“As mulleres non poden ter que elixir entre ser nais ou ser científicas”. Entrevista a Ana Pontón (BNG)

Tamén podes escoitar a entrevista na nosa canle de Youtube

Boa tarde a todas e todos, hoxe acompáñanos Ana Pontón. Nada en Sarria no ano 1977; é licenciada en Ciencias Políticas e da Administración pola Universidade de Santiago de Compostela. Accedeu ao Parlamento de Galicia por primeira vez no ano 2004; resultou elexida portavoz nacional do BNG no ano 2016; e é a candidata do Bloque nas eleccións do día 12 de Xullo. Ana Pontón, que tal estás?

Ola que tal, moi boa tarde. Pois moi ben, moi animada coa campaña a verdade. Estou sentindo moi boas vibracións e iso pois sempre dá moita forza.

Como sabes, os comicios ao Parlamento de Galicia están cada día máis próximos e a nós, como Revista vinculada á Historia e á Cultura, pois gustaríanos que se pusexe o foco sobre temas que non adoitan ter tanto protagonismo nas campañas electorais. Comezamos coa primeira das preguntas se che parece. 

Perfecto. Cando ti queiras.

1) Memoria. En xuño do 2019, a cámara do Parlamento de Galicia aprobou por unanimidade a aplicación da Lei de Memoria Histórica do ano 2006. Non obstante, en Galicia continúa habendo exemplos coma o Pazo de Meirás ou as figuras de Isaac e Abraham que mostran unha ineficacia latente. Ten o BNG algunha política prioritaria sobre a memoria histórica? 

Ben, nós entendemos que a recuperación da Memoria Histórica é, non só a mellor maneira de restaurar a dignidade das vítimas do franquismo, senón tamén unha medida democrática necesaria; dende logo, verter luz sobre ese período creo que sigue sendo máis necesario ca nunca. Estos días estamos vendo como a impunidade do franquismo chega até hoxe, eu creo, con consecuencias que a calquera demócrata lle deben alarmar, como o feito de que se manteña a impunidade de Juan Carlos e non se permita a investigación cando é evidente que están rodeados de negocios e prácticas moi escuras.

Por iso nós entendemos que a memoria debe de ocupar un lugar destacado; nese sentido, hai que apostar por unha Lei Galega de Recuperación da Memoria Histórica. É necesario apoiar o dereito á xustiza, e polo tanto a denuncia da impunidade dos crimes do franquismo, e tamén traballar para que teñamos un novo marco legal que rompa con esa impunidade que xerou a Transición e que se anulen tódolos xuizos, sentenzas e resolucións dictadas polos tribunais franquistas. Que se investigue tamén o conxunto da represión e se acabe cos problemas que hai para acceder á documentación e aos arquivos. Hai que localizar todo o que ten que ver coas fosas e ademais facelo dende a intervención xudicial nas excavacións para que poida haber xuizos por esos asasinatos. Tamén debemos traballar para, evidentemente, recuperar os bens roubados polo franquismo, como pode ser o Pazo de Meirás. Por último, quero destacar que unha das propostas que levamos no noso programa electoral ten que ver con instaurar o día 17 de agosto como Día da Galiza mártir en homenaxe a tódalas persoas que foron asasinadas polo franquismo no noso país nesa data que encarna, pero que non é só el, Alexandre Bóveda.

2) Patrimonio. O segundo polo que che queremos preguntar é sobre o patrimonio. Como ben sabes, o patrimonio artístico e cultural galego é sumamente singular; non obstante, pese as existences lexislacións de protección e rehabilitación, é relativamente frecuente escoitar ou ler noticias relacionadas con neglixentes destrucións físicas do mesmo. Que propón o teu partido para garantir a plena preservación do patrimonio?

En primeiro lugar, quería resaltar que coincido en que temos un patrimonio valiosísimo, seguramente somos unha das nacións do mundo que acumula un patrimonio construido máis importante. Pero tamén, ao lado dese valor, vemos como nos últimos anos se levan destruido elementos moi importantes e outros están en desuso. Para nós é evidente que hai que poñer o foco e que hai que activar medidas públicas de conservación e de preservación do patrimonio; iso significa dende unha nova lei de patrimonio cultural até ter máis recursos para poder destinar a esta finalidade. Creo que sería importante que toda a área de patrimonio da Xunta se dotara de máis medios e máis recursos, porque é unha área que está infradotada e na que nós entendemos que hai que facer un traballo importantísimo e dotala de máis medios. 

3) Cultura. Saltamos agora ao ámbito da cultura. Moitas persoas viron aliviada a corentena que vimos de pasar grazas ao sector cultural, que dun xeito desinteresado axudou a amenizar o tempo de confinamento. Isto demostrou a enorme importancia que ten a cultura para o conxunto da sociedade, aínda que non sempre se valore como se debería. Agora que volvemos pouco a pouco á normalidade, que medidas cres que precisa o sector cultural galego para ser potenciado e para medrar? 

Eu creo que o sector cultural necesita un Goberno que sexa aliado da cultura e que sexa consciente de que a cultura é un gran valor para unha sociedade, que crea cohesión pero que tamén xera emprego, crea industria e que no noso caso é unha das expresións do feito de que temos unha identidade propia. 

Nós apostamos con claridade, porque hai que poñer en marcha políticas extraordinarias, tamén porque a crise do COVID deixou a un sector que xa estaba precario nunha situación moi preocupante. Nese sentido nós entendemos que hai que facer unha aposta por destinar recursos e por cambiar o enfoque das políticas de cultura. Entre algunhas das cuestións polas que nós apostamos é por acabar coa precariedade neste sector; por poñer en marcha unha reformulación da AGADIC para que realmente poida cumprir o seu papel de desenvolvemento e de reforzo do tecido profesional e das empresas culturais galegas; é necesario ademais poñer en marcha plans específicos para cada un dos sectores culturais, desde a danza, desde o audiovisual até o teatro ou as artes plásticas; e neste momento sería importante que existira un Bono Cultural para estimular o consumo e garantir o dereito de acceso á cultura ao conxunto da poboación. 

Por non alongarme demasiado creo que desde o sector do libro, o sector do audiovisual, pasando polos museos e arquivos, necesitan máis recursos públicos. Levamos dez anos nos que se recortou á metade os cartos destinados á cultura e iso ten as súas consecuencias. Nós, dende logo, confiamos en todo o potencial que ten a cultura galega como un elemento de dinamización social, como un dereito (porque a cultura hai que concibila como un dereito) e polo tanto terán todo o apoio do BNG.

4) Investigación. Finalmente, non nos gustaría pasar por alto a investigación en materia de Ciencias Sociais. As recentes polémicas sobre a conciliación laboral e familiar no mundo da investigación posdoutoral poñen de manifesto as trabas existentes para a consolidación dunha carreira investigadora estable. A este futuro incerto cómpre engadirlle o desleixo que adoita existir cara ás Ciencias Sociais, imposibilitando ou dificultando a continuidade no traballo de investigadores e investigadoras en formación. Propón o Bloque algunha medida para impulsar a investigación no ámbito das Ciencias Sociais?

Se me permites, para min é especialmente sensible este tema no que ten a ver con que as mulleres non poden ter que elixir entre ser nais ou ser científicas, entre ser nais e a súa carreira profesional, e polo tanto me parece lamentable e impresentable que a estas alturas do século XXI sigan existindo problemas e sigan existindo penalizacións ás mulleres por exercer os seus dereitos de conciliación. Dende logo creo que temos que construír unha Galiza na que nunca máis as mulleres teñan que elixir entre a súa carreira profesional ou ser nais, e iso require eliminar trabas e tamén dotarnos de máis medios e de máis servizos públicos. 

En relación co tema da investigación, nós entendemos que hai que acabar coa precariedade que vive todo ese sector que, como ti moi ben apuntas, ten máis dificultades no ámbito das Ciencias Sociais. A nosa proposta neste ámbito por un lado pasa por definir a carreira investigadora, e que polo tanto ese sexa un elemento que permita poñer fin a tanta precariedade e, por outro lado, hai que destinar máis fondos e recursos á innovación. Nós apostamos porque nesta lexislatura, como mínimo, hai que duplicar os fondos que se destinan e traballar co horizonte de que todo o que ten que ver con I+D+I e con ciencia ten que supoñer o 2,5% do PIB do noso país, porque iso significará que nos poñemos á cabeza dos países que máis invisten en coñecemento e en ciencia. Se algo nos deixa esta crise do COVID-19 de aprendizaxe é que a ciencia salva vidas e necesitamos da ciencia tamén para poder avanzar colectivamente.

Ben pois, Ana Pontón, moitas grazas por regalarnos parte do teu tempo para esta pequena entrevista e moita sorte para o que resta de campaña.

Moitísimas grazas. Para min é un pracer poder colaborar con proxectos tan importantes para min como é a Revista Mazarelos, que vén a poñer o foco sobre a cultura, sobre o patrimonio… sobre elementos que eu considero esenciais para construír unha Galiza con futuro. Moitísimas grazas a vós.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *