A educación feminina en Galicia (s. XVIII-XIX)

O Grupo de Investigación de Historia Moderna da USC (G.I.-1921) está composto por un total de 11 membros e na actualidade é dirixido polo profesor Isidro Dubert. Dende hai máis de 30 anos ocúpase de investigar as máis variadas facetas da Historia de Galicia da época moderna

Ana M. Sixto Barcia

Ao longo do Antigo Réxime, o acceso á cultura letrada foi escaso en Galicia. A implantación da rede escolar non respondía a criterios fixos nin uniformes, senón en moitos casos a iniciativas espontáneas polo que existían escolas naqueles lugares onde había demanda ou onde se asentaban escolas de fundación. Estas últimas eran centros sufragados por emigrantes enriquecidos que, conscientes do valor do ensino no seu periplo vital, creaban escolas no seu lugar de orixe. Con todo, as zonas máis puxantes, máis dinámicas e produtivas, así como as vilas e cidades, tiveron unha maior presencia docente.

Neste contexto, ás mulleres tiveron poucas posibilidades para acceder á cultura formal nun tempo no que a instrución non era prioritaria. É certo que os mestres de ferrado, os principais axentes da escola tradicional, educaron a todos aqueles cativos que puideron pagar os seus servizos, polo que non houbo discriminación de xénero, pero o certo é que se escolarizáron moitos máis nenos ca nenas. As mulleres incorporábanse ao traballo doméstico moi novas e ingresaban no mercado laboral máis cedo, xa fose como criadas, participando nalgunha actividade vinculada ao sector pesqueiro ou colaborando na industria téxtil, na produción de alimentos (como pan, queixo…), ou noutras.

Táboa 1. A rede escolar en Galicia.

Provincia Parroquias Taxa escolar
A Coruña 599 16%
Pontevedra 691 17%
Lugo 518 3-4%
Ourense 554 4,3%
Fonte: Catastro de Ensenada & AHDS. Fondos de Instrución Pública, leg. 456-460. Elaboración propia

Dende o punto de vista produtivo, a educación masculina implicaba unha maior optimización dos coñecementos adquiridos, en tanto que o custo-oportunidade da educación feminina era maior. Neste senso, as mulleres participaban pouco na aventura emigratoria, polo que os beneficios que a este nivel proporcionaba a formación feminina eran menores.

A crise estrutural da segunda metade do século XVIII tampouco permitiu a maior integración das mulleres no ensino, pois a aprendizaxe dos rudimentos básicos –ler, escribir e contar– aumentou substancialmente a súa consideración social, dado que era útil para os homes na estratexia migratoria. A educación breve, tardía e incompleta, propia dun contexto rural como o galego, non axudaba a aumentar as taxas de alfabetización. Ademais, convén non esquecer que o menor acceso á cultura formal das mulleres, tamén reducía o contacto que estas tiñan coa lingua dominante no seo da monarquía borbónica, o castelán, polo que as nenas castelanizábanse menos.

A finais do século XVIII, segundo o Censo de Godoy, en Galicia había 94 mestras, empregadas en 89 escolas, e 561 mestres, que atendían en conxunto a 1.699 nenas e 14.533 nenos. A rede escolar aumenta a finais de século, mais o acceso feminino á educación segue sendo minoritario. Así, só o 2,1% das nenas en idade escolar participaban no sistema formativo fronte ao 18,3% dos nenos. Estas cifras poñen de manifesto a enorme desproporción que existiu entre a escolarización feminina e masculina, mais a diferencia iríase reducindo gradualmente a medida que avanzamos cara ao século XX. En calquera caso, a desigualdade desta cifras non foi exclusiva de Galicia, xa que os territorios do norte peninsular presentaban unha tendencia similar en comparación cos do sur, nos que a instrución feminina foi notablemente maior.

Táboa 2. A rede escolar e a escolarización en 1797

GALICIA ASTURIAS MADRID TOTAL
Nenos (5-12 anos) 79.439 30.089 13.506 779.339
Escolarizados 14.533 1.550 8.700 304.603
Nenas (5-12 anos) 80.097 27.465 12.693 745.394
Escolarizadas 1.699 82 3.929 88.543
Mestre 561 31 120 8.704
Mestras 94 4 123 2.575
Nenos/mestre 141,6 970,62 112,6
Escolarizados/mestre 25,9 50 72,5 35
Nenas/mestra 852,1 6.866,36 103,20 289,47
Escolarizadas/mestra 18,07 20,50 31,94 34,39
Fonte: Censo de Godoy. Elaboración propia.

Se ben o aumento da rede escolar foi acumulativo no tempo, a gran metamorfose do sistema tivo lugar no século XIX. Esta transformación foi o resultado do proceso de formalización e codificación que sufriu o ensino, como consecuencia da maior consideración da educación e da maior implicación das autoridades na provisión de escolas. O avance da escola pública sobre a privada foi imparable, multiplicando amplamente os seus efectivos ata finais da centuria. O maior investimento tamén influíu na educación feminina, grazas á creación de escolas femininas e de escolas incompletas, ás que tamén asistían as nenas. Así, en 1846, as mulleres representaban o 14,2% do total de estudantes escolarizados.

Neste contexto, non é sorprendente que as taxas de alfabetización feminina fosen moi baixas no período moderno. O censo de 1860 –o primeiro que mide os niveis de alfabetización– ratifica esa pobreza cultural e pon de manifesto un feito paradoxal: Galicia contaba coa taxa de alfabetización masculina máis alta do Estado (37%) e tiña a taxa de alfabetización feminina máis baixa do mesmo (6,1%). A explicación a este feito atópase nas dificultades de acceso á educación formal e na sobrecarga laboral que soportaban as mulleres no mundo rural, onde as economías campesiñas, baseadas na pequena explotación agraria e nun réxime de policultivo, requirían dunha abundante man de obra, boa parte da cal era feminina. Igualmente, o fenómeno da emigración masiva propio do século XIX, temperá e intenso, contribuíu a agravar esta situación, polo que se escolarizaron e se “castelanizaron” no plano lingüístico máis nenos ca nenas, pois esa emigración seguía a ser na altura un asunto maioritariamente masculino.

 

Artigo extraído do blog do Grupo de Investigación de Historia moderna. Dispoñible o orixinal premendo aquí.

 

Bibliografía

Narciso DE GABRIEL: Leer, escribir y contar: escolarización popular y sociedad en Galicia (1875-1900). Sada, Edicións do Castro, 1990.

Antón COSTA RICO: Historia da educación e da cultura en Galicia (séculos IV-XX). Vigo, Xerais, 2004.

Isidro DUBERT: Del campo a la ciudad. Migraciones, familia y espacio urbano en la Historia de Galicia (1708-1900). A Coruña, Nigra S.L, 2002.

Ofelia REY CASTELAO: Libros y lectura en Galicia: siglos XVI-XIX. Santiago de Compostela, Xunta de Galicia, 2003.

Ofelia REY CASTELAO e Serrana RIAL GARCÍA: Historia de las mujeres en Galicia, Siglos XVI-XIX. Santiago de Compostela, NigraTrea, 2010.

Margarita SANZ GONZÁLEZ: “Alfabetización y escolarización en Galicia a fines del Antiguo Régimen”, Obradoiro de Historia Moderna, 1 (1992), pp. 229-249.

Ana M. SIXTO BARCIA: “La educación femenina en Galicia a finales del Antiguo Régimen”, Innovación Educativa, 26 (2016), pp. 13-27.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *