Rehabilitar o Mau Mau: os campos de concentración na Kenya colonial

Alexandre Balboa Cintrón

A Rebelión do Mau Mau foi unha insurrección contra o goberno colonial británico en Kenya. Iniciouse en 1952, coincidindo coa vitoria de Winston Churchill nas eleccións, e non rematou ata 1960. Durante oito anos, o país africano viviu baixo un Estado de Emerxencia cun sistema de campos de detención e unha represión indiscriminada sobre os nativos. O 11 de outubro de 2012, as demandas de antigos membros do Mau Mau conseguiron que o goberno británico recoñecese as torturas e os malos tratos causados pola administración británica nos anos previos á independencia.

En 1946 Kenya tiña unha poboación de aproximadamente cinco millóns de africanos e trinta mil colonos baixo un autogoberno e un mercado da terra aberto exclusivamente para brancos, propietarios de preto de dous mil cincocentas explotacións que se correspondían coa mellor terra agrícola. O malestar da poboación incrementouse coa volta dos soldados kenyanos da Segunda Guerra Mundial. A sociedade nativa dividiuse entre unha minoría de xefes tribais que se beneficiaba das concesións de terras do goberno, un pequeno grupo de nacionalistas moderados de clase media, liderados por Jomo Kenyatta, e grupos de antigos soldados e campesiños afectados pola situación agrícola.  Existían varios pobos que foran divididos segundo os intereses británicos, cunha xerarquía totalmente artificial. Os agricultores kikuyu, a etnia maioritaria de Kenya, eran os máis prexudicados, ocupando as terras marxinais dos colonos a cambio dun traballo en especie, pero o sistema mudara e comezaron a ser expulsados. Ese foi o detonante do Levantamento Mau Mau, iniciado por campesiños e excombatentes baixo o liderado de militares como  Waruhiu Itote, coñecido como Xeneral China, que servira no exército británico. Descoñécese a orixe e o significado de Mau Mau, incluso para os seus vellos integrantes, pero á marxe dos relatos racistas que se elaboraron no momento da rebelión, foi un movemento anticolonial co lema ithaka na wiyathi (terra e liberdade) que promoveu mensaxes supraétnicas, evidenciados na conformación dunha guerrilla con membros das etnias meru e embu, ademais dos kikuyu.

Os primeiros actos de violencia dos rebeldes chegaron sobre nativos que se negaran a participar na loita e contra os xefes tribais que colaboraran co goberno colonial. En outubro de 1952, tralos primeiros asasinatos a machadazos de familias de colonos, o gobernador Evelyn Baring declarou o Estado de Emerxencia. A guerrilla Mau Mau asentouse na selva do Monte Kenya, cun continxente de preto de 4.000 homes. Contra eles mobilizouse ao exército, incluídos batallóns de militares africanos (non só kenianos) dos King´s African Rifles.

Soldados británicos asistindo á policía nunha redada contra o Mau Mau en Karoibangi, Kenya (1954). Fonte: Popperfoto/Getty Images

O goberno de Baring recibiu presións dende a metrópole para atopar posibles solucións e asociou o xiro de violencia á tendencia liderada por Jomo Kenyatta, próximo a elite británica e que non tiña nada que ver cos Mau Mau. As súas pretensións para a descolonización pasaban por adaptarse ao marco no que os novos países establecían unhas relacións favorables cos británicos a través da Commonwealth. Non obstante, foi arrestado e condenado a cadea perpetua. En xeral, o conflito presentouse nos medios de Reino Unido coma un caso de enfrontamento entre civilización e salvaxismo primitivo. Trinta e dous colonos foran asasinados, pero a maioría das vítimas foran kenyanas; mil oitocentos kikuyu morreron na loita contra a guerrilla.

Houbo toda unha serie de relatos que circularon dende o país africano cara a metrópole que adoptaron a forma de libros e películas. En Inside Africa (1953), o xornalista estadounidense John Gunter describía e inventaba a maioría das atrocidades cometidas polos Mau Mau. A obra tivo un total de 12 reedicións e a prensa británica repetiu constantemente os seus contidos, como o de que na etnia kikuyu mantiñan relacións sexuais con animais. Nas carteleiras estreáronse películas coma Simba, a loita contra o Mau Mau (1955), centrada no relato dos abusos sobre os colonos e os nativos que os servían e retratando unha guerrilla tribal  e simplemente primitiva.

Cartel da película Simba: a loita contra o Mau Mau. A película tivo tres nominacións aos Premios Bafta de 1955. Fonte. Sensacine.com

Coa entrada en vigor do Estado de Emerxencia, o gabinete de Baring barallou a posibilidade dun proxecto de “rehabilitación” para os nativos, encargado ao arqueólogo Louis Leaky en colaboración cun “etnopsiquiatra”. O programa debía facilitar as confesións dos presos e a súa renuncia aos seus compromisos co Mau Mau nunha especie de reeducación social paternalista que, no papel, non contemplaba ningún tipo de violencia. Aproximadamente 320.000 kikuyus, un terzo da poboación desta etnia, foron encerrados en campos de concentración. Mulleres e nenos foron retidos, maioritariamente, en poboados pechados e fortificados. Hai discrepancias en torno as cifras de campos, pero a historiadora Caroline Elkins afirma que superaron o centenar. O plan de Leaky consistía nun sistema de pipeline (oleoducto) polo que os detidos ascendían ou descendían segundo os progresos na súa rehabilitación.

Moitos dos abusos cometidos saíron á luz nas últimas dúas décadas co apoio das vítimas e a recuperación de arquivos no Foreign Office británico. Reclusas e reclusos foron sometidos a interrogatorios e torturas por parte de soldados británicos e colonos, pero tamén de vellos veciños que coñecían a aqueles que tiñan familiares na guerrilla ou sabían da simpatía polos rebeldes. Houbo constantes situacións de abusos e humillacións sexuais: os homes eran castrados e as mulleres violadas e sometidas a outro tipo de torturas como a introdución de obxectos pola vaxina e o recto ou retorsións dos peitos con alicates.

Campo de concentración en Kenya. Fonte: Getty Images.

O sistema de campos de detención rematou en marzo de 1959, coa repercusión que tivo nos medios a morte de dez presos no campo de Hola  a mans da policía, aínda que algúns medios seguiron a versión do gobernador de que morreran por beber auga contaminada. As novas deste suceso contribuíron a que Harold McMacmillan, o novo primeiro ministro dende 1957, comprendese que ese sistema de control dexenerara nunha violencia que non podía continuar medrando.  Meses máis tarde, elaboraría o seu famoso discurso sobre o “vento do cambio”. O goberno británico anunciou o inicio do proceso cara a independencia de Kenya. Kenyatta foi liberado en 1962 e converteuse no primeiro presidente do país dentro da Commonwealth.

O número de vítimas dos campos de detención é a día de hoxe obxecto de controversia.  Oficialmente, durante a Rebelión do Mau Mau morreron 11.000 kenyanos, aínda que a Comisión de Dereitos Humanos de Kenia (KHRC) asegura que foron polo menos  90.000 vítimas mortais polo sistema de concentración, a falta de comida, o sometemento a torturas e a propagación de enfermidades en campos superpoboados.

Bibliografía

ELKINS, Caroline (2009). Imperial reckoning. The untold story of Britin´s Gulagin Kenya. New York: Henry Holt and Co.

FONTANA, Josep (2011) Por el bien del imperio. Barcelona: Pasado y presente.

LONDSDALE John (1990). “Mau Maus of the Mind: Making Mau Mau and Remaking Kenya”, The International Journal of African Historical Studies, nº31.

MORENO FELIU (2014). Paz, “Tras las huellas del Mau Mau: memoria, amnesia y reivindicación de justicia”, Revista Andaluza de Antropología, nº6.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *