A Torre dos Moreno de Ribadeo: breves apuntamentos e perspectivas de conservación

Santiago Rodríguez Caramés

[…] prueba a la vez de un impulso, por todos con intensa gratitud recibido, de iniciar un camino, que será para Ribadeo un feliz renacer, una risueña autora para su mejoramiento, para el embellecimiento de este pueblo, llamado a grandes destinos y tan digno de mejor suerte. La amplia explada de la plaza del Campo, que otros pueblos envidiarían, y que convenientemente urbanizada daría a nuestro pueblo, más presentable, mejor ornamentado, con más decencia vestido, relativamente notable importancia queda, con la edificación ya comenzada de los Sres. Morenos, considerablemente adelantada en esa urbanización, que debiera ser la inaplazable aspiración de todos1 .

A arquitectura indiana na Mariña
A vila mariñá de Ribadeo posúe un importantísimo repertorio de arquitectura indiana, isto é, aquela promovida pola emigración retornada e enriquecida, quer residencias privadas, quer edificios de interese público construídos cunha vontade filantrópica. Entre eses exemplos salienta a Torre dos Moreno, que recibe o seu nome dos irmáns Pedro e Juan Moreno Ulloa, dous ribadenses que fixeron a súa fortuna na Arxentina. Arquitectura indiana que, fronte á definición que vimos de dar, posúe un matiz: os irmáns Moreno non retornaron nunca a Ribadeo, o que non os impediu promover este proxecto dende América2 .

Este edificio domina un opulento cuarteirón na transición entre a antiga cidade amurallada e os novos espazos urbanos xurdidos entre finais dos séculos XIX e XX, precisamente sobre unha antiga construción denominada Torre Xulia3 . En efecto, esta saída da zona antiga de Ribadeo é o que hoxe en día precisamente se coñece como Cantón dos Irmáns Moreno, antigamente praza do Campo, onde tamén se atopa o pazo de Raimundo Ibáñez, marqués de Sargadelos, hoxe casa consistorial. A situación elevada do inmóbel e a súa altura fan del unha referencia visual na paisaxe de Ribadeo, podendo ver o seu remate en toda a enseada existente entre a vila e os núcleos de Castropol e Figueiras, que se pecha antes dos derradeiros metros da ría antes da saída ao mar. Desta maneira, como podemos ver no fragmento que dá comezo a este artigo, a torre espertou axiña o entusiasmo dunha parte da sociedade ribadense, que gababa os irmáns Moreno por embeleceren a cidade cun edificio ampuloso, en sintonía coas últimas modas europeas e con criterios de estética urbana decimonónicos.

A Torre dos Moreno no Cantón

En efecto, a torre era unha declaración de modernidade, tanto no repertorio ornamental debedor do modernismo vienés como a súa vangardista estrutura de ferro e formigón, sendo o edificio conservado máis antigo en Galiza con esta solución4 . Estas técnicas foran coñecidas polo seu autor, o bonaerense de orixe catalá Julián García Núñez, nos seus anos de estudo de Barcelona. O ambiente da Renaixença e mais a apertura á modernidade da cidade condal, marcarán o carácter deste arquitecto, que voltará a Bos Aires tras a conclusión dos seus estudos e cuxa relación con Ribadeo é anterior ao contacto cos irmáns Moreno, posto que en 1903, aínda en Barcelona, recibiu o encargo de deseñar as trazas dun palacete en Figueiras. Dito contacto cos Moreno puido terse producido na propia capital da Arxentina, mais o que si se pode afirmar con certeza é que foi nesa experiencia en Figueiras cando coñeceu o enxeñeiro Ángel Arbex, destinado en Ribadeo para as obras do ferrocarril entre Ferrol e Xixón e que participará xunto con García Núñez da redacción do proxecto. Todo isto dá boa conta da transcendencia do proxecto para a vila, así como o valor patrimonial herdado.

Perspectiva da fachada principal da torre. Á dereita, o pazo de Ibáñez, casa do Concello de Ribadeo.

Esmorecemento e urxencia de intervención
O paulatino abandono por parte dos herdeiros, que se desentenderon absolutamente das súas responsabilidades sobre o inmóbel, provocou o esmorecemento da torre. Se ben o emprego de formigón era unha novidade e un prodixio para a súa época, o seu uso era aínda pouco especializado. As infiltracións ou o proceso de carbonatación do formigón viñan danando a estrutura do edificio, producindo humidades, desprendementos, gretas en piares e vigas e aumentando o risco de colapso. O enxeñeiro José Calavera Ruiz fixo as primeiras diagnoses sobre o lamentábel estado da torre e mediou para lle encargar un informe ao Instituto Técnico de Materiais e Construcións (INTEMAC) en 1987. Porén, a dificultade de localizar os propietarios ou a negativa dos inquilinos que ficaban a permitir o acceso aos técnicos retrasaron o inicio das primeiras obras. Entre 1996 e 1999 leváronse a cabo tres labores de consolidación dirixidos por Ernesto Cruzado Estévez5 .

En medio deste proceso, o Concello de Ribadeo asinaba en 1996 un convenio cos propietarios, en que a corporación municipal adquiría un 21% do inmóbel en propiedade como primeiro paso para un futuríbel uso público da torre. Por outra banda, dende o punto de vista xurídico e patrimonial, a Torre dos Moreno foi declarada, logo dos pertinentes trámites administrativos de incoación, Ben de Interese Cultural en 19976 . Alén, en 2004 levouse a cabo a tramitación como BIC da vila de Ribadeo na categoría de conxunto monumental. Coa chegada da crise económica e a dificultade para o concello na asunción o custo da rehabilitación, dita corporación acorda unha resolución para declarar a perención dos compromisos asinados entre o Concello de Ribadeo e os propietarios. Esta declaración amparábase en dous artigos da Lei 8/1995, do 30 de outubro, de patrimonio cultural de Galicia. Por unha banda, faise referencia ao artigo 4, relativo á obriga dos concellos de protexeren os bens patrimoniais e que fixa a posibilidade de «adoptar, en caso de urxencia, as medidas cautelares necesarias para salvagarda-los bens do patrimonio cultural de Galicia que visen o seu interese ameazado». Por outra banda, o artigo 35, relativo á incoación e suspensión de licenzas, dita no seu punto 2 que «as obras que, por causa de forza maior, interese xeral ou urxencia, deberen realizarse con carácter inaprazable precisarán, en todo caso, autorización dos organismos competentes da Consellería de Cultura».

Detalle da fachada principal, coa degradación dos vidros das galerías.

Vista a imposibilidade do concello a realizar unha intervención integral sobre a torre pola escasa participación na propiedade, a situación mudaba en certa medida en 2011 cando a empresa Paisajes de Asturias, propietaria de grandes inmóbeis históricos e xestora dos seus novos usos de hostelaría e turismo, adquiría o 60%7 . Neste ano procédese ao apuntamento da estrutura, mais o compromiso da nova empresa compradora era levar a cabo a rehabilitación da torre nun prazo de tres anos en canto culminase a adquisición do 19% que ficaba aínda en mans dos herdeiros e defendendo que a súa transacción non presentaba obxectivos especulativos. Porén, as críticas chegaron á corporación municipal, sendo acusada de querer desfacerse do 21% que aínda posuía para se eximir de calquera responsabilidade e desembolso económico na rehabilitación e de confiar na boa fe dunha empresa opaca con múltiples propiedades, baixo a sospeita de que a compra fose unha manobra especulativa. Tamén se acusou ao goberno municipal de non levar a cabo medidas de presión a Paisajes de Asturias para executar a reforma, ao contrario do que acontecía con particulares doutros inmóbeis protexidos8 . En 2019, o concello asinaba un novo contrato con Paisajes de Asturias, en que finalmente cedía o seu 21% a cambio da cesión dun edificio próximo, xa rehabilitado e no prazo de dous anos, para xulgado de paz9 .

O pase de diapositivas require JavaScript.

Na última década, após o apuntamento da torre para evitar a súa ruína, o certo é que a súa situación seguiu a empeorar, como testemuñan de maneira clara as galerías, visibelmente danadas ou mesmo desaparecidas na fachada posterior da torre. Chegados ao presente, co edificio incluído na Lista Vermella do Patrimonio elaborada pola Asociación Hispania Nostra, cómpre facermos unhas reflexións finais. Malia o marco xurídico para a protección patrimonial, semella existir certas eivas á hora de paliar a inacción daqueles particulares que non se responsabilizan do mantemento do patrimonio. Estas eivas veñen dadas, neste caso, á escasa marxe de manobra de que dispoñen os concellos cos seus recursos, unha situación que non semella doada nos tempos difíciles que veñen. Desta maneira, é preciso preguntármonos tamén cal é o nivel de responsabilidade que teñen outras administracións superiores, especialmente a autonómica, xerando unha conxuntura onde a responsabilidade da conservación recae nunha empresa privada, con intereses de seu e que afasta a Torre dos Moreno do estado máis desexábel: ser un patrimonio de e para a sociedade, adaptado ao noso tempo.

*Todas as fotografías foron tomadas polo autor en xullo de 2020.

Bibliografía

José ALONSO: «¿Y quién multa al Concello de Ribadeo por tener abandonada la Torre dos Moreno?», La Voz de Galicia, 7 de xuño de 2017. Dispoñíbel en https://bit.ly/3iPj4xd [Consultado: 12 de outubro de 2020]

José ALONSO: «Asturias se queda con la icónica Torre dos Moreno de Ribadeo», La Voz de Galicia, 13 de setembro de 2019. Dispoñíbel en https://bit.ly/34Nu8WR [Consultado: 12 de outubro de 2020]

José Ramón ALONSO PEREIRA: «El fenómeno indiano en Asturias y en Galicia», en Julián García Núñez, caminos de ida y vuelta. Bos Aires, CEDODAL, 2005, pp. 9-22

José Ramón ALONSO PEREIRA: «La arquitectura indiana de García Núñez a una y otra orilla del Eo», en Julián García Núñez, caminos de ida y vuelta. Bos Aires, CEDODAL, 2005, pp. 45-59

Redacción BANDERA CATÓLICA: «Embellecimiento de Ribadeo. Notable edificación», Bandera Católica, nº 77 (1916), p. 1

Francisco LANZA ÁLVAREZ: Ribadeo antiguo. Noticias y documentos. Sada, Ediciós do Castro, 1991 [Madrid, Mercurio, 1931]

Alberto LEYENDA: «La incierta vida de la Torre dos Moreno de Ribadeo», El País, 17 de xullo de 2011. Dispoñíbel en https://bit.ly/3iRNYFp [Consultado: 12 de outubro de 2020]

Diego RODRÍGUEZ PAZ: «La Torre de los Moreno en Ribadeo: un ejemplo singular de la arquitectura indiana en Galicia», Anuario Brigantino, nº 33 (2010), pp. 377-392

Diego RODRÍGUEZ PAZ: «A Torre dos Moreno en Ribadeo (Lugo), exemplo singular da casa indiana en Galicia», en Actas do 3º Congresso Internacional Casa Nobre: Um património para o futuro. Arcos de Valdevez, Câmara Municipal, 2013, pp. 831-846

Paloma ROLLE PICALLO: «A Torre dos Moreno», en Fernando BORES GAMUNDI (coord.): Casas de indianos. Santiago de Compostela, Xunta de Galicia, 2000, pp. 497-502 

Textos lexislativos

ANUNCIO da proposta de resolución en expediente de declaración de caducidade ou perención do convenio de compromiso entre o Concello de Ribadeo e os propietarios do edificio Torre de los Moreno, Diario Oficial de Galicia, nº 245, 23 de decembro de 2010, pp. 20814-20815

DECRETO 104/1997, do 17 de abril, polo que se declara ben de interese cultural con categoría de monumento a Torre dos Moreno, no concello de Ribadeo, provincia de Lugo, Diario Oficial de Galicia, nº 87, 8 de maio de 1997, pp. 4346-4347

DECRETO 266/2004, do 11 de novembro, polo que se declara ben de interese cultural, coa categoría de conxunto histórico, a vila de Ribadeo na provincia de Lugo, Diario Oficial de Galicia, nº 226, 19 de novembro de 2004, pp. 15898-15899

LEI 8/1995, do 30 de outubro, do patrimonio cultural de Galicia, Diario Oficial de Galicia, nº 214, 8 de novembro de 1995

LEI 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia, Diario Oficial de Galicia, nº 92, 16 de maio de 2016, pp. 18576-18689

Fichas

Ficha da Torre dos Moreno na Lista Vermella do Patrimonio: https://bit.ly/2SQWYzO [Consultado: 12 de outubro de 2020]

Ficha da Torre dos Moreno na base de datos de Bens de Interese Cultural (Ministerio de Cultura e Deporte): https://bit.ly/3iJmnpS [Consultado: 12 de outubro de 2020]

  1. Redacción BANDERA CATÓLICA: “Embellecimiento de Ribadeo. Notable edificación”, Bandera Católica, nº 77,1916, p. 1 []
  2. Para o contexto da arquitectura indiana en Galiza, consúltese o catálogo Casas de indianos (Xunta de Galicia, 2000). Con respecto ao arquitecto, cítanse na bibliografía os dous capítulos de Alonso Pereira na obra colectiva Juan García Núñez, caminos de ida y vuelta (CEDODAL, 2005). Por último, sobre a Torre dos Moreno, véxanse as achegas de Diego Rodríguez Paz, en que baseamos a nosa análise histórica. []
  3. Nunha crónica local da primeira metade do século XX indicábanse que dita torre permaneceu até o ano 1916 nese lugar, se ben o seu estado de ruína viña dende ben atrás. En Francisco LANZA: Ribadeo antiguo. Madrid, Mercurio, 1933, p. 138 []
  4. O máis antigo era, até a súa demolición en 1975, o edificio Castromil de Rafael González Villar, sito na Praza de Galiza de Santiago de Compostela. []
  5. Diego RODRÍGUEZ PAZ: «La Torre de los Moreno en Ribadeo: un ejemplo singular de la arquitectura indiana en Galicia», Anuario Brigantino, nº 33 (2010), pp. 390-391. []
  6. Os textos lexislativos citados no texto preséntase nunha escolma final. []
  7. Alberto LEYENDA: «La incierta vida de la Torre dos Moreno de Ribadeo», El País, 17 de xullo de 2011. Dispoñíbel en https://bit.ly/3iRNYFp [Consultado: 12 de outubro de 2020] []
  8. José ALONSO: «¿Y quién multa al Concello de Ribadeo por tener abandonada la Torre dos Moreno?», La Voz de Galicia, 7 de xuño de 2017. Dispoñíbel en https://bit.ly/3iPj4xd [Consultado: 12 de outubro de 2020] []
  9. José ALONSO: «Asturias se queda con la icónica Torre dos Moreno de Ribadeo», La Voz de Galicia, 13 de setembro de 2019. Dispoñíbel en https://bit.ly/34Nu8WR [Consultado: 12 de outubro de 2020] []

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *