Fondo D.O.A.M.E. Documentación da Oposición Antifranquista e o Movemento Estudantil da Universidade de Santiago (DOAME-US)

Lourenzo Fernández Prieto e Gustavo Hervella García

Grupo HISTAGRA

O Grupo de investigación HISTAGRA iniciou en 2018 un proxecto de recollida documental depositada en coleccións privadas sobre o movemento estudantil da Universidade de Santiago de Compostela durante a ditadura franquista, a transición e as primeiras décadas da democracia. A idea responde a dúas razóns principais, primeiro á constatación de que estes fondos, polo momento nas mans dos actores do movemento estudantil da segunda metade do século pasado están a perderse, en segundo lugar a idea deriva tamén do interese dos e das estudantes do Grao de Historia en abordar esta liña de traballo nos seus Traballos de fin de Grao de Historia (TFG) e dos e das estudantes do Master Interuniversitario da USC de Historia Contemporánea por facer o propio nos seus Traballos de Fin de Master (TFM).

A intención do GI HISTAGRA foi desde un principio poder recompilar e preservar todo este acervo documental nun espazo onde fose institucionalmente arquivado coa profesionalidade necesaria e no que, ao tempo, houbese as máximas garantía de que puidese ser consultado pol@s investigadores interesad@s nas mellores condicións. O Arquivo Histórico da Universidade de Santiago (AHUS), cumpre axeitadamente con estas premisas.

Acto oficial da creación do fondo D.O.A.M.E. Foto: Nós Diario.

Que é D.O.A.M.E?

Documentación da Oposición Antifranquista e Movemento Estudantil da Universidade de Santiago (D.O.A.M.E.). Trátase dunha iniciativa do Grupo HISTAGRA (histagra.usc.gal) en colaboración co Arquivo Histórico da Universidade de Santiago de Compostela para recoller, catalogar e conservar os materiais xerados polo estudantado compostelán e galego (antigo Distrito da Universidade de Santiago), preferentemente polo universitario. Trátase de constituír un fondo documental que preserve, conserve e poña en valor e a disposición d@s interesad@s toda a información pública e privada xerada polo movemento estudantil entre 1960 e 2000.

Que contén D.O.A.M.E.?

O fondo está constituído por diversos materiais: carteis, panfletos, adhesivos, documentos de discusión, notas persoais sobre reunións (diarios, cartas e material persoal tamén), publicacións periódicas (editadas ou como follas), propaganda de eleccións, fotografías (dixitalizadas ou orixinais), gravacións audiovisuais e aqueloutros elementos relacionados co movemento estudantil e a súa historia. Na actualidade DOAME está constituído por sete fondos documentais persoais que reúnen materiais dos Comités Abertos de Facultade (CAF), o Movemento Estudantil Universitario (MEU), Estudantes Revolucionarios Galegos (ERGA) e Comité universitario do PCG, con publicacións, documentos internos, autocolantes e prensa, principalmente, e está suxeita a novas achegas de futuros doantes.

Como se constrúe D.O.A.M.E?

O grupo de investigación HISTAGRA-USC ven recibindo espontaneamente desde hai anos documentación de particulares relativa á loita estudantil e das organizacións da oposición antifranquista na Universidade de Santiago levada a cabo tanto durante a época franquista como na Transición e na posterior etapa democrática. A resultas da constitución do fondo iniciamos unha xeira informativa, da que este artigo forma parte, para promover as doazóns, unha actividade que xa permitiu duplicar o fondo no último ano. No futuro inmediato unha parte dos materiais que alimenten o fondo debera derivar tamén de novas achegas relacionadas coas propias investigacións dos estudantes que utilicen a documentación xa depositada, para intentar xerar unha lóxica virtuosa de retroalimentación. Atendendo á importancia da documentación recibida, as achegas vanse depositando no Arquivo Histórico Universitario da USC para a súa correcta catalogación, custodia, organización e conservación e a súa posta a disposición como fonte de investigación histórica.

Cal é o procedemento de doazón?

@s interesad@s en doar materiais deberán poñerse en contacto co Grupo HISTAGRA -histagra@usc.es- que será o receptor da documentación doada que despois dun inventario urxente de recepción a trasladara para a súa custodia e acceso público ao AHUS que será o garante da non dispersión do fondo así como o facilitador das consultas. Alternativamente, @s interesad@s tamén poden dirixirse directamente ao propio AHUS, para as achegas e cesións da documentación.

Cales son os materiais recollidos e depositados até o momento no AHUS?

  • Fondo Rodríguez Holguín: Material das asambleas dos CAF anos 1985 a 1995.
  • Fondo Martínez Rivas: Documentación dos CAF, das eleccións da USC, de ERGA.
  • Fondo Monterroso Devesa: Documentos políticos e de propaganda do PSG.
  • Fondo Fernández Prieto: Documentación dos anos 1980: CXTG, CIG, SGEI, CAF.
  • Fondo García del Río: Xornais clandestinos de oposición do PCG. Anos 1970
  • Fondo Álvarez Prada: Dosier de prensa do movemento estudantil da USC. 1984-1987

A última achega (xullo de 2020) foi a do Fondo Damián Suárez Vázquez, fundador e militante de MEU en Filoloxía, inclúe abundantes publicacións periódicas, pasquíns e carteis electorais da Xunta de Facultade e Departamento.

O acto oficial de creación do fondo incluíu a entrega da documentación ao AHUS tivo lugar o 20 de febreiro de 2020, e estivo presidida polo reitor da USC Antonio López, e actuou como receptora a directora do Arquivo Histórico da Universidade de Santiago Desirée Domínguez.

*Foto de Portada: Asemblea de Filosofía na actual Facultade de Xeografía e Historia. Fonte: usc.gal.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *