Viaxeiras incansables. A reunificación das “Poesías” de Tiziano no Museo do Prado (III)

Clara Reigosa Lombao

Para rematar o percorrido das nosas viaxeiras incansables, analizamos os movementos da última peza pintada por Tiziano, “O rapto de Europa”. Con ela finalizamos este estudo metamuseal que iniciamos no primeiro artigo e no que acompañamos as pezas ao longo da súa vida. É esta unha pequena mostra de que a arte pode contar sempre un sinfín de historias.

“O rapto de Europa” é a última obra da serie e a que máis lonxe viaxou. A obra seguiu un itinerario parecido ás Dianas, mantívose na colección real, estando no Cuarto Bajo do Alcázar con outras “Poesías” ao redor de 16361. Permaneceu alí no reinado de Carlos II, pois existen rexistros da súa presenza en dúas salas, unha próxima aos xardíns e a sala da bóveda de Tiziano. Despois, herdouna Felipe V, quen lla regalou ao duque de Gramont e a partir de aí seguiu a mesma viaxe que as Dianas e Perseo, ata a súa exposición e venda no Lyceum de Londres, o 26 de decembro de 17982.

“O rapto de Europa” (1553). Isabella Stewart Gardner Museum (Boston). Fonte: https://www.gardnermuseum.org/experience/collection/10978

“O rapto de Europa” foi adquirido por Thomas Noel Hill, segundo barón de Berwick; e pasou por tres coleccións distintas ata a súa compra pola última propietaria, Isabelle Stewart Gardner, en xuño de 1896. Gardner non tiña pensado adquirir esta Poesía, de feito, o seu marchante, Bernardt Berenson ofrecéralle “O Mozo Azul” de Thomas Gainsborough, valorado en 30.000 libras. O vendedor retirou a obra do mercado e Gardner non puido compralo. Berenson ofrecéralle “O rapto de Europa” a outra coleccionista, Susan Warren, pero non lle ensinara ningunha imaxe, así que decidiu trasladar a oferta a Gardner, que estaba disposta a gastar moitos máis cartos na peza3.

A raíz desta e outras moitas obras que tiña na súa colección, a familia Gardner decidiu comezar a construir un museo que se inaugurou en 1903 en Boston. “O rapto de Europa” sería a estrela da colección e unha das pinturas máis importantes do Renacemento italiano nos Estados Unidos. A propia Isabelle escribía estas liñas a Berenson tras recibir a obra: «I am back here tonight…after two days’ orgy. The orgy was drinking myself drunk with Europa and then sitting for hours in my Italian Garden at Brooklline, thinking and dreaming about her»4.

“O rapto de Europa” exposto na coñecida como sala Tiziano do museo americano. Isabella Stewart Gardner Museum (Boston). Fonte: https://www.gardnermuseum.org/experience/collection/10978

Todas estas andanzas, nas que as “Poesías” se moveron, cruzaron, xuntaron e se volveron dispersar, exemplifican a azarosa historia das pezas artísticas. A reunificación das obras vai máis aló do deleite visual e o pracer de situarse no soño de Felipe II. As “Poesías” explican a relación da arte e as monarquías, entre o pintor e promotor ou entre comerciante e comprador. A través delas, observamos cuestións sociais e morais, como as salas reservadas e os nus femininos. Pero tamén podemos ver as vicisitudes bélicas, o convoi de pezas roubadas que terminou en Inglaterra por agradecemento ou a colección Orléans que tivo que fuxir de Francia polo inicio da Revolución. Non sen antes observar o valor mercantil da arte, as continuas vendas e traspasos e as complexidades por conseguir o mellor prezo. Neste percorrido, as “Poesías” deixaron de ser obxectos de arte contemplativos e pasaron a explicar multitude de facetas políticas, económicas e sociais. As seis “Poesías” de Tiziano reunifícanse despois de moitos anos para mostrarnos unha realidade máis aló das idealizacións míticas, e suxire que nos preguntemos cuestións variadas que responden aos parámetros sociais actuais.

A observación das “Poesías” desde estes puntos de vista permite obter unha visión máis ampla e complexa. Pódese traballar coas obras como obxectos simbólicos que modifican o seu significado en diferentes culturas: que valor tiveron as “Poesías” fóra de España? Como se entenden as escenas mitolóxicas noutros países? Existiron salas reservadas noutros museos? Que consideración se ten dos nus? É o Renacemento italiano un valor cultural universal? Que importancia ten para a cultura estadounidense unha peza encargada por Felipe II a un pintor italiano? Por que se crearon coleccións de arte europea en América? En que salas e en que contextos se sitúan hoxe estas pezas? E isto é aínda o que, entre outras moitas cousas, nos poden contar.

Bibliografía

Nathaniel SILVER, #TitianLive:Rape of Europaat Isabella Stewart Gardner Museum, [Youtube], https://www.youtube.com/watch?v=kNl6hGAieeo&feature=emb_title (consultado o 12/02/2021).

“The rape of Europa, 1562”. Isabella Stewart Gardner Museum. Dispoñible en: https://www.gardnermuseum.org/experience/collection/10978 (consultado o 14/02/2021).

Notas ao pé

  1. Ademáis de “Diana e Acteón” e “Diana e Calisto”, é probable que a outra Poesía fora “Dánae”. []
  2. “The rape of Europa, 1562”. Isabella Stewart Gardner Museum. Dispoñible en: https://www.gardnermuseum.org/experience/collection/10978 (consultado o 22/02/2021). []
  3. Nathaniel SILVER, #TitianLive:Rape of Europaat Isabella Stewart Gardner Museum, [Youtube], https://www.youtube.com/watch?v=kNl6hGAieeo&feature=emb_title (consultado o 12/02/2021). []
  4. “Estou de volta aquí esta noite… Despois dunha orxía de dous días. A orxía consistiu en beber ata  emborracharme con Europa e despois sentarme no meu xardín italiano en Brooklline, bebendo e soñando con ela”. Tradución da autora. Orixinal extraído de: “The rape of Europa, 1562”. Isabella Stewart Gardner Museum. Dispoñible en: https://www.gardnermuseum.org/experience/collection/10978 (consultado o 12/02/2021). []

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *