“Decateime como a xente lembraba como os dous fenómenos máis tráxicos da nosa historia local a Guerra Civil e a gripe de 1918”. Entrevista a Xoán Carlos Abad

Xoán Carlos Abad Gallego é profesor de Xeografía e Historia no IES Chapela (Redondela) e Presidente do Instituto de Estudos Vigueses. Con numerosos artigos e libros publicados, a súa contribución ao estudo da historia local de Vigo é máis que salientable. Hai unha década escribiu un libro que hoxe está de plena actualidade se pensamos historicamente: E o outono tinguiuse de loito. A gripe de 1918 nas terras de Vigo (Instituto de Estudios Vigueses, 2010). Agora que estamos atravesando unha nova pandemia, quixemos preguntarlle polas semellanzas e as diferenzas entre o novo coronavirus e a “gripe española”, así como por cuestións metodolóxicas e de interese dende o punto de vista investigador.

A orixe da COVID-19 parece estar nos morcegos. Cal foi a orixe da gripe do 1918 e como se introduciu en Galiza?

Seica estes virus tan agresivos que estamos a ver proceden sempre de mutacións que pasan de animal a humano, ás veces con anterioridade puideron ter pasado de home a animal que funciona de “reservorio” do virus. No caso da gripe do 18, unha variante da gripe A, semella que a súa procedencia foi porcina (aínda hai quen a relaciona máis coa aviar). Non se sabe a orixe do foco primixenio exactamente, pero o que si sabemos é que comezou a propagarse, entre os meses de febreiro e marzo dese ano, en localidades do entorno a granxas porcinas do Estado de Kansas (EEUU), propagándose de inmediato entre varios campamentos militares organizados con miras á inmediata intervención na Guerra Mundial; a chegada destes soldados a Europa, nas semanas seguintes, foi quen de contaxiar ó continente e, de aí, ó resto do mundo.

Que similitudes e que diferenzas atopas entre esta pandemia e a da “gripe española”? Por exemplo, na súa letalidade, na súa capacidade de expansión, etc.

A maior similitude entre ambas radica na súa orixe vírica, na afectación pneumónica que produce (o aparato respiratorio é o que máis afecta de xeito preferente), na  súa altísima capacidade de contaxio e que, no momento de expandirse, non había tratamentos axeitados para combatelo. No caso do COVID-19, ten como principal diferencia o feito de que a súa sintomatoloxía tarda máis en manifestarse (están a falar de dúas semanas ou mesmo nalgúns casos algún tempo máis), a súa maior capacidade de contaxio (morbilidade) que, ademais, se estende dende o principio da incubación do mal até o final do proceso infeccioso dos pacientes (ou sexa, que un afectado pode contaxiar durante moito máis tempo que no caso da  gripe), e, por último, unha maior letalidade entre os contaxiados, con porcentaxes que adoitan superar o 10% do total en moitos países, como España. En último lugar é importante sinalar o contexto internacional; a globalización e a capacidade de movemento das persoas de hoxe en día, moitísimo maior que fai 100 anos, foi seguramente o que disparou o contaxio con tanta intensidade e ritmo expansivo.

Por que decidiches escribir E o outono tinguiuse de loito. A gripe de 1918 nas terras de Vigo?

Ó interesarme especialmente os aspectos sociais da Historia e dedicarlle bastante tempo á recolleita de historia oral, decateime como a xente lembraba como os dous fenómenos máis tráxicos da nosa historia local, e nun nivel de recordo bastante semellante, a guerra civil e a gripe de 1918; fenómeno este último do que había moitas referencias na bibliografía, pero do que a meirande parte dos traballos eran moi xenéricos,  pois apenas había estudos concretos, e no caso da Galiza, naquel momento, non había publicado ningún.

Para calquera investigación histórica é preciso contar cun bo número de fontes. Cales empregaches ti? Como de fiables son e canto che custou conseguilas?

A parte máis interesante da preparación de calquera publicación, eu así o entendo, é a parte da procura da documentación. Ó tratarse dun tema médico, antes de nada tiven que somerxerme na complexo mundo da literatura sanitaria, da que descoñecía case que todo; non podía entender o impacto da gripe do 18 sen coñecer antes con máis profundidade esta enfermidade e os seus mecanismos de contaxio, o estado do coñecemento que había a principios do século XX desta enfermidade e, polo tanto, que recursos e armas sanitarias tiñan os médicos daquela para enfrontarse a ela. Malia que tiña recollido bastantes referencias orais deste suceso, todas eran indirectas, a través de fillos ou netos que recordaban como se contaban nas súas casas casos concretos daquela terrible epidemia, e, polo tanto, algo imprecisos; houbo entón que achegarse ó período histórico a base da prensa diaria, local sobre todo pero non unicamente, pois era bastante interesante coñecer a información que se daba na prensa nacional, e mesmo internacional, da evolución da pandemia na nosa comarca. Imprescindible foi o seu seguimento a través das sesións das xuntas de goberno municipal e das distintas comisións de seguimento que se fixeron (beneficencia, sanidade, abastecemento, servizos fúnebres, limpeza, orde público, etc.), e do Boletín da provincia. Un elemento indispensable, para a cuantificación e análise da súa evolución, foi a revisión das anotacións de defuncións incluídas nos rexistros civís correspondentes ós dous concellos que conformarían logo o actual Vigo (Vigo e Lavadores) e tamén de Bouzas, que contaba aínda co seu propio rexistro civil a pesar de estar xa integrado nesas datas dentro de Vigo, así como dos libros de enterramento correspondentes ós distintos cemiterios (municipal e parroquiais). A fiabilidade dos datos establécese mediante o cruce da información colleitada, buscando que non haxa especiais estridencias, xa que é o único xeito de poder obter informacións certas.

Nun momento no que gran parte do planeta está confinado, a envergadura da crise socioeconómica que está comezando é aínda difícil de medir. Pensando historicamente, como cres que será o futuro inmediato do noso mundo?

Unha vez superada a cuestión sanitaria, que é difícil establecer cando será máis ou menos plena, vén logo a complexa cuestión da recuperación económica. Aquí si que non podemos establecer, en absoluto, paralelismos coa gripe do 18; aquela quedou integrada dentro do proceso da crise posbélica da 1ª Guerra Mundial e o posterior aumento da demanda internacional que aconteceu un par de anos despois. O de hoxe en día é moi distinto; as últimas crises económicas dos últimos 70 anos sinalan que as recuperacións son sempre moi lentas, con grandes custos en paro, pola existencia de grandes intereses corporativos e pola pouca colaboración que hai entre os gobernos para atopar saídas cohesionadas, mesmo entre países teoricamente socios, como é hoxe o caso da Unión Europea. Gustaríame ser optimista pero, de non ter aprendido unha serie de cuestións sobre os erros cometidos e sobre a dependencia excesiva en materiais tecnolóxicos e sanitarios básicos, orixinados no abaratamento de custos en certos países, a remontada será lenta, desigual e moi dolorosa.

* A fotografía de cabeceira correspóndese coa imaxe presente na portada do mencionado libro do autor entrevistado, onde se pode ver persoal sanitario encargado de transportar persoas enfermas en padiola.

 

 

Un comentario en ““Decateime como a xente lembraba como os dous fenómenos máis tráxicos da nosa historia local a Guerra Civil e a gripe de 1918”. Entrevista a Xoán Carlos Abad

  1. Excelente entrevista y muy valiosos los aportes históricos los paralelismos y las perspectivas a futuro post pandemia. Excelente artigo!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *