A presencia do exilio na industria cinematográfica mexicana (III). Carlos Velo

Miguel Rodríguez Martínez

O fillo do médico de Cartelle que marchou a Madrid e presentou a primeira tese de doutoramento en formato cinematográfico sobre a comunicación das abellas. A “Aventura dos Ávidos Avis” en 16 mm ben pode representar as inquedanzas dun mozo volcado co mundo do documental que tivo que desenvolver a súa actividade na diáspora1. Carlos Velo é o último dos representantes desta serie de artigos sobre a introdución do exilio no panorama cultural mexicano, sendo o ourensán un dos seus máximos representantes.

A industria cinematográfica española estaba dominada pola temática costumbrista. Despois da colaboración na curtametraxe La ciudad y el campo (1934) co seu amigo e crítico de cine Fernando Gutiérrez Mantilla, Velo retornou á súa terra para preparar o documental Galicia (1936). Obtivo o premio de honra pola mesma na Exposición Internacional de París pero deste documental non contamos coa versión completa até o ano 2010. Vladimir Magidov, profesor de humanidades ruso, atopou perdido nun fondo arquivístico en Moscova unha lata cunha copia do filme2. A cabalo entre Fisterra e a súa natal Cartelle, Carlos Velo elaborou unha recompilación de esceas cotiás protagonizada por distintos homes e mulleres da sociedade galega da costa e do interior. Algúns nomes como o de Castelao como colaborador e o do seu bo amigo Xaquín Lorenzo no eido musical aparecen nos créditos da mesma. O filme está inundado de música, paisaxe e traballo.

No propio documental sinálase que “la belleza incomparable de Galicia fue captada por la cinematográfica pocos días antes del movimiento fascista que ha reducido a esclavitud a este pueblo glorioso y humilde”. O posicionamento de Velo a favor da causa republicana levouno á súa frenética fuxida durante os próximos anos. Xunto coa súa familia, tivo que pivotar en diversas localizacións para evadir a persecución. Berlín, Tánger e despois Francia foron algúns dos destinos nos que tivo que permanecer intermitentemente ata aterrar no campo de concentración de Saint-Cyprient.

Llega a la zona republicana cuando las tropas nacionales ya están en Valencia. “Franco ya va a decidir España”. Se encuentra con los amigos del cineclub de la FUE. Ya se habían publicado notas necrológicas sobre él. Lo daban por muerto. Le nombran Capitan del Estado Mayor en el Servicio de Informaciones. “De repente, sin saberlo, me veo trabajando de espía”. Mientras filmaba en Marruecos había visto cuarteles, tropas, emplazamientos. No les había prestado mayor atención. Ahora, como un film interior, debida recordar todo y tratar de ubicar cada cosa sobre un mapa3.

No ano 1939 fuxiu do campo de concentración e embarcou no vapor Flandres rumbo Veracruz, México. Á súa chegada, o ourensán asumiu o labor de secretario xeral do Comité Técnico de Ayuda a los Republicanos e outras causas a favor do exilio. O problema en terras mexicanas co proteccionismo na industria cinematográfica e as limitacións ofrecidas obrigárono a ter que permanecer varios anos exercendo de profesor de Bioloxía. Foi progresiva a súa entrada no audiovisual primeiro co programa radiofónico “Un día en la radio” (1947) e despois con pequenas colaboracións e guións doutras montaxes. A finais dos anos 40, Carlos Velo comezou a ter unha relevancia que lle abriu as portas á dirección dun total de 23 películas en México entre os anos 1947 e 19744. Nas seguintes liñas e tendo presente o seu traballo previo ao alzamento fascista Galicia (1936) comentaremos dous: Raíces (1953) e Torero! (1956).

Raíces (1953) é boa mostra das dificultades que os exiliados tiveron na inserción laboral no eido cinematográfico. O galego aparece nos créditos como guionista, mentres que o cargo de director está ocupado por Benito Alazraki. Hoxe en día atribúese o papel de auténtico director a Carlos Velo segundo diversos críticos especialistas na estética e incluso testemuñas da rodaxe. O filme relata unha serie de enfrontamentos presentados entre o mundo tradicional e o moderno, tanto nos planos das escenas como nas unidades familiares protagonistas. Un auténtico estudo antropolóxico que nos lembra a aquela Galicia rodada vinte anos atrás. Traballando directamente con fotogramas de ámbalas dúas a natureza, a paisaxe, o contraste entre dous mundos e o traballo no campo toman un especial protagonismo nas dúas propostas; unha comunión da fenda urbano/rural e do cambio social na sociedade mexicana.

O director afastouse dos decorados artificiais e artellados abundantes nas producións cinematográficas mexicanas deses anos. O estudo das prendas de vestir, das tradicións, da gastronomía autóctona e da conduta de cada sociedade son un fío condutor que unen ambas cintas, cunha obsesión por captar o costumbrismo e o natural dos momentos recollidos. A empatía e a conexión eran elementos centrais nun exercicio para reflictir a discriminación dun México racista e clasista. Está a condear a problemática nacional mexicana dende a súa condición de exiliado e refuxiado, o que demostra a súa implicación polo seu país de acollida.

Cun Velo consolidado e integrado como transterrado no panorama cinematográfico mexicano dirixiu Torero! (1956), considerada pola crítica un antecedente das técnicas europeas do cinema-verité e do free-cinema5. Nesta cinta logrou fundir o documental co novelesco, recibindo un enorme recoñecemento internacional por festivais como Cannes ou Venecia e sendo preseleccionada para os premios Oscar6.

Carlos Velo dirixindo a película Torero! (1953)

Seguindo na liña antropolóxica-cultural das sociedades en formato documental, a película narra a vida do matador Luis Procuna e a súa teima por retornar á praza de touros. A importante produtora Barbachano respaldou as demandas económicas de Velo sen precedentes na súa carreira como director. Polo tanto, o autor puido satisfacer outra das súas obsesións nas súas cintas: a música. Contratou a Orquesta Sinfónica Nacional de México para acompañar unhas escenas nas que o xa característico análise antropolóxico se mistura cunha precisión da psicoloxía do protagonista. O toureiro ten unha personalidade con moito trasfondo e todos os elementos que o rodean están vencellados á mesma. Unha evolución que pasa da recompilación da realidade costumbrista galega dos anos trinta a unha análise profunda da conduta social mexicana a partir dun referente representativo como é Luis Procuna e do público da praza que continuamente interactúa con el. A matanza non é máis que un pretexto para encher a pantalla e o ollo do espectador está centrado no diálogo entre o público asistente e o toureiro, así como a súa evolución argumental e reflexiva.

Como nota final, Carlos Velo aproveitou unha presentación en Francia da súa nova produción Pedro Páramo (1967) para regresar aos Pereiros e ver aos seus país 30 anos despois da fuxida e da que deixou unha colección fotográfica do momento7.

Fotografías da exposición Carlos Velo. A volta a Cartelle, 1967 (2017). Fonte: Centro Cultural Marcos Valcárcel.

Pechando esta serie de artigos, pese á eclipse de Buñuel como exemplo destacado do exilio español na industria cinematográfica, existiron referentes galegos que tiveron moito que aportar. Nun momento no que México precisaba consolidarse no panorama internacional chegou un elenco artístico que introduciu innovacións na industria e, pese ás dificultades sufridas, lograron deixar un importante legado no país. Quedan nestas liñas algúns dos milleiros de exemplos da fuga intelectual, da época de ouro do cine mexicano e da escuridade do cine español após do alzamento. Unha memoria que o exilio logrou manter grazas á labor dos seus transterrados.

Na imaxe de portada, Carlos Velo e Gabriel García Márquez nun encontro. Fonte: Fundación Carlos Velo.

Notas ao pé

  1. Para máis información sobre a biografía de Carlos Velo, un apoio fundamental é a Fundación Carlos Velo, a cal promove o estudio e a memoria do autor ourensán e do cine documental en Galicia. Para máis información sobre a mesma, consultar o seu espazo web: http://www.fundacioncarlosvelo.com/biografia.html  [Data de consulta: 2 de febreiro de 2021]. []
  2. Diego SALGADO “Galicia, la histórica película de Carlos Velo, hallada en moscú tras 70 años perdida” El país (12/12/2010) https://elpais.com/diario/2010/12/16/galicia/1292498289_850215.html  [Data de consulta: 2 de marzo de 2021]. Todo parece apuntar a que sería obra de Fernando Gamboa que a filme chegase a este arquivo ruso, mais outra posibilidade que se baralla é que chegase dende a mencionada exposición na cidade de París. Hoxe en día pódese atopar a película completa na seguinte ligazón: https://vimeo.com/53407268 []
  3. Alberto GARCÍA FERRER, “De memoria. Carlos Velo”, Cuadernos Hispanoamericanos, 40, p. 144. []
  4. Miguel Anxo FERNÁNDEZ, Las imágenes de Carlos Velo, México, UNAM, 2007, pp: 135-138. []
  5. Julio AYALA BLANCO, La aventura del cine mexicano, México, ELA, 1968, pp: 262-266 []
  6. Miguel Anxo FERNÁNDEZ, op. cit. pp: 135-138. []
  7. Fotografías expostas en Carlos Velo. A Volta de Cartelle, comisariado por Xosé Enrique Acuña (2017). []

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *