Juan López
Cando o exército alemán recuaba cara Berlín trala batalla de Stalingrado un sector da OUN (Organización de Nacionalistas Ucraínos) desvinculouse completamente dos nazis para desenvolver unha nova estratexia que permitise a creación do seu anelado estado étnico ucraíno.
Coa mente posta no obxectivo independentista, a OUN-Bandera liderada por Mykola Lebed e Roman Shujévych creou a UPA (Exército Insurxente Ucraíno) en marzo de 1943. A organización extremista pensaba que tralo final da Segunda Guerra Mundial tanto o exército nazi como o vermello acabarían esgotados e sen forzas para impoñerse nos territorios que eles reclamaban, convertendo a Polonia no verdadeiro obstáculo e inimigo real que impediría o seu obxectivo, xa que tiña terreos que tamén formaban parte dos plans da OUN. Isto fixo concentrar tódolos esforzos da organización fascista no exterminio da poboación polaca neses territorios1 .
O xenocidio polaco produciuse na rexión de Volinia, territorio onde a OUN foi moi influínte no período de entreguerras. No verán de 1943 conseguiron ser a forza dominante no distrito de Volinia debido a súa capacidade de recrutamento, chegando a reunir a 20.000 soldados2 .

O conflito UPA-Polonia en Volinia tivo o seu pico de violencia entre marzo e decembro de 1943. Especialmente o 11 de xullo, e durante toda a madrugada, a UPA atacou 167 localidades arrasando a meirande parte delas coa súa correspondente poboación. A relixión xogou un papel significativo: os polacos católicos celebraban o Nadal nunha data anterior aos ucraínos, de rito oriental. A UPA empregou esta distinción para facer diferenciacións étnicas, queimando aos polacos nas igrexas e asasinando a todo aquel que intentase escapar3 .
Ante os asasinatos da súa poboación civil, o Exército Interior Polaco pronunciouse a favor da independencia de Ucraína nos territorios volinianos. Non obstante a UPA tomou este posicionamento como garantía de que o xenocidio e o rexeite ao diálogo eran o camiño para conquistar os territorios polacos que querían4 . Con todo, na rexión de Volinia o brazo armado da OUN matou entre uns 40.000 e 70.000 civís polacos. O conflito estendeuse ate a rexión de Galitzia, zona na que había unha preponderancia demográfica aínda máis polaca debido a súa ubicación máis occidental. Nesta rexión, a estratexia da UPA foi dar a opción de partir aos polacos antes de matalos, non como en Volinia que actuaban sen previo aviso. Malia isto, a organización terrorista matou a uns 25.000 civís polacos incluíndo mulleres e nenos5 . O acontecido tamén se conta como un episodio menor do Holocausto debido a que os sobreviventes hebreos que escaparon dos nazis escondéranse mesturándose entre o campesiñado polaco6 .
En total, estímase que a organización terrorista OUN-UPA asasinou entre uns 70.000 e 80.000 civís polacos nas zonas de Galitzia e Volinia ata a chegada do Exército Vermello.

*Foto de portada: Monumento en Breslavia as vítimas polacas Autor Stanislaw Kosiedowski. Fonte: Wikimediacommons.
Bibliografía
Timothy SNYDER, The Reconstructions of Nations: Poland, Ukraine, Lithuania, Belarus 1569-1999, Yale University, United States of America, 2003.
Notas ao pé
- Timothy SNYDER, The Reconstructions of Nations: Poland, Ukraine, Lithuania, Belarus 1569-1999, Yale University, United States of America, 2003, p. 165. [↩]
- Timothy SNYDER, The Reconstructions of Nations…, p. 169-179 [↩]
- Timothy SNYDER, The Reconstructions of Nations…, p. 169-170. [↩]
- Timothy SNYDER, The Reconstructions of Nations…, p. 190. [↩]
- Timothy SNYDER, The Reconstructions of Nation…, p. 176. [↩]
- Timothy SNYDER, The Reconstructions of Nations…, p. 169-170. [↩]