resultaba crible”.

*Foto de Portada. Pilipp Veit, Paradiso (1818-24). Casino Massimo, Roma. Fonte: Wikimedia Commons

Notas ao pé

  1. Michel FOUCAULT, “El cuerpo utópico”, conferencia radiofónica, 1966. Transcrición e tradución en: https://www.pagina12.com.ar/diario/psicologia/9-155867-2010-10-29.html [Consultado: 25 de marzo de 2021]. []
  2. Joaquín RUBIO TOVAR: “El viaje de Dante por los cielos”, en Rafael BELTRÁN LLAVADOS (coord.): Maravillas, peregrinaciones y utopías. Literatura de viajes en el mundo románico, Valencia, Servei de Publicacions de la Universitat de València, 2002, pp. 77-97. En: http://hdl.handle.net/10017/6877 [Consultado: 25 de marzo de 2021]. []
  3. Philippe ARIÈS: El hombre ante la muerte, Madrid, Taurus, 1984, pp. 374-388. []
  4. Sergio FERNÁNDEZ: “¿Cómo será nuestra apariencia física en la otra vida?”, 2014. En: https://forosdelavirgen.org/nuestra-apariencia-fisica-en-la-otra-vida-2014-04-08/ [Consultado: 25 de marzo de 2021]. []
  5. Guillermo SERÉS: Historia del alma, Barcelona, Galaxia Gutemberg, 2019. []
  6. Fredric JAMESON: “La política de la utopía”, AdVersuS: Revista de semiótica, 6-7 (2006), pp. 37-54. En: https://dialnet.unirioja.es/servlet/articulo?codigo=2287116 [Consultado: 25 de marzo de 2021]. []
  7. Luis CANTARERO ABAD: “Realidad y deseo: la utopía y el sentido de la historia”, STVDIVM, 13 (2007), pp. 109-122. En: https://dialnet.unirioja.es/servlet/articulo?codigo=2542139 [Consultado: 25 de marzo de 2021]. []
  8. Antonio CLARET: Catecismo de la doctrina cristiana explicado y adaptado á la capacidad de los niños y adornado con muchas estampas (16ª edición), Barcelona, Imprenta de Pablo Riera, 1867, p. 187 []
  9. Germán BIDEGAIN PONTE: “La utopía de Tomás Moro: una sociedad disciplinaria”, Revista Pléyade, 3 (6), pp. 2-26. En: https://dialnet.unirioja.es/servlet/articulo?codigo=3427711 [Consultado: 25 de marzo de 2021]. []

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *