Demografía escrita en pedra

Esther Nidáguila López

Cando no reconto poboacional bianual do Instututo Nacional de Estadística de xullo do 2012 se reflexou o primeiro descenso poboacional en democracia (Instituto Nacional de Estadística. Población. Principales series desde 1971) a nivel nacional, o Estado botouse as mans á cabeza. Mentres, os galegos, mirábamos ó resto con aire de incredulidade. Nós xa levábamos perdendo poboación dende a década de 1990 e ninguén parecía preocuparse.

A histeria colectiva que sufriu o país demostrouse esaxerada cando os datos de poboación volveron subir no ano 2016, mais non os nosos. Nós seguimos caendo sen freos e sen panca de emerxencia.

De onde vimos. Un pasado coñecido

A historia demográfica galega é algo que a todos nos é máis ou menos coñecido, polo que faremos un repaso rápido á nosa poboación dende o ano 1900 ata 19701.

Elaboración propia a partir do Instituto Nacional de Estadística

Este período está caracterizado por un crecemento estable ata a década de 1940, cando a poboación presenta un aumento maior ca os experimentados ata ese momento. É a partir de 1950 e ata 1970 o período no que dase o gran descenso de poboación debido ás emigracións masivas, cara América Central e do Sur maioritariamente, creando un descenso pobacional sen precedentes no século XX.

Onde estamos

A nosa historia demográfica recente, dende os anos 1980 ata o de agora, é unha de altos e baixos mais con tendencia á baixa.

Elaboración propia a partir do Instituto Nacional de Estadística

Dende os anos 1970 e durante a seguinte década o país experimenta un aumento de poboación a un ritmo estable ata que, no ano 1982, acádase a maior cifra poboacional rexistrada en todo o século XX, con algo máis de 2.800.000 habitantes. Dende entón, e ata principios do novo milenio, a poboación foi decrecendo.  Pese ao novo aumento poboacional rexistrado nos primeiros anos 2000 e os datos actuais que mostran un número poboacional similar aos de principio de século -incluso un aumento no 2020 con respecto ó 2019- a liña de tendencia é claramente negativa, amosándonos a inclinación á baixa que presentamos nos últimos 40 anos.

Con respecto á pirámide poboacional, na actualidade2, preséntase cunha clara forma de furna, isto é, co maior número de poboación nos rangos de idade de entre 40 e 54 anos e cun preocupantemente alto porcentaxe da poboación por riba dos 65.

Aínda que a nosa poboación baixa ano tras ano, un dato postivo que se fai necesario comentar son os últimos saldos migratorios rexistrados. Esta cifra, que reflexa a diferenza númerica entre inmigrantes e emigrantes, leva sendo positiva dende 1997, a excepción dos anos 2012 e 2013 cando a tendencia cambiou, aínda que non de forma acusada. O ano que deixamos atrás presentou o mellor dato de saldo migratorio positivo dende o 2007, con máis de 17.500 migrantes novos no país (Instituto Galego de Estatística. Serie 1990-2019. Emigracións, inmigracións e saldos migratorios. Galicia e provincias).

Pese a todo, estas cifras positivas non abondan para frear o desangre demográfico que estamos a sufrir nin para modificar a pirámide poboacional. Inda por riba, este aumento dase nas dúas provincias xa máis poboadas e tradicionalmente máis dinámicas, as de A Coruña e Pontevedra (Instituto Galego de Estatística. Serie 1990-2019. Emigracións, inmigracións e saldos migratorios. Galicia e provincias).

Cara onde imos. Proxeccións para o futuro

Co fin de dar unha idea aproximada do futuro que temos por diante realizamos proxeccións poboacionais a corto prazo baseándonos nos datos de poboación dende o ano 1998 (Instituto Galego de Estatística. Padrón municipal de habitantes. Explotación estatística. 1998-2019. Galicia e provincias).

Elaboración propia a partir do Instituto Galego de Estatística.

Pese a que os tres métodos matemáticos empregados para intentar coñecer o noso futuro dan datos distintos, hai dous que, debido ao seu parecido resultado e a continuidade que se pode apreciar na tendencia actual, son os que nos parecen máis probables; isto é, as funcións lineal e xeométrica. Aínda así, os tres resultados predín un descenso de pobación nos próximos 20 anos.

Conclusións

O que buscábamos con este traballo era reflectir a realidade demográfica actual, ensinar unha foto fixa da nosa poboación e analizala para entendela un pouco mellor. Queríamos tamén desterrar algunhas ideas preconcibidas que poden chegar a ser perigosas como é a romantización no ideario colectivo da emigración. Esa verdade herdada que tódolos galegos temos na cabeza de que somos un país migrante é, simplemente, a dulcificación dunha realidade terrible que debe mudar axiña.

A tendencia da natalidade á baixa que sufrimos é a normal nos países europeos occidentais. Atopámonos na fase final do desenvolvemento poboacional, cando a natalidade e a mortalidade son baixas e a sociedade está envellecida. Para paliar esta baixa natalidade deberíamos comezar a ver e a entender a natalidade como un ben común que hai que protexer e non dar por perdida unha partida que as institucións nin se quera están a xogar.

A demografía non é unha ciencia exacta. Os movementos migratorios e as taxas de natalidade e mortalidade poden sufrir grandes cambios debido a unha gran variedade de causas como, por exemplo, unha pandemia mundial. Á hora de falar de poboación non hai solucións milagre. Se se quere cambiar a tendencia actual necesítanse grandes consensos de país e grandes cambios lexislativos, pero, por riba de todo iso, necesítase un compromiso real e a convicción de que estos datos, por moi complicado que o vexamos, poden mudar.

Notas ao pé

  1. Instituto Nacional de Estadística. Poblaciones de hecho desde 1900 hasta 1991 []
  2. Instituto Galego de Estatística. Poboación segundo sexo e grupos quinquenais de idade. España, Galicia e provincias. Ano 2019 []

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *