Galicia, de Nós a nós: notas dunha exposición e un espazo expositivo

Santiago Rodríguez Caramés

A mostra Galicia, de nós a nós é a última proposta expositiva da Fundación Cidade da Cultura no Museo Centro Gaiás. Aproveitando a efeméride centenaria da revista Nós, esta exposición contémplase, segundo a propia Fundación, como a segunda grande exposición do Xacobeo 2021 logo de Galicia, un relato no mundo, un repaso do comisario Manuel Gago por todos os mitos e construcións históricas do pobo galego.

A Xeración Nós, unha das pedras fundacionais da cultura galega contemporánea, chega á Cidade da Cultura nesta antesala xacobea. Malia a complicada situación sanitaria, o Xacobeo 21 será o marco de numerosas propostas expositivas, sinaladamente nun complexo do Gaiás que, logo de vinte anos, numerosas mudanzas sobre o proxecto orixinal e uns custos disparados, semella estar chegando á súa conclusión. Con todo, deixa tras de si un panorama desolador para o conxunto da promoción cultural galega, como ben relata Jorge Linheira no seu completo ensaio La cultura como reserva india: treinta y seis años de políticas culturales en Galicia (2018). A lóxica que se viu no conxunto do Estado a finais do século XX, a lóxica da grande infraestrutura, mantén na actualidade certas inercias se ollamos por exemplo a presenza publicitaria da oferta do Gaiás. Nesa lóxica da grande infraestrutura, a memoria galeguista narrada na mostra institucionalízase, cos aspectos positivos —presenza, recursos e visibilidade— e negativos que isto leva consigo, sobrevoando o risco de se deturpar a mensaxe desa memoria, como xa aconteceu co discurso do Presidente da Xunta na vinda d’A derradeira lección do mestre de Castelao en 2018.

 

Cómpre indicar, dende un punto de vista técnico, que o propio espazo expositivo do Museo Centro Gaiás é pouco axeitado para case calquera tipo de mostra. Isto ten a ver coa indefinición orixinal ou pouco estudada do proxecto da Cidade da Cultura e a absoluta carta branca dada a Eisenman por Fraga Iribarne tras vencer o arquitecto americano o sonado concurso de 1999. En efecto, a escolla de Eisenman, envolvida en polémica1 , semella responder máis ao fetichismo formal do proxecto —a vieira, o recordo da cidade vella—, moi útil para a ideoloxía da pax fraguista e xacobea pre-Prestige, que a criterios cun mínimo de funcionalidade2 . Así, o Museo Centro Gaiás consta de varios niveis de grande altura, innecesaria para o uso —cos conseguintes innecesarios gastos enerxéticos— e que non ofrece ás visitantes un espazo ambiental óptimo para se introduciren no fío expositivo. Ademais, a suposta ambivalencia das grandes salas obriga a executar propostas de montaxe adaptadas ás necesidades de cada exposición: pódese lembrar, neste senso, a imaxinativa proposta de Camiño: a orixe, en que o itinerario entre os cubículos que gardaban as obras era unha evocación do mítico bosque do Libredón.

Sexa como for, isto non desmerece o espléndido labor de comisariado de Afonso Vázquez-Monxardín Fernández e Ana Acuña Trabazo, unha completísima escolma documental de arredor de 300 pezas conducidas a través de cinco seccións. As pezas, procedentes non só de institucións galegas, senón tamén de Francia, Alemaña e Portugal, indican a relevancia da revista Nós como punto de inflexión para a reflexión sobre o propio e mais a apertura á cultura internacional que procuraban os Castelao, Risco, Otero Pedrayo, Losada Diéguez, Cuevillas ou Cabanillas.

Sección 2 da mostra

A primeira sección, «O mundo antes de Nós», amosa os primeiros pasos dunha Galiza a se espertar na ciencia —co senlleiro mapa de Galiza de Domingo Fontán—, na literatura —coa maleta onde se gardan os manuscritos d’Os Eoas de Pondal— e no artístico —coa malograda Xeración Doente, representada por Parada Justel—. A introdución a Nós da segunda sala, dende o fundacional Álbum Nós de Castelao até os poemas galegos de Lorca, fálanos da efervescencia que vivirá Galiza durante os anos de Nós e esas relacións internacionais que terá, caso da colaboradora alemá Margot Sponer, cuxa tese Altgalizische Urkunden (1935) é a primeira dedicada á lingua galega. Deseguido, a exposición convida a percorrer as 134 portadas da revista, ao tempo que se pode empregar un buscador interactivo artellado en autores, temáticas, conexións internacionais e recursos artísticos usados na edición. Esta urxencia de integrar experiencias interactivas queda reflectida tamén na seguinte sección, en que se pode gozar dunha reconstrución virtual do campamento romano de Aquis Querquennis, documentado por López Cuevillas e que dá conta dos inxentes e variados contidos da revista: arqueoloxía, arte, diarios de viaxes —Risco e Castelao—, deporte, música e danza, literatura galega, portuguesa ou europea etc. O final deste fío argumental son as herdanzas de Nós: a influencia dos seus membros na cultura galega posterior, no exilio ou a pegada no país e na cultura popular. Como dicimos, o espazo expositivo do Gaiás non é o máis axeitado para este tipo de mostra con obras de pequeno formato e en que aquelas de maior formato —o mapa de Fontán ou a bandeira do Consello de Galiza— non acadan todo o protagonismo que poderían ter. En calquera caso, dende o punto de vista didáctico e historiográfico, é unha exposición que cumpre e ofrece unha visión completa e concisa da transcendencia de Nós no contexto da cultura galega contemporánea.

O vindeiro Xacobeo 2021 será a priori descafeinado e estraño mais de seguro cheo de lóxicas contraditorias e conflitivas. Este vórtice cultural institucional, alimentado até a saciedade, traerá cando menos propostas para descubrirmos cun ollar crítico algúns recunchos da nosa historia. Neste senso, a exposición As miradas de Isaac, inaugurada o 6 de novembro, repasa —nunha nova efeméride centenaria— outro dos grandes referentes e renovadores da nosa cultura contemporánea: Isaac Díaz Pardo (1920-2012).

Sección 5 da mostra.

Tódalas fotografías do artigo foron tomadas polo autor.

*Imaxe de cabeceira. Entrada da exposición, onde se pode ver o gran traballo gráfico desenvolvido polo ilustrador Álvaro Valiño.

Bibliografía

Manuel CHEDA: «Un experto alertó a la Xunta en 1999 de un “serio” sobrecoste de las obras», La Voz de Galicia, 28/9/2007, p. 3

CIDADE DA CULTURA: «Galicia, de Nós a Nós», información da exposición. Dispoñíbel en https://bit.ly/3dZJXh7 (Consultado: 26/10/2020)

Peter EISENMAN: «Peter Eisenman, o cerebro americano» (entrevistado por Carlos Seoane, Belén Puñal e Francisco Seoane), Tempos novos, nº 48 (2001), pp. 42-47

Wilfried WANG: «“Un ignorante habría detectado los excesos del proyecto de Eisenman”» (entrevistado por Manuel Cheda), La Voz de Galicia, 29/9/2007

Notas ao pé

  1. Wilfried Wang, membro do xurado internacional, avisaba da inviabilidade do proxecto escollido, ademais de denunciar as presións para esta escolla. Vid. Cheda (28/8/2007) e Wang (29/9/2007). []
  2. Como proba desta indefinición, recoméndase a entrevista a Eisenman realizada por Carlos Seoane, Belén Puñal e Francisco Seoane na revista Tempos Novos (nº 48, 2001). []

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *