Rodolfo Martín Villa e o Estatuto de Autonomía Galego. O proceso autonómico dende a perspectiva dun ministro “azul”.

Arturo Real López

Rodolfo Martín Villa (Sta. María del Páramo, 1934) ten sido un dos ministros de máis peso no proceso político da Transición española. Foi ministro de Relacións Sindicais (1975-1976), Gobernación (1976-1979), e ministro e vicepresidente para Asuntos Autonómicos (1980-1982); amén dunha das figuras clave para a organización e construción da Unión de Centro Democrático (UCD), en base ás súas redes de poder e influenza orixinarias (o cal nunca negou) da etapa franquista.

A política autonómica no Estado español: Achegamento ao problema autonómico galego

Nas súas memorias, Al servicio del Estado, as referencias á problemática autonómica de Galicia son escasas. Priman asuntos como a liberalización do mundo sindical ou as cuestións de orde público e loita anti-terrorista. Dentro do tema autonómico, teñen máis peso o estatuto de Cataluña e a polémica e anticonstitucional LOAPA dos anos de goberno de Leopoldo Calvo-Sotelo. A súa sucinta lectura do Estatuto de Galicia é a seguinte:

Constituyó una magnífica ocasión para intentar enmendar algunos de los más graves errores cometidos en la elaboración de los textos estatutarios vasco y catalán (…). La contraria actitud de Fraga, deseoso de alcanzar para su tierra los mismos logros previamente conquistados por vascos y catalanes, y la cerrazón y ceguera de los socialistas, unidas a los notorios problemas internos de UCD, aquejada ya por el fraccionalismo y la disidencia, lo impidieron. Fue ésta una gran ocasión perdida para racionalizar un proceso que se desbordaba peligrosamente. A pesar de ello, en el Estatuto de Galicia se acabó por conseguir un acuerdo entre los diferentes grupos políticos para superar posiciones maximalistas y llegar a la redacción final del texto que pudiera someterse a referéndum1.

Neste parágrafo condénsase a exposición que fai Martín Villa do problema autonómico galego, e hai trazas do que foi a súa xestión do mesmo. De base, el defendeu que “las fórmulas autonómicas han de ser para todas las regiones”2; e coas menores diferenciacións posibles. Considera inevitable o feito autonómico, pero tamén deixa claro durante todo o proceso da Transición unha cousa: É o seu partido, co Goberno do Estado; quen leva a batuta do proceso: “No hay que olvidar que la UCD es mayoría, y analiza ante todo los intereses prioritarios del Estado”3.  Estas contundentes declaracións, previas á súa chegada ao ministerio de Administración Territorial, non é de estrañar que Francisco Vázquez, entón voceiro do PSdG, afirmara del que “representó la posición más cerrada de la UCD central” no proceso estatutario4.

Galicia como problema… A polémica do Estatuto Galego

O camiño que vai dende o inicio no Congreso dos Deputados das reunións da Asemblea de Parlamentarios Galegos co Goberno, até a aprobación nun polémico Referendo do Estatuto de Autonomía Galego tivo, entre outras características, a dun intenso “combate” entre as posicións internas dun partido tan poderoso como heteroxéneo: A UCD. Noutras memorias de singular interese para este tema, como son as de José Luís Meilán, destácase que a relación do partido coas súas instancias superiores era francamente mala, debido especialmente ao interese deste por recortar as atribucións do texto galego. O obxectivo, como dixo Martín Villa a posteriori, era crear un dique para os posteriores procesos estatutarios5. O mesmo Martín Villa admitía publicamente, por volta de 1980, o feito de que houbo por parte do goberno “fallos, algunos graves”6, debido á súa intención de impoñer o seu criterio nese proxecto.

O feito é que a oposición dos partidos estatais foi un freo notable para o desenrolo áxil do proceso estatutario galego. Un dos poñentes da UCD na Comisión dos 16, que redactou o anteproxecto de Estatuto que freou Madrid, declarou: “La UCD, al no estar estructurada como organismo regional, no podía salir (al debate autonómico) con una mínima coherencia”7. Só é posible ler en datas posteriores ao verán de 1980, despois das reunións persoais de Suárez coa UCD galega no verán dese ano, a un Martín Villa que admite a posibilidade de reforma e liberdade de acción para a Xunta pre-autonómica. Verán no cal a UCD central botará os folgos cara o escenario galego, pero que terá saídas de ton como a do propio Martín Villa no traspaso de transferencias á Xunta, declarando que os feitos que garantían a Galicia o acceso á autonomía mediante o artigo 151 “la verdad es que en este momento, ya no tienen tanto interés8, defendendo a ultranza as posicións da homoxeneización.

No ano 2008, Martín Villa explicaba desta maneira a situación inicial do proceso: “Nosotros recibimos una buena herencia en una configuración social positiva del régimen de Franco, y recibimos una muy mala herencia en lo que toca a la unidad nacional, a la configuración del buen entendimiento entre la España de todos”9 E no 2013, admitía que Galicia era realmente un dos tres polos nacionais cunha postura sobre a Autonomía verdadeiramente desenrolada e con base á altura de 1977/197810. Cal foi entón o obxectivo de bloquear unha rápida consolidación autonómica galega? Reforzar as teses centralistas do partido. Isto produciu desafección nas filas rexionais de UCD (destacará, como colofón, o Manifesto de Bergondo de marzo de 1980), no caldeado ambiente socio-político da “Aldraxe”, e coa presión do PSOE e as forzas nacionalistas.

Conclusións

Manuel Fraga, nas súas extensas memorias, declara que por volta do verán de 1980 o seu partido tiña “asumido oportunamente, y sin demagogia, la bandera del regionalismo”11. Un rexionalismo que quedou directamente imbricado na realidade autonómica que se estaba a configurar no Estado español. A UCD, por aquel entón, estaba a piques de quedar en entredito pola súa cuestionable actitude ante as autonomías galega e andaluza. A comunicación entre órganos pre-autonómicos e o Goberno central era case nula, fomentando un clima de desconfianza mutua. E as rectificacións dende o Goberno, sempre en letra pequena, terminaron por turbiar a relación Madrid-Xunta.

A UCD apoiarase no feito de que o Estatuto saíu por ela en solitario, cos ataques de todos. Que prezo pagou? Debilitar máis a súa posición en Galicia, dando pé ao triunfo autonómico de AP en 1981. O discurso de Martín Villa baséase na defensa dun consenso que, se ben existiu a un nivel de elites en Madrid (destacan as polémicas negociacións, de costas á Comisión Constitucional, de Abril Martorell e Guerra), non tivo un reflexo real na política galega. Deu folgos ao conflito interno de UCD, e permitiu a sonada vitoria de 1981 de Alianza Popular, favorecendo a desintegración do partido gobernamental a pesares de ser Galicia un dos seus feudos políticos destacados.

*A foto amosa: “El ministro de Administración Territorial presidió el acto de la firma de trasnferencias al Gobierno de Galicia”, La Voz de Galicia (18/11/1980), p. 43.

Bibliografía

-“El Estado de las Autonomías será una realidad en el plazo previsto”, ABC (11/11/1980), p. 25.

-“El presidente Suárez ha tenido un gesto de patriotismo y audacia al recibirme”, La Voz de Galicia (29/06/1977), p. 18.

-“En los debates estatutarios, Martín representó la postura más cerrada”, La Voz de Galicia (09/09/1980), p. 41.

-“El ministro de Administración Territorial presidió el acto de la firma de transferencias al Gobierno de Galicia”, La Voz de Galicia (18/11/1980), p. 43.

-Manuel FRAGA IRIBARNE: En busca del tiempo servido. Barcelona, Planeta, 1987.

-Rodolfo MARTÍN VILLA: Al servicio del Estado. Barcelona, Planeta, 1984. ÍD: “Foro de la Nueva Sociedad: Rodolfo Martín Villa”, Nueva Economía Fórum (2008) http://www.nuevaeconomiaforum.org/upload/ponencias/FNS_Rodolfo_Martin_Villa_1.12.08.pdf [Consultado 31/05/2020]; e ÍD: Claves de la Transición. Madrid, Real Academia de Ciencias Morales y Políticas, 2013.

-“Martín Villa teme que España se haga ingobernable”, Diario 16 (13/03/1980): s. p.

-José Luís MEILÁN GIL: La construcción del Estado de las Autonomías. Un testimonio personal. A Coruña, Fundación Caixa Galicia, 2002.

-Manuel REIMÓNDEZ PORTELA: O Estatuto dos 16. Vigo, Galaxia, 1979.

Notas ao pé

  1. Martín Villa, 1984: pp. 182-183. []
  2. Declaracións após á súa primeira entrevista con Tarradellas. La Voz de Galicia (29/06/1977): p. 18. []
  3. Declaracións de Martín Villa, entón presidente da comisión interna de UCD para o tema autonómico, en relación ao debate da vía constitucional para o Estatuto das Illas Canarias. Diario 16, 13/03/1980: s. p. []
  4. LVdG (09/09/1980): p. 41. []
  5. Meilán Gil, 2002: pp. 120-123. []
  6. ABC (11/11/1980): p. 25. []
  7. O autor destas declaración, Pablo Padín, abandonou UCD cando o anteproxecto foi rexeitado en Madrid. Extraído de: Reimóndez Portela, 1979: p. 53. []
  8. LVdG (18/11/1980): p. 43. []
  9. Martín Villa, 2008: p. 5. []
  10. Martín Villa, 2013: p. 56. []
  11. Fraga Iribarne, 1987: p. 195. []

Un comentario en “Rodolfo Martín Villa e o Estatuto de Autonomía Galego. O proceso autonómico dende a perspectiva dun ministro “azul”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *