Recimil. O barrio feito cidade

Esther Nidáguila López

Trala Guerra Civil é necesaria a reconstrución do país e a creación de vivenda barata por parte do Estado. Nace así o Instituto Nacional de Vivienda que, durante a ditadura, será o encargado da construción de vivenda social por todo o Estado. Unha desas promoción será a do Barrio de Recimil en Ferrol.

O nacemento e a excepcionalidade do barrio

O barrio de Recimil comezou a construirse en Ferrol na década de 1940 como resposta á necesidade de aloxamento barato para as clases traballadoras. Estas atopábanse en pleno crecemento debido á reactivación industria naval que Franco levou a cabo na cidade1. O barrio convertíase así na primeira actuación urbanística de vivenda social na cidade e, o que é máis relevante a nivel urbanístico, no primeiro construído extramuros.

Construción do barrio nos anos 40. Fonte: urbancidades.wordpress.com

Pese as peculiaridades que presenta o barrio e que o convirten en único, Recimil é un máis dos desenvolvementos urbanísticos de carácter social da época do franquismo. Estas construcións eran feitas con materiais baratos e de baixa calidade, xa que a prioridade era construir axiña e sen grandes sobrecustos. Isto fixo que xa no ano 1953 -incluso antes de que a obra total estivese rematada e entregada- o Concello tivese que realizar apuntalamentos dalgúns dos bloques2.

Son moitas as características que fan do barrio de Recimil único na súa clase pero as máis destacadas e nas que nos centraremos neste artigo son dúas: a súa localización dentro da cidade e a súa estrutura.

O barrio aséntase a carón de dous grandes eixos da cidade: a Estrada de Castela, que atravesa o ensanche ferrolán e conecta a cidade con Narón, e a Praza de España. As localizacións nos centros das cidades e con boas conexións estaban, e seguen estando, destinados aos edificios de maior importancia administrativa e ás vivendas da clase alta. Recimil atópase algo afastado da praza e queda oculto polas dimensións do resto das edificación da mesma -deseñadas para aloxar corpos da administración e vivendas para altos cargos do Exército e da Mariña- mais é chamativa a localización dunha urbanización de vivendas sociais no centro da cidade. O feito de que a Praza de España fose concibida expresamente como nexo de unión entre o bario da Magdalena e Recimil reflexa a intencionalidade da localización e o desexo de continuidade da trama urbana ferrolá.

Outra das características a destacar é a súa “estructura cuartelaria y de carácter hermético3. Recimil foi deseseñado para ser autosuficiente coa incorporación á súa trama dun colexio, un mercado e unha igrexa. Ademais destas infraestruturas que a fan máis ou menos independente do resto da cidade, o barrio constrúese cara dentro, de costas ó exterior, xa que incluso en moitos casos para poder acceder ás propias vivendas téñense que atravesar os arcos que separan as zonas interiores da urbanización da rúa. Esta disposición arquitectónica fixo que os seus habitantes desenvolvesen un profundo sentimento de pertenza e de arraigo ao barrio4. Todo isto, sumado á gran cantidade de aloxamento que proporciona Recimil -algo máis de mil vivendas- converte ao barrio nunha cidade en miniatura dentro de Ferrol.

Extensión do barrio de Recimil. Fonte: Instituto Galego de Vivenda e Solo.

O Recimil actual

Estas características converten ao barrio en obxecto de estudo e a imperante necesidade de protexelo e rehabilitalo fan que no ano 2016 o Instituto Galego de Vivenda e Solo, trala petición do Concello de Ferrol, declarase Recimil como Área de Rehabilitación Integral. Este foi o comezo dunha nova etapa para o barrio na que o Concello xogará un papel fundamental.

Nunha entrevista realizada a dous dos arquitectos do Concello, explican as principais preocupacións que ten a administración sobre o barrio de Recimil. Pese a que a idea desta gran cantidade de vivenda pública podería verse como algo positivo, o certo é que acarrexa problemas puntuais magnificados polo amplo número de vivendas -139 edificacións e 1012 vivendas según según o Instituto Galego de Vivenda e Solo-.

Debido á antigüidade das vivendas, moitas delas ríxense aínda por alugueres de renda antiga, pagando os seus inquilinos un valor moi por debaixo do prezo actual, incluso aínda que sexan alugueres sociais. A isto súmaselle un problema real de ocupación nalgúns dos bloques do barrio. A habitación ilegal das vivendas supón un dobre problema para o Concello. Por unha banda, estas familias non aportan un aluguer á administración que, en última instancia, úsase para manter e mellorar o barrio. Ao mesmo tempo, supoñen un foco de degradación das casas e do entorno e imposibilitan aos funcionarios a evaluación das vivendas para coñecer o estado real das mesmas. Estas avaliacións son moi importantes para o Concello xa que necesitan saber o estado de cada casa para mellorala e facela máis habitable. Con isto, búscase paulatinamente crear vivendas de maior calidade, edificios adaptados ás diferentes mobilidades -outro dos grandes retos para a administración é adaptar os edificios sen alterar a súa configuración- e, como fin último, crear un barrio moderno, de boa calidade, desestigmatizado, con alugueres actualizados ó mercado e coas vivendas ocupadas pola vía legal.

Pese a todos os problemas presentados anteriormente, os arquitectos destacan o gran exercicio urbanístco que é Recimil. Un barrio que, según as súas propias palabras “nace de libro” e que representa un “urbanismo de la época moderna impecable” cuxo problema non é tanto os materiais co que foi construído senón a mala conservación do mesmo e a falta de interés por parte das administracións.

Recimil, con todos os seus problemas habitacionais e todas as melloras que son necesarias levar a cabo, representa a día de hoxe o que o aluguer social debería ser e non é: un conxunto de vivendas, máis ou menos integrada na cidade, en réxime de aluguer e cun compromiso real por parte da administración por levar a cabo a súa mellora.

*Foto principal. Vista de Recimil. Fonte: Cope.es.

Referencias
– Cardesín, J. M. (2015). ‘Historia de dos Ciudades’. La Memoria de Ferrol, entre la Marina de Guerra y la Clase Trabajadora.
– Díaz Leira, M. (2017). El barrio de Recimil: Un estudio de caso sobre las consecuencias sociológicas de la obsolescencia urbana.
– Instituto Galego de Vivenda e Solo (2021). Área de Rehabilitación Integral Recimil (Ferrol) Xunta de Galicia. Recuperado de https://ari-igvs.xunta.gal/gl/node/181 [última consulta 5/1/21]

Notas ao pé

  1. Cardesín, 2015 []
  2. Diaz Leira, 2017: 19 []
  3. Díaz Leira, 2017: 18 []
  4. Díaz Leira, 2017: 21 []

Un comentario en “Recimil. O barrio feito cidade

  1. Es una pena que escribiendo también no esté mejor informado de la historia real de su construcción con anécdotas y variantes a lo largo del tiempo. No tengo ningún problema por compartir mis conocimientos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *