A tatuaxe sicanje: Resistencia católica ou paganismo herdado?

Laura Rodríguez Rodríguez

A historiografía pero en especial a antropoloxía e a etnografía, nos seus estudos sobre a tatuaxe tribal, sempre se postularon cara afirmar que este tipo de representacións visuais era unha das formas nas que unha comunidade expresaba un código de entendemento das moitas dimensións nas que concibían o mundo. A pel, cicelada en tinta é a canle física e non verbal na que comunicar todo o que se garda nun espectro máis espiritual e simbólico. Pódense destacar así os exemplos comunmente coñecidos como o do grupo étnico Iban de Borneo ou as tatuaxes Rapa Nui da illa de Pascua. O corpo torna nunha mensaxe clara de filiación, nunha mostra imborrábel de pertenza a unha identidade cultural da que un non se pode desprender e, por tanto, de alteridade cara o que non se é e o que non se pretende ser.

Na maioría dos casos as tatuaxes tribais impregnan ao seu portador ou portadora duns atributos concretos vinculados xeralmente á forza, loita, protección ou mesmo cura e remedio. É así como acontece na illa Lawrance en Alaska na que a xamán, sempre muller, sanda aos membros da súa comunidade do mal da “perda da alma” con tatuaxes medicinais1. As mulleres soen ser un factor esencial nesta configuración identitaria, cumprindo un rol determinado, como acontece no caso que se exporá nos vindeiros parágrafos.

O sicanje

“Cando estaba en Dubrovnik por unha operación de perna, eles dixeron “é croata”, eu ensinei as rodas das miñas mans e riron. Despois trouxéronme unha estatua da Virxe, entón puiden rezar”

Imaxe 2: Anciá lucindo as súas tatuaxes. Fonte: Irina ANTANASEVICH: “Татуировки балканских женщин: украшение, исповедание или оберег?”, Taday (2018), https://taday.ru/text/2070522.html [Consultado: 7 de setembro de 2020].

Na súa tese Il tatuaggio tradizionale femminile nei Balcani Jajce, un caso studio in Bosnia ed Erzegovina (2016), Nataša Ilinčić recolle o testimonio dunha anciá chamada Mara que conta nesta anécdota de cando era moza como non precisou palabras para que identificaran que era unha muller croata católica polas súas tatuaxes2. Os sicanje ou bocanje son as tatuaxes que se debuxaban nos brazos e mans das mulleres croatas das rexións católicas de Bosnia, especialmente do Val de Lašva ou noutras zonas balcánicas como na localidade montenegrina de Kotor3.

As rodas ás que se refería Mara son os kolo, trazados circulares, acompañados case sempre de cruces no seu interior e doutros detalles como curvas ou frechas que se vinculan a figuras solares e, por conseguinte, á representación gráfica da luz. Mais o kolo non era o único motivo que lucían estas mulleres. Existen outros como o križ (a cruz), o narukvica (brazalete), o ograda (cerco) ou o grančica (as ramas ou follas)4. Cada unha destas combinacións tiña un cometido concreto nos seus corpos.

Imaxe 3: Representacións máis habituais dos kolo križ, narukvica e ograda. Fonte: Timea BARABAS: “In(k)scribed Identities: A Sociological Analysis of Catholic Croat Tattoos”, AM Journal, 18 (2019), pp. 33−50.

¿Resistencia católica ou paganismo herdado?

Á hora de determinar a orixe dos sicanje é conveniente resaltar os primeiros documentos que recollen esta tradición atribuídos ao médico alemán Leopold Glück e ao conservador de museos Ciro Trukhelka no século XIX. Os postulados foron notablemente diferentes entre eles.

Glück (1854 -1907) decatouse da existencia destas tatuaxes mentres visitaba unha igrexa nestes afastados dominios bosnios. Resultoulle curioso que só as mulleres católicas desta área balcánica posuíran estas decoracións cutáneas fronte a outras como as que profesaban a ortodoxia cristiá. Polo tanto comezaron as súas indagacións que rematarían coa publicación da súa obra Tetoviranje kod katolika u Bosni i Hercegovini (Tatuaxe entre católicos en Bosnia e Herzegovina) en 1889. Neste traballo xustificou que a aparición dos debuxos debíase a invasión turca de Bosnia en 1463 e que duraría ata 1878 coa inicial ocupación e posterior anexión a Austro-Hungría. Deste xeito a Bosnia de finais do século XV pasou a formar parte como unha provincia máis do Imperio Otomán. Deuse comezo a un proceso de islamización do territorio e da sociedade, partindo inicialmente das elites feudais e permeando ao resto da poboación. A consolidación do Islam foi da man dun movemento de apostasía católica, favorecida por pola heterodoxia bogomila anteriormente castigada polos católicos. Glück defendeu que a tatuaxe feminina católica foi unha forma de contestación e resistencia á expansión otomá. No entanto estes iconos tamén pretendían protexer ás mulleres da persecución e de ser levadas aos haréns musulmáns. É por iso que para ser rexeitadas para tal fin, foran tatuadas con elementos como cruces que recordan a imaxinería  cristiá5.

Imaxe 4: Anotacións tomadas por Ciro Truhelka. Fonte: Ćiro TRUHELKA: Tetoviranje katolika u Bosni i Hercegovini. Saraievo, Zemaljska Štamparija, 1894.

Pola contra, Ciro Truhelka (1865- 1942) no seu tamén Tetoviranje katolika u Bosni i Hercegovini de 1894 proporciona unha nova interpretación da orixe destas tatuaxes, remontándose á Antigüidade, é dicir, moito antes da chegada do Islam. Segundo este e valéndose da fontes clásicas como as do autor grego Estrabón, os sicanje serían precristiás. Estas formas criptopaganas estarían asociadas principalmente á dotación de propiedades vinculadas ás tarefas e obrigas das mulleres como parte dunha comunidade, polo tanto, cunha significativa impronta de xénero. As tatuaxes posuirían a función de salvagardar a capacidade creadora das mulleres, é dicir, coa fecundidade. Así a época do ano na se farían estas tatuaxes sería durante o equinoccio de primavera a nenas de entre trece e dezaseis anos, idades previas ao matrimonio. Para representar este fenómeno de apoxeo de fertilidade elixíase alusións á binariedade dos elementos celestes asociados a ambos sexos: o Sol como representación do home e a Lúa da muller6. Isto recorda a mitoloxía grega coas súas prácticas telúricas. Pero Truhelka non só reflexa esta realidade, senón que tamén cita ían máis alá dos códigos credenciais e do simbólico. Poderían ter sido formas de ordenación da poboación en pequenos subgrupos culturais que proporcionaban outro tipo de información relacionada con aspectos socioeconómicos mais sen moito soporte na súa defensa.

Imaxe 5: Nenas na actualidade recordando esta tradición. Fonte: Flickr

Quedan xa poucas mulleres que na actualidade decoren as súas mans e brazos cos sicanje, especialmente por mor das transformacións sociais que implicou a Segunda Guerra Mundial. Esta realidade afectou a que dende o mundo académico non se afondara en demasía na súa investigación para determinar cal é a aproximación máis exacta da súa orixe. É posible que a xeneralización desta tradición fora máis antiga cos postulados de Glück, pero se non fose pola invasión turca, esta tradición poderíase ter perdida moito antes e non dilatarse no tempo dende a Antigüidade ata case mediados do século XX. Mais si hai unha afirmación case rotunda vinculada a unha perspectiva de xénero recollida por Atkinson: Os corpos das mulleres constrúense, supervísanse e regúlanse socialmente de acordo a unha imaxe dominante7.

Bibliografía:

Ćiro TRUHELKA: Tetoviranje katolika u Bosni i Hercegovini. Saraievo, Zemaljska Štamparija, 1894.

Irina ANTANASEVICH: “Татуировки балканских женщин: украшение, исповедание или оберег?”, Taday (2018), https://taday.ru/text/2070522.html [Consultado: 7 de setembro de 2020].

Lars KRUTAK: The Tattooing Arts of Tribal Women. Londres, Bennett & Bloom, 2006.

Michael ATKINSON: “Pretty in Ink: Conformity, Resistance, and Negotiation in Women’s Tattooing”, Sex Roles, 47 (2002), pp. 219–235.

Nataša, ILINČIČ: Il tatuaggio tradizionale femminile nei Balcani Jajce, un caso studio in Bosnia ed Erzegovina. Tese Doutoral, Università Ca’ Foscari di Venezia, 2016.

Timea BARABAS: “In(k)scribed Identities: A Sociological Analysis of Catholic Croat Tattoos”, AM Journal, 18 (2019), pp. 33−50.

Notas ao pé

  1. Lars KRUTAK:  The Tattooing Arts of Tribal Women. Londres, Bennett & Bloom, 2006. []
  2. Nataša, ILINČIČ: Il tatuaggio tradizionale femminile nei Balcani Jajce, un caso studio in Bosnia ed Erzegovina. Tese Doutoral, Università Ca’ Foscari di Venezia, 2016. []
  3. Irina ANTANASEVICH: “Татуировки балканских женщин: украшение, исповедание или оберег?”, Taday (2018), https://taday.ru/text/2070522.html [Consultado: 7 de setembro de 2020]. []
  4. Timea BARABAS: “In(k)scribed Identities: A Sociological Analysis of Catholic Croat Tattoos”, AM Journal, 18 (2019), pp. 33−50. []
  5. Irina ANTANASEVICH, Ibid. []
  6. Ibid. []
  7. Michael ATKINSON: “Pretty in Ink: Conformity, Resistance, and Negotiation in Women’s Tattooing”, Sex Roles, 47 (2002), pp. 219–235. []

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *