“O prioritario é situar a conflitividade social nas súas coordenadas históricas concretas”. Entrevista a Julio Prada

Julio Prada Rodríguez (Ourense, 1966) é profesor titular de Historia Contemporánea na Facultade de Historia de Ourense (UVigo), imparte docencia no mestrado de Formación do Profesorado, sendo coordinador do itinerario de Ciencias Sociais, na mesma universidade, e ademais é profesor titor na UNED ourensá. O seu labor historiográfico centrouse na represión e a violencia durante a Guerra Civil e a posguerra, con especial atención ao ámbito da represión económica e contra as mulleres en Galicia. Algunhas obras que podemos salientar neste sentido serían Geografía de la represión franquista en Galicia (Catarata, 2011), Franquismo y represión de género en Galicia (Catarata, 2013) e Marcharon con todo. La represión económica en Galicia durante el primer franquismo (Biblioteca Nueva, 2016). Ademais ten traballado os períodos da Segunda República e da Transición, con diversos artigos e capítulos de libros, así como aportacións a congresos.

Esta entrevista faise ao abeiro da publicación do libro Galicia en transición (Silex, 2019), o cal Prada se encargou de dirixir e de aportar un capítulo no que fai un balance historiográfico da Transición.

Parte da historiografía actual pretende «baixar do podium» á Transición Española. Historiadoras como Sophie Baby e a súa obra El mito de la transición pacífica. Violencia y política en España (1975-1982) alumean un novo horizonte no ámbito da investigación. No seu caso, un dos principais aspectos que se recolle no libro que vén de publicar, Galicia en transición (2019), é que a sociedade galega tivo un papel notablemente activo no proceso de cambio. Non obstante, por que continúa a estar tan presente o relato da Transición modélica, ausente de conflitividade e na que só se fala do papel das elites? 

O relato da transición modélica dirixida por unhas elites «bempensantes» segue a ser dominante en determinados ámbitos, pero noutros acontece xustamente o contrario. De ser o fito fundacional da democracia española e modelo de cambio político no que se miraban moitas ditaduras, a transición pasou a ser culpable dunha chea de eivas que coidamos percibir na nosa democracia actual. Incluíndo, por suposto, moitos aspectos diso que se puxo de moda denominar como o noso pasado incómodo, que, por certo, non se limita só aos crimes do franquismo, á renuncia dos diferentes gobernos a esixir responsabilidades polos mesmos ou ao maior ou menor esquecemento das vítimas da represión. Ambas as dúas visións responden a unha determinada funcionalidade política e serven a uns determinados intereses. Por iso cada unha ten o seu propio círculo de corifeos e de detractores.

Outra cousa é o relato histórico. No relato histórico hai xa moitos anos que se abriu camiño o papel dos movementos sociais, o enfoque crítico das elites e tamén o papel que xogou a violencia nun proceso que, parafraseando a Pere Ysàs, distou moito de ser «modélico ou inmodélico».

O estudo do século XX é complexo, sobre todo, polas súas resonancias no presente. Os seus traballos abarcan dende a análise dos procesos represivos posteriores a 1936 ao estudo da Transición en Galicia. Son procesos claramente diferentes, pero ambos forman parte dun pasado incómodo no que perduran demasiados silencios: tanto no referente á violencia dos sublevados e do franquismo, como á conflitividade e a violencia durante a Transición. Existe algunha semellanza á hora de construír un novo relato para ámbolos dous procesos?

En realidade tamén me interesaron os procesos represivos e a violencia política anterior a xullo de 1936, porque nun momento dado dinme de conta que a complexidade destes últimos precisaba ter en conta variables explicativas anteriores á declaración do estado de guerra. Sempre podemos atopar elementos de continuidade, de transformación e de ruptura en aspectos esenciais relacionados coa conflitividade social, a violencia política e a concepción da orde pública en etapas históricas moi diferentes. No só entre a violencia dos sublevados, o franquismo e a transición. Tamén coa Segunda República ou coa crise da Restauración. Por poñer un par de exemplos: todo o mundo sabe que a lei de fugas —adopte a forma de saca ou de paseo ou a combinación de ambos os dous— non nace en xullo do 36. Popularizouna Martínez Anido cando foi gobernador civil de Barcelona en 1919/20, pero xa se empregara contra o bandoleirismo en Andalucía no século XIX. O recurso a detencións preventivas de líderes políticos e sociais e de afiliados significados de partidos e sindicatos que non cometeran ningún delito nin falta aproveitando a declaración do estado de guerra tampouco é só cousa dos anos corenta, da guerra civil ou de outubro de 1934.

En consecuencia, ao meu entender, para construír ese relato sobre eses aspectos do pasado incómodo —que, insisto, non se circunscribe só ás etapas históricas ás que vos referides, aínda que evidentemente non en todas sexa igual de incómodo—, o prioritario é situar a conflitividade social, a violencia política e a concepción da orde pública nas súas coordenadas históricas concretas para poder deconstruílas e que o relato resultante, que evidentemente está por facer, non se converta nunha mera instrumentalización que nos conduza a esquecer o esencial de cada proceso.

Á hora de abordar as décadas dos 70 e 80 moitos/as investigadores/as atópanse con importantes atrancos para levar adiante o seu labor nos arquivos por mor da Lei de Secretos Oficiais que data de 1968. En que medida cre que está a afectar esa falta de “transición documental” aos traballos que se poidan desenvolver no ámbito galego?

En teoría os historiadores reconstruímos o pasado a partires de documentos, entendidos estes no sentido máis amplo do termo. Os documentos reflicten só unha pequena porcentaxe e uns determinados aspectos da realidade —que non existe como tal, xa que as realidades son múltiples— e sobre isto, con todas as armas da profesión que se queira, construímos o noso discurso, ou, seguindo a moda imperante, elaboramos o noso relato. Cada vez que un «acto transcendente» non xera un documento susceptible de chegar ao historiador, «a porcentaxe» e as dimensións da realidade que podemos recrear diminúen. Cada vez que un documento xerado é expurgado acontece tal; e cada vez que se nega o acceso a outro que consegue sobrevivir, pois o mesmo. A verdadeira revolución nos estudos sobre a represión entre o golpe do 36 e a aniquilación da guerrilla produciuse cando abriron os arquivos militares.

Ao meu entender, o acceso á documentación relativa aos anos do tardofranquismo e a transición —deixemos de lado a que xa foi destruída, nuns casos de xeito planificado e intencional, noutros sen unha finalidade clara de ocultación— que aínda non pode ser consultada debería facilitar un avance tan importante como o que comentaba respecto á represión, o mesmo en Galicia que no resto do Estado.

Nos últimos anos vimos observando que o interese por parte dos/as investigadores/as por estudar a Transición desde novas perspectivas foi en aumento. En que momento considera que se atopa a historiografía sobre este período a nivel estatal e galego?

Pois depende das diferentes Comunidades Autónomas e mesmo das diferentes provincias. Non é o mesmo o nivel ao que se atopa a historiografía catalá que a de Castela e León ou que a de Galicia. Partindo da premisa de que en todas partes queda moito camiño por transitar —en parte, pero só en parte, pola problemática dos arquivos que apuntabamos—, penso que o panorama é esperanzador. Cada vez hai máis grupos de investigación e máis historiadores e historiadoras que se interesan, tamén en Galicia, por este período e, efectivamente, como ben dis, cada vez son máis as perspectivas e os enfoques que se introducen no debate.

Como en todos os ámbitos serían precisos moitos máis recursos destinados a apoiar a investigadores mozos, que sodes os que, ao meu entender, tedes que liderar o gran salto cualitativo e cuantitativo que se ten que producir neste eido, como a outros, simplificando, tocounos no ámbito do franquismo e da represión e aos que nos precederon no da Segunda República. Pero neste punto, co que se nos vén enriba, temo que non podo ser tan optimista, polo que para que a investigación no ámbito das Humanidades avance cómpre tamén aprender a xerar sinerxías entre os Departamentos e os grupos de investigación da Universidade e xente que está fóra da mesma desenvolvemento traballos do máis variado, pero que desexan seguir investigando e seguir formándose.

Non podo entender como, nun contexto de escaseza de recursos como o que padecemos, e que aínda imos padecer máis, non se fomentan este tipo de relacións e se potencian por quen teñen responsabilidade de goberno ou están presentes en ámbitos de decisión, aínda que sexan reducidos. Como é posible, por exemplo, que nas oposicións ao Ensino Secundario o labor investigador e de transferencia apenas teña valor? Como pode ser que nun concurso de traslados se valore moito máis a realización de non sei cantos cursos, de non sei que tipo e de cantas horas que unha tese de doutoramento ou que unha monografía de investigación relevante? Como pode acontecer que o acceso á condición de catedrático no Ensino Medio dependa, case sen máis, dos anos que se leve exercendo a profesión docente que de tomar en consideración outros factores non menos importantes? E así nunha chea de ámbitos.

A necesidade de divulgar sobre a historia da Transición é evidente, e máis nun momento como o actual no que o tema está tan presente nos medios de comunicación e no debate político. Como se concibe a elaboración de Galicia en transición como obra conxunta?

Pois un pouco partindo das premisas ás que me refería antes. En esencia, que tamén forma parte do labor dun docente e dun investigador asentado na Universidade fomentar o desenvolvemento de novas liñas de investigación, pero sobre todo axudar a crear as condicións para que nelas teñan cabida non só doutorandos e doutorandas pertencentes ao seu grupo de investigación ou investigadores consolidados do seu Departamento ou doutros grupos cos que tes unha relación máis ou menos estreita.

Galicia en transición é froito da reflexión que apuntabas ao principio: que a sociedade galega tivo que ter un papel notablemente activo no proceso de cambio, porque os galegos non somos un ente estraño e moi diferente ao doutros pobos do Estado, e que do que se trata é de estudiar como foi ese papel. Como tamén penso que temos que estudar moito máis e moito mellor cal foi o papel das nosas elites; aquí e en Madrid. Pero sobre todo responde ao meu particular xeito de entender esas sinerxías ás que me refería cando se trata de facer investigación histórica: facilitador, no senso de que, aínda que escasos, é no ámbito da Universidade onde se pode dispoñer de máis recursos para enfrontar a celebración dun Congreso ou a publicación dun libro nunha editorial de referencia; colaborativo, porque dende o enfoque á elección das persoas que achegaron os seus textos non foi o resultado dunha decisión vertical de quen aparece como director do volume, senón que nela participaron varios dos colegas e amigos que compartimos o mesmo desexo de avanzar nunha profesión que amamos, como Emilio Grandío ou José Ramón Rodríguez Lago; plural, no senso de dar cabida a enfoques do máis variado dentro do común denominador dunha obra que, ao meu entender, supón un avance á hora de desvelar o rol xogado por unha parte da sociedade galega no proceso de cambio; e aberto a investigadores consolidados e noveis, de dentro e de fóra da Universidade, sempre e cando teñan algo que achegar no ámbito proposto, porque todos e todas somos igualmente de valiosos cando se trata de facer camiño.

*Foto de portada extraída de cazarabet.com [http://www.cazarabet.com/conversacon/fichas/fichas1/marcharon.htm]

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *