A fin do Imperio Romano na provincia da Gallaecia. O xacemento de Valencia do Sil (Vilamartín de Valdeorras, Ourense)

Sputnik Labrego é un proxecto de investigación formado por unha ducia de persoas cuxo obxectivo é o estudo das sociedades labregas na longa duración histórica. Entre as súas actividades máis importantes están as escavacións na Ciudad de la Selva, un conxunto de campamentos da guerrilla antifranquista, en Casaio (Ourense) e a análise da fin do Imperio Romano na bisbarra de Valdeorras.


O período final do Imperio Romano no noroeste peninsular é un período moi complexo de estudar. En primeiro lugar, non hai moitas fontes escritas que permitan ter unha idea clara sobre os procesos sociais e políticos que remataron o que foi un dos imperios máis poderosos da antigüidade. Neste caso, a mellor fonte da que dispoñemos é a do bispo Hidacio de Chaves, que, como mostran autores como César Candelas ou Pablo Cruz Díaz, se trata dunha fonte moi complexa e que adoita mostrar unha visión moi particular dos acontecementos. En segundo lugar, a fin do Imperio Romano ocorreu nun período moi curto de tempo, o que dificulta poder entender cun certo grado de complexidade todos os procesos que determinaron este evento. É por isto que a súa análise é moi dependente da arqueoloxía e do estudo dos sistemas de poboamento e das mudanzas económicas, políticas e simbólicas das sociedades entre os séculos IV e V d.n.e. A idea de “iluminar” este período mal coñecido como escuro é o un dos obxectivos do proxecto Sputnik Labrego, que leva tres anos estudando a arqueoloxía da comarca de Valdeorras nos momentos finais do Imperio Romano.

Levantamento 3D do xacemento

A comarca de Valdeorras preséntase como un espazo privilexiado para este propósito. A potente minería asociada a esta área (non hai que esquecer a presenza das Médulas) converteu esta bisbarra nun espazo central na economía imperial. Ademais, trátase dunha limia natural entre a meseta central e a costa atlántica, aspecto subliñado pola presenza do río Sil e a posterior Vía XVIII, a Vía Nova, construída polos romanos para o transporte do tan prezado mineral. Deste xeito, o impacto do Imperio Romano na comarca de Valdeorras foi moi significativa, coa presenza de xacementos de primeiro orde, como a vila da Cigarrosa, o asentamento da Pobra -escavado nos anos 90- ou o recentemente descuberto xacemento de Proendos. Porén, os momentos finais do Imperio Romano aínda eran pouco coñecidos na bisbarra, a pesar de existiren moitos xacementos deste período, como poderían ser o castro de Penadominga, a contorna de Quiroga ou Santa María de Mones. Entre estes, un dos máis interesantes é o xacemento de Valencia do Sil, un xacemento coñecido dende finais do século XIX e escavado durante os anos 60 e 70 polo grupo dos Escarbadores, un grupo de afeccionados á arqueoloxía que atoparon numerosos xacementos por toda a bisbarra de Valdeorras.

Dende o ano 2019 este xacemento é obxecto de escavacións arqueolóxicas que están a aportar moita información sobre este momento histórico. Situado nun pequeno cumio a beira do río Sil, o xacemento ocupa unha extensión aproximada de 3 has. Orixinalmente contaría cunha potente muralla da que hoxe en día temos moi poucos restos conservados. A proliferación de material arqueolóxico no interior do recinto amurallado invita a pensar nunha ocupación moi intensa do sitio nos momentos finais do Imperio romano, como están a mostrar as escavacións.

Fonte orixinaria de Lugo

Polo de momento, a escavación centrouse en dous sectores do xacemento. O primeiro é o que podemos denominar o “sector doméstico”. Trátase dun gran edificio xa escavado nos anos 60 e 70 cun total de 12 estancias recoñecidas pero que podería ser incluso máis grande. Polo material atopado no interior pensamos que se trata dunha única vivenda ocupada por unha familia extensa e que mostraría unha gran diversidade funcional; isto é, que cada estancia estaría dedicada a unha tarefa distinta, sexa de almacenamento -por exemplo, en estancias onde se atoparon anacos de ánforas de transporte de produtos como o viño ou o aceito-, de cociña -coa presenza de fogares-, ou de produción -con estancias onde se atoparon os coñecidos como pondus, pesas de tear para a fabricación de tecido. Ademais, tanto nas escavacións antigas como nas modernas atopouse unha gran cantidade de moedas que mostraría a potencial ocupación do sitio por parte de elites rexionais. A datación radiocarbónica neste contexto invita a pensar que a fase de ocupación principal deste espazo foi entre mediados do século IV e mediados do século V d.n.e.

Voo dron do sector doméstico

O outro sector intervido polo de momento é o que chamamos o “sector produtivo”, tamén escavado parcialmente de antigo e coñecido entón como “casa romana”. Entre os anos 2019 e 2020 puidemos escavar de xeito completo unha gran estancia cuxa característica máis destacada é a aparición dun solo de opus signinum, un tipo de solo moi representativo da cultura romana feito de morteiro de cal xunto con anacos de pedra, tixolo e barro. Porén, non atopamos ningunha estrutura interna, salvo un apoio para unha columna central que sostería o teitume a un auga feito de lousa. Chamámosllo o “sector produtivo” porque o material máis destacado atopado nesta estrutura é unha cantidade moi significativa de mineral e de escouras, restos de actividades de produción de metal. As análises que polo de momento puidemos facer indican que, sexa nesta estrutura, sexa na contorna inmediata, tiveron lugar actividades de forxa, posiblemente de ferro. A datación radiocarbónica feita indica que esta estancia foi ocupada contemporaneamente ao outro edificio coñecido.

Sector productivo

Tanto as estruturas escavadas como o material atopado invitan a pensar nunha sociedade complexa, posiblemente vinculada ás elites rexionais de Valdeorras que ocuparan este espazo para realizar actividades relacionadas coa extracción de mineral. Porén, esta non sería a única actividade do sitio. A análise dos ósos de animais atopados no interior do xacemento, estudados polo profesor Carlos Fernández Rodríguez, da Universidade de León, indica a presenza dunha gandería moi desenvolvida e un consumo de animais que inclúen as vacas, os porcos ou as ovellas. Pola súa parte, a cerámica atopada e as moedas indicarían non só un alto estatus dos habitantes do xacemento senón a presenza de redes comerciais moi activas no momento do ocupación do sitio. Un sitio, ademais, que non estaría illado no seu entorno, senón que partillaría unha ocupación da paisaxe xunto con outros xacementos como os mencionados anteriormente.

Restos óseos

As escavacións en Valencia do Sil arroxaron, polo de momento, moita información que estamos a procesar e que permitirán iluminar este período escuro que é o momento final do Imperio Romano e os primeiros momentos da Idade Media. Ademais, as escavacións poñerán en valor un xacemento moi especial que, esperamos, sexan unha punta de lanza para a promoción do patrimonio cultural dunha bisbarra cunha identidade única. Os primeiros pasos do que esperamos sexa un proxecto de longa duración, como a historia que está a desentrañar.

*Tódalas imaxes foron aportadas polo grupo Sputnik Labrego.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *