Alfredo “o Grande” e a defensa do seu reino: o caso dos Burghs

Martín Pérez Vale

Alfredo o grande de Wessex é unha das figuras máis relevantes da Alta Idade Media anglosaxona. A importancia que tivo Alfredo na historia de Inglaterra vese reflexada na imaxe que del se tiña nos séculos XVIII e XIX, posto que era recoñecido como “fundador da constitución inglesa”1 Alfredo foi consagrado como un símbolo de antiga liberdade e do nacionalismo2 . Todo isto está moi ligado coa idea do nacionalismo decimonónico que surxiu en boa parte de Europa.

Unha das labores importantes levadas a cabo por este monarca durante o seu reinado (c.871-899) foi a defensa do seu territorio fronte aos invasores escandinavos. Estamos nun contexto no cal o poder real aínda non tiña moita forza, polo que as invasións destes piratas terán unha dobre función: a recuperación dos territorios ocupados e a consolidación do poder do reino de Wessex sobre toda Inglaterra3 .

O obxectivo deste artigo será facer unha breve análise das políticas militares de defensa do reino durante o goberno deste monarca, prestando especial importancia aos burghs como centros defensivos.

Alfred Jewel. Está enmarcada por unha inscrición que afirma: “Alfredo ordenoume facer”. Fonte: Ashmolean Museum

Cando Alfredo asume o trono do reino de Wessex (c. 871), máis da metade de Inglaterra atopábase ocupada polos invasores viquingos. Reinos como Northumbria, Anglia Oriental e parte de Mercia foran invadidos, os seus reis mortos ou exiliados, as súas casas reais extintas e a súa aristocracia extremadamente fragmentada. O reino de Wessex permanecía relativamente ileso, como así a súa aristocracia e realeza. Así, aqueles que non morreran ou se aliaran cos invasores, buscarán refuxio nas terras de Wessex4 .

Dende os tempos do avó de Alfredo, Ecgberth, Wessex enfrontouse aos viquingos. Culturalmente, estes invasores non se diferenciaron moito dos seus oponentes, pero as súas actividades presentaban novos desafíos para os reinos nativos. Os seus exércitos foron rápidos e efectivos. So o reino de Wessex demostrou ser capaz de sobrevivir, conseguindo evitar unha submisión ao goberno nórdico no 8785 . A vitoria de Alfredo na batalla de Edington foi moi favorable, aínda que non evitou que os invasores abandonasen a illa, posto que ocupaban o Danelaw, unha zona ao nordeste de Inglaterra onde estes se estableceron e dende onde planificaron un novo ataque 13 anos máis tarde. Non obstante, o reino de Alfredo tamén se transformou neste período intermedio, sobre todo no relativo ás estruturas de defensa local. A negociación e a interacción cos axentes aristocráticos locais foi moi importante, a comunicación foi vital para o éxito de Alfredo á hora de defender o seu reino6 .

Moi relacionado con isto atopamos os burghs, centros fortificados distribuidos equitativamente por todo o reino e separados por non máis dun día de marcha. A cada un asignóuselle unha guarnición para defendelo, e dende estes poderían organizarse ataques contra amenazas locais. Isto tivo relativo éxito, posto que os exércitos viquingos nunca penetraron moito no propio reino. Aínda que estarían constantemente defendidos, unha teoría bastante probable no relativo aos soldados de cada burgh é que, so precisaría a metade de todos os homes que estivesen facendo o sistema militar, a outra metade permanecería na casa nun sistema de rotación periódica. Isto tería como finalidade, entre outras cousas, axudar á continuidade agraria7 .

Diferentes Burghs na época alfrediana. Fonte: Wikimedia Commons

Sobre a localización destas fortificacións, moitas permanecían nas desembocaduras dos ríos e en cruces importantes, os cales tiñan unha clara estratexia subxacente. Os ataques viquingos supoñían unha perda en termo de tributos e de destrución física; como curiosidade podemos observar como despois da actividade dos invasores en Kent na década do 850, a nobre Ealhburgh promulgou a posible suspensión das rendas en alimento por ata tres anos sucesivos. A estas innovacións habería que engadirlle a creación dunha flota de buques longos8 , que permitiría defenderse dun xeito máis efectivo dos invasores.

Estes burghs constituíron o xerme sobre o que se crearán futuras poboacións. Podemos establecer unha comparativa cos campamentos romanos, polos cales, co paso do tempo se formaron ciudades. Ao igual que eles, nacen cunha función defensiva e perdurarán no tempo como lugares habitables. Isto quizais se deba a esa mencionada rotación periódica de persoas, que traerán ao lugar non soamente funcións militares, senón tamén novas formas de convivencia.

*Foto portada: Alfred the Great e Æthelflæd, século XIII. Fonte: British Library.

Bibliografía
David PRATT (2007), The political thought of King Alfred the Great. Cambridge, Cambridge University Press, 2007.
Elton MEDEIROS: “Alfred o Grande e a linhagem sagrada de Wessex: a construção de um mito de origem na Inglaterra anglo-saxônica”, Mirabilia, 13 (2011).

Notas ao pé

  1. David PRATT: The political thought of King Alfred the Great. Cambridge, Cambridge University Press, 2007, p. 1. []
  2. Ibid. p. 1 []
  3. Elton MEDEIROS: “Alfred o Grande e a linhagem sagrada de Wessex: a construçao de um mito de origem na Inglaterra anglo-saxônica”, Mirabilia, 13 (2011), p. 139 []
  4. Ibid., p. 139 []
  5. David PRATT: The political thought…, pp. 93-94 []
  6. Ibid., p. 94 []
  7. Ibid., p. 94-95 []
  8. Ibid., p. 97 []

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *