A Eslovaquia independente de Josef Tiso (III): Slovenská republika

O que fora o punto de inflexión para a Europa de Entreguerras e a diplomacia do Terceiro Reich, tamén o foi para os nacionalistas eslovacos. A crise de Múnic de 1938 profundizou as diferenzas dos dous sectores no partido Ludaki: os radicalizados, simpatizantes do fascismo compostos por intelectuais novos e militantes da antiga Rodobrana (reconvertida agora na “Garda de Hlinka”); e os moderados católicos, conservadores e clérigos, que recibían o apelativo despectivo de “catolicismo político” por parte do primeiro grupo[1]. Pese a todo, ambos grupos aumentaron o ton das súas demandas de maior autonomía, sobre todo tras a conferencia de Zilina[2].

O escenario posterior a Múnic foi favorable para os intereses dos nacionalistas eslovacos, xa que o goberno de Praga tivo que ceder ás súas presións. Checoeslovaquia reconverteuse nunha nova república cuasi-federal, composta polas rexións de Bohemia, Rutenia e Eslovaquia, con territorios perdidos a mans de alemáns (os Sudetes), húngaros e polacos, en crise e ameazada polos seus veciños[3].

Imaxe 1. Bandeira autonomista empregada polo PPEH e a garda de Hlinka entre 1938 e 1945.

Hlinka, o histórico líder do partido, morreu pouco antes da consecución da autonomía eslovaca. Sucederíalle como líder (Vodca) monseñor Josef Tiso, da ala clerical e moderada, mentres que Vojtech Tuka, dos sectores máis radicais, volvía á primeira liña da política rexional. En novembro de 1938 instauraríase un réxime de partido único do PPEH, aproveitando os primeiros comicios eslovacos “autónomos”, que gañou o partido  xunto a unha amalgama de grupos afíns coñecida como Partido da Unidade Nacional Eslovaca.[4]

A amplia autonomía non foi suficiente, expandíndose a idea de que a única garantía verdadeira de viabilidade para Eslovaquia, ante as ansias expansionistas dos seus veciños polacos e húngaros e a incapacidade do goberno de Praga para protexerlles, era a independencia. Esta levouse a cabo mediante unha declaración unilateral da Asamblea Provincial Eslovaca o 14 de marzo de 1939, co apoio e beneplácito da Alemaña nazi, sendo ademais a súa principal instigadora; o día seguinte, este país ocupou militarmente as rexións checas, proclamando o Protectorado de Bohemia-Moravia[5].

O novo país naceu como un satélite alemán, o primeiro deles[6]. O parlamento eslovaco escolleu ao monseñor Josef Tiso como Primeiro Ministro, e Vojtech Tuka foi nomeado ministro do Interior e viceprimer ministro. Meses despois, Tuka asumiría o cargo de Primeiro Ministro, mentres que Tiso faría o mesmo co de Presidente da República, posto que ocuparía ata 1945.

Imaxe 2. Mapa das fronteiras de Eslovaquia nos distintos contextos históricos.

O goberno tivo que asumir unha situación complicada. Debían organizar unha administración estatal eficiente sen un funcionariado adecuado; o país seguía sendo maioritariamente rural, e cunha economía empobrecida; e sufriran perdas territoriais, das que se beneficiou a veciña Hungría.

No referente a definir a ideoloxía no nacente Estado, encontrámonos con diversidade de opinións. Aínda que o mesmo Hlinka non prestara demasiada atención ás cuestións teóricas do partido (e, por extensión, as da futura Eslovaquia independente)[7], xa vimos que as diferentes tendencias distaban moito de ser iguais. Había sectores claramente fascistas, e outros que poderían relacionarse mellor cos autoritarismos de dereitas que xurdiran no continente.

Algúns historiadores opinaban que ata 1938-39 o PPEH era un partido conservador e moderado, como xa se mencionou na entrega 1. A partir da influencia alemá e dos acontecementos da independencia eslovaca, produciríase un proceso de radicalización das posturas corporativistas e autoritarias que xa existían de antes, sendo entón unha especie de “fascistización”[8]. Isto é unha dinámica parecida á que pasou noutros territorios baixo a órbita ou dominio alemáns (Francia, Bélxica), onde a ocupación completou esa conversión cara o fascismo de forzas que xa tendían para alí de algunha maneira[9].

Outros estudosos, como Robert Paxton, falan de que o goberno do PPEH era máis autoritario-clerical que fascista[10]. Gañou peso tamén a denominación xeneralizada de “fascismo clerical” (Clerical fascism) para definir, principalmente, ó Estado independente eslovaco e a Croacia Ustasha. O concepto parte da estreita relación dos elementos relixiosos coa ideoloxía oficial fascista (ou de influenza fascista), tanto pola importancia do catolicismo na identidade nacional eslovaca e na sociedade do país, como pola presenza de sacerdotes coma líderes sociais e políticos (Andrej Hlinka, Josef Tiso)[11].

Fascista ou non, a colaboración de Eslovaquia coa principal potencia autoritaria do continente, a Alemaña nazi, é un feito evidente e constatado. No seguinte e último artigo desta tetraloxía mergullarémonos nesa relación, e que consecuencias infames tivo para a minoría xudía do país.

Notas ao pé

[1] R. C. BIJMAN: Clerical Fascism? A Controversial Concept and its Use. Tesis de máster. Utrecht, Universiteit Utrecht, 2009, p. 74.

[2] Xosé Manoel NÚÑEZ SEIXAS: Movimientos nacionalistas en Europa. Siglo XX. Madrid, Editorial Síntesis, 2004, p. 148.

[3] Íbid.

[4] Íbid.

[5] Íbid.

[6] Stanley G. PAYNE: El fascismo. Madrid, Alianza Editorial, 2014, p. 173.

[7] R. C. BIJMAN: Clerical Fascism? A Controversial…, p. 74.

[8] Stanley G. PAYNE: El fascismo. Madrid, Alianza Editorial, 2014, pp. 172-173.

[9] Íbid., p. 173.

[10] Robert O. PAXTON: Anatomía del fascismo. Barcelona, Ediciones Península, 2004, p. 134.

[11] R. C. BIJMAN: Clerical Fascism? A Controversial…, p. 74.

BIBLIOGRAFÍA.

R. C. BIJMAN: Clerical Fascism? A Controversial Concept and its Use [tesis de máster]. Utrecht, Universiteit Utrecht, 2009.

Xosé Manoel NÚÑEZ SEIXAS: Movimientos nacionalistas en Europa. Siglo XX. Madrid, Editorial Síntesis, 2004.

Robert O. PAXTON: Anatomía del fascismo. Barcelona, Ediciones Península, 2004.

Stanley G. PAYNE: El fascismo. Madrid, Alianza Editorial, 2014.

 

(*) Na imaxe da portada, Tizo celebrando o segundo aniversario do 14 de marzo de 1939. Fonte:  https://en.wikipedia.org/wiki/File:Jozef_Tiso_at_second_anniversary_of_14_March_1939.png

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *