A caravaggesca Artemisia Gentileschi

Considerada unha das suas obras mestras, o cadro Judith decapitando a Holofernes (fig. 1) resulta unha das expresións mais brillantes do estilo de Artemisia Gentileschi. A pintora pon o rostro de Holofernes en primeiro plano, amosando a expresión física na transición da vida á morte. O punto central do lenzo está ocupado pola man de Judith empuñando a espada mentres o sangue salpica os brazos de ambas mulleres. A artista dá presenza física á cama branca para mostrar o sangue vermello correndo por ela, así como o uso das tres cores primarias. Pero a aplicación destas cores está disposta precisamente para fixar a imaxe na retina. As únicas cores sumadas son o branco e o negro: mentres o branco serve ofrece a vista do corpo moreno de Holofernes, o negro da habitación só é interrompido por un foco de luz que provén da esquerda para amosar plenamente a acción.

Fig. 1. Judith decapitando a Holofernes. 1620. Artemisia Gentileschi. Técnica: Óleo sobre lenzo. Medidas: 199 x 162,5 cm. Galleria degli Uffizi, Florencia.

Para Holofernes reservouse a textura dun veludo vermello, o cal vai en paralelo ao seu sangue. Para a axudante de Judith escolleuse o azul zafiro e, de contraste coa cor fría, o amarelo dourado de Judith. Mesmo o seu vestido é significativo debido a súa riqueza tonal que é ademais potenciada pola ourivería de ouro e diamantes do seu brazo executor. Ademais Gentileschi sinala a sua heroína coa súa actitude: Judith actúa con decisión, collendo a cabeza con firmeza e pasando o ferro de forma quirúrxica. Tal é o estalido de sangue que este emerxe da gorxa salpicando a Judith, de non ser porque ela se aparta sen deixar de rematar a Holofernes.

Moitos dos elementos presentes neste cadro son obra dunha intelixencia aguda para escenificar, cun alto contido retórico e comunicativo. En moitos aspectos responde ao canon da beleza barroca, na que as obras debían ser didácticas (no seu exemplo e contido), belas (a súa estética) e empáticas (pola verdade da complexidade humana). Mais neste caso trátase dunha artista que elaborou unha linguaxe de seu, na que o dinamismo e a dirección da vista do espectador sobre a cuestión fundamental conforman o estilo. Gentileschi é unha das pintoras máis relevantes do chamado Caravaggismo, a corrente artística iniciada por Caravaggio entre 1592 e 1610. A Judith e o Holofernes gentileschos son os herdeiros directos da pinturas como o Judith e Holofernes pintado por Caravaggio (fig. 2).

Fig. 2. Judith e Holofernes. 1599. Michelangelo Merisi di Caravaggio (1571-1610). Técnica: Óleo sobre lenzo. Medidas: 144 x 195 cm. Galería Nacional de Arte Antiga, Roma.

Os puntos comúns son evidentes: o xeito de mostrar a morte con Holofernes nunha cama, o visionado do rostro en plena agonía física e o xesto do corpo ante o golpe mortal. Non obstante, as diferenzas aparecen na xestualidade da heroína, que no caso de Caravaggio resulta máis estática e serve de contrapunto a súa doncela, a cal é unha cita dos retratos de anciás de Leonardo da Vinci. Aquí Caravaggio fai funcionar o lenzo en base a contrastes. Mais nestes non aparece o realismo na forma de representar o sangue producido polo corte, o que si sucede en Gentileschi. Outro elemento propio de Caravaggio na obra de Artemisia é a colocación en primeiro plano de rostros e xestos que fagan ver o núcleo da acción (fig. 3). Déixase ver na colocación do rostro do Holofernes da pintora. Con todo a admiración por este artista é máis que notable e cumpriu con tal admiración ao longo da sua dilatada carreira con citas del.

Fig. 3. David coa cabeza de Goliat. 1609/1610. Caravaggio. Técnica: Óleo sobre lenzo. Medidas: 125 x 101 cm. Galería Borghese, Roma.

Boa parte desta influencia de Cavaggio debeuse á devoción que o pai da artista, o pintor Orazio Gentileschi, tiña do seu estilo. Tamén cuestións como a expresividade e a mostra dun xesto central (fig. 4) son propias de Gentileschi pai, algo que pasou a filla (fig. 5). O seu proxenitor dedicou a súa obra a temas da Virxe María, Judith ou héroes bíblicos. Artemisia mostrou unha clara preferencia por figuras da Historia e da Biblia. Repetiu en varias versións a personalidades nobres que loitan contra un poder máis grande -Cleopatra, Lucrecia, David- ou salvadoras -Judith, Esther-. Aparecen como persoas cunha clara visión de si mesmas, resoltas a non adecuarse a unha situación destrutiva e dispostas para un final que definira a súa propia firma existencial.

O pase de diapositivas require JavaScript.

A forma na que a artista filtrou a Caravaggio vese no xeito de construir composicións que favorecen a captación momentánea, así como a limpeza figurativa e a volumetría. Igualmente, vese a marca caravaggesca do tenebrismo (fig. 6) no que os fondos escuros serven para concentrar a visión na acción que está a ter lugar, resaltada pola luz (fig. 7). A idea de Gentileschi de usar unha vela como única iluminación, sendo esta tapada por unha man, estenderíase por Europa (fig. 8). Tamén é propio dela a muller de constitución forte, nobre e dunha feminidade viva e natural. Isto pode observarse nas súas figuras históricas, como tamén nas bíblicas.

O pase de diapositivas require JavaScript.

A súa Santa Catalina aparece momentos antes de ser decapitada, pois Deus destruíra a roda con ganchos coa que ía ser torturada. A súa representación no lenzo é a dunha muller cunha presenza de ánimo magnífica, posta de manifesto na esplendidez física. A imaxe de Catalina cun vestido amplamente escotado xa aparecera anteriormente na pintura europea, ideado pola decapitación da princesa (fig. 10). Mais en Gentileschi serve tamén como unha colocación central do carácter feminino. A sua identificación foi tal que Artemisia pintou o seu autorretrato coma ela.

O pase de diapositivas require JavaScript.

Nel (fig. 12) aparece sinalando a roda coa sua man, a palma do martirio no corazón e tocada cunha coroa, sinalando o seu carácter sacro cunha auréola. Non se trata da figura arquetípica que representara Caravaggio (fig. 11) senón a dunha muller real, proxectando a identificación que vivira a partir do proceso terrible dunha violación os 19 anos e un xuízo posterior que incluíu probas físicas sumamente dolorosas. Algo no que a pintora fora apoiada polo seu pai, co que mantivo unha magnífica relación persoal e de traballo toda a vida. Foi, por todo isto, a súa excelencia como artista a que lle valeu nome, celebridade e lugar como unha das mellores pintoras caravaggistas do Barroco.

O pase de diapositivas require JavaScript.

*Foto de portada: Venus durmida. Artemisia Gentileschi. 1625-1630. Museo de Belas Artes de Virxinia.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *