O arquitecto Gómez Román, Castelao e o compromiso artístico e político polo país

Santiago Rodríguez Caramés

Do porvir, ainda sendo aventurada calisquera afirmación, podes estar seguro de que seguiremos loitando coa mesma fé e optimismo dos nosos destiños: que manteremos sempre a conducta brilante do Partido, e que endexamáis deixaremos de ser repubricáns, xa que a monarquía é incompatíbel en ausoluto coa nosa suprema aspiración. Xa vou vello, pero os anos non me impiden axudar na obligada tarefa en que estamos todos empeñados, e teño fe en que hei poder abrazarte n-ista nosa Terra, ceibe e feliz.

Carta de Gómez Román a Castelao (ca. 1947)1

Co impulso do nacionalismo galego nos anos vinte xurdiu no País unha corrente arquitectónica rexionalista que tentaba reconstituír os grandes estilos da arte galega, fundamentalmente o románico e o barroco, así como a ollada á arquitectura popular2. Manuel Gómez Román (Vigo, 24/7/1876 – 11/11/1964) converterase nunha das figuras destacadas desta continxencia artística, obtendo o recoñecemento e o interese dos intelectuais da época. Esta escolla estilística baseábase, así mesmo, no propio compromiso político do arquitecto, presente no debate autonomista e galeguista e mantendo estreitas relacións con figuras como Castelao.

O nacionalismo entendeu a expresión artística e literaria como unha das pedras angulares do seu proxecto político. No Manifesto da Asemblea Nacionalista das Irmandades da Fala (Lugo, 17-18/11/1918) xa se vindicaba o seguinte: «Proclamar a soberanía estética da Nazón Galega, que se exercerá: a) sobor das construcións urbanas e ruraes, ditándose unha lei que abrigue aos propietarios a axeitare o estilo das súas construcciós ao estilo xeneral de cada vila galega; b) na expropiación de moimentos e paisaxes (…)»3. Isto traducíase nun interese polo estudo e divulgación do patrimonio histórico galego, mais tamén un reducionismo historiográfico que privilexiaba aqueles momentos de apoxeo, restrinxíndose en ocasións a cuestións sentimentais ou folclóricas. Castelao, por exemplo, manterá estas posicións reducionistas até os seus anos finais en Bos Aires, declarando en Sempre en Galiza (1944): «As artes da construción callaron en Galiza no estilo románico, que perdurou por riba do gótico, deica enlazarse co barroco. O gótico, por ser unha arte lóxica, non puido aclimatarse no noso país, pero do barroco fixemos un ‘estilo nacional’. Porque tedes que saber que hai un ‘barroco galego’ e que, neste estilo, creamos exemplares que son fitos da historia da arte»4.

Así mesmo, fronte ao interese polos movementos de vangarda que existían noutras artes e na literatura, o mundo da arquitectura era reservado a esas capacidades simbólicas de que se falaba, a transmisión directa e clara da «alma do pobo». Castelao tamén extraía estas conclusións a partir das súas viaxes europeas; cando en 1921 visitou Flandres, escribía: «Polas rúas atópanse moitas casas modernas de estilo flamenco. Istas casas, tan útiles como “as internacionaes”, son as que dan á cibdade ise carauter ruralista que as fai soportables»5.

Neste contexto é onde se encadra Manuel Gómez Román como arquitecto, que se suma así á demanda dunha arquitectura rexionalista, en consonancia co que estaba a acontecer noutras zonas do estado e cuxo contacto fundamental nun primeiro momento foron os rexionalistas cataláns. Castelao asume axiña este labor de difusión colectiva, como na conferencia «Arte e galeguismo» (1919): «O movimento centralizador e internazonal á xunta, iñan en camiño de matar as arelas artísticas das nazóns. En Galicia, as cibdás comestas polo centralismo e pervertidas por aires de fóra iñan en camiño de cegar tódalas fontes de Arte. É fenómeno universal que na nosa terra fixo verdadeiros estropicios»6.

Sendo Castelao unha das personaxes que máis se implicou nesta vindicación artística, Gómez Román comezaba a recibir o seu afecto, respecto e confianza como un dos arquitectos que podía levar a cabo este proxecto. Nunha carta a Francisco Lloréns (15/4/1919), precisamente, indica o seguinte: «Nós, os galeguistas, andamos traballando como toliños. O outro día tocoume a min dar unha conferencia en Vigo sobor “Arte e galeguismo” e n’a que falei de ti. Gómez Román estivo n’ela e díxome que lle gostara. Nunca se traballou tanto en Galicia pol-o rexurdimento d’a nosa personalidade»7. Outro exemplo é o intercambio de cartas con Sánchez Cantón para abordar unha reforma do Museo de Pontevedra (1934)8. Castelao apadriña e defende as propostas de Gómez Román, das que remite os seus debuxos, se ben finalmente non será o proxecto escollido. O respecto mutuo evidénciase cun proxecto de casa para Castelao, deseñado por Gómez Román en 1924 e publicado con posterioridade n’A nosa terra (nº 375, 1935):

Castelao é n’éstes tempos a figura que representa máis xustamente a alma da nosa Terra. Na súa formación como home, artista, escritor e político, as influencias alleas non viraron o limpo e forte trazo do seu perfil enxebre e como ésto sucedeu na cibdade de Pontevedra, para moitos os nomes de Castelao e Pontevedra teñen unha evocación parella. N-estas reflesións están basadas as trazas d-éste Proieto de «Unha casa para Castelao» en Pontevedra, no que poderán ollarse erros ou acertos, máis coido que ha resplandescer n-él a sinceridade e o fervor que debe ter toda ofrenda9.

E é que Gómez Román, alén da súa produción arquitectónica, coa vista sempre posta na historia e na tradición galegas, será tamén activo na vida cultural viguesa e na Sección de Artes Aplicadas do Seminario de Estudos Galegos. Coa proclamación da II República, a filiación republicana e galeguista de Gómez Román refórzase. Presidirá dende 1933 o Grupo Galeguista de Vigo en substitución de Paz-Andrade e en 1936 será candidato á alcaldía de Vigo pola Fronte Popular. Entregará nas cortes estatais, xunto con Castelao, o Estatuto de Autonomía xa plebiscitado. Após a guerra, Gómez Román participará decisivamente na refundación clandestina do PG, sendo o seu secretario xeral. Na correspondencia de Castelao cos «irmáns do interior»10, sempre se amosará un fondo agarimo do rianxeiro cara a Gómez Román e o seu traballo, mesmo cando xurdían discrepancias entre o PG e o Consello da Galiza. Nunha carta de Castelao a Otero Pedrayo (1942) pódese ler: «Hai unhas cantas persoas coma ti, Gómez Román, Valentín Paz-Andrade ou Plácido Castro, que sodes os que podedes reorganizar aí o galeguismo. É unha hora de sacrificios, pero é unha hora en que temos que cumprir co noso deber»11.

E velaí Gómez Román, que até os seus derradeiros días participará da fundación de Galaxia, do Padroado Rosalía de Castro, ingresando na Real Academia Galega en 1951 e sendo un dos impulsores do Día das Letras Galegas, en consonancia coa viraxe culturalista do galeguismo nos cincuenta.

*A foto de portada amosa un artigo asinado por Gómez Román n’A Nosa Terra (nº 375. 1935). Deseño orixinal de 1924

Bibliografía

Xosé Ramón BARREIRO FERNÁNDEZ: Historia contemporánea de Galicia, t. II. A Coruña, Gamma, 1982.

Xavier CASTRO (ed.): Castelao e os galeguistas do interior. Cartas e documentos (1943-1954). Vigo, Galaxia, 2000.

Xaime GARRIDO RODRÍGUEZ e Xosé Ramón IGLESIAS VEIGA: Manuel Gómez Román, mestre da arquitectura galeguista. Vigo, Xerais, 1995.

Manuel GÓMEZ ROMÁN: “A casa de Castelao”, A nosa terra, 375 (1935), p. 4.

Xosé Ramón IGLESIAS VEIGA: Arquitectura rexionalista galega. Antonio Palacios, Gómez Román & outros arquitectos. Vigo: Engaiolarte, 2018

Ramón PIÑEIRO, Da miña acordanza. Memorias. Vigo, Galaxia, 2002.

Alfonso Daniel RODRÍGUEZ CASTELAO: Arte e galeguismo: conferencia dada por Alfonso R. Castelao na exposición de Imeldo Corral na Cruña o 25 d’outono de 1919. A Coruña, Tip. El Noroeste, 1919.

Alfonso Daniel RODRÍGUEZ CASTELAO: Sempre en Galiza. Madrid, Akal, 1977 [Bos Aires, 1944].

Alfonso Daniel RODRÍGUEZ CASTELAO: Diarios de 1921. Vigo, Galaxia, 1977.

Alfonso Daniel RODRÍGUEZ CASTELAO: Obras, t. VI. Vigo, Galaxia, 2000.

Notas ao pé

  1. Xavier CASTRO (ed.): Castelao e os galeguistas do interior. Cartas e documentos (1943-1954). Vigo, Galaxia, 2000, p. 371. []
  2. Para a cuestión do rexionalismo en arquitectura, recoméndase a lectura da obra de Xosé Ramón Iglesias Veiga, especialmente a súa recente Arquitectura rexionalista galega. Antonio Palacios, Gómez Román & outros arquitectos (Engaiolarte, 2018), así como a iniciática monografía Manuel Gómez Román: mestre da arquitectura galeguista (Xerais, 1995), do propio Iglesias Veiga e Xaime Garrido Rodríguez. []
  3. Tirado de Xosé Ramón BARREIRO FERNÁNDEZ: Historia contemporánea de Galicia, t. II. A Coruña, Gamma, 1982, p. 352. []
  4. Alfonso Daniel RODRÍGUEZ CASTELAO: Sempre en Galiza. Madrid, Akal, 1977 [Bos Aires, 1944], p. 51. []
  5. Id.: Diarios de 1921. Vigo, Galaxia, 1977, p. 175. []
  6. Id.: Arte e galeguismo: conferencia dada por Alfonso R. Castelao na exposición de Imeldo Corral na Cruña o 25 d’outono de 1919. A Coruña, Tip. El Noroeste, 1919. []
  7. Id.: Obras, t. VI. Vigo, Galaxia, 2000, p. 68. []
  8. Ibid., pp. 212-217. []
  9. Manuel GÓMEZ ROMÁN: “A casa de Castelao”, A nosa terra, 375 (1935), p. 4. []
  10. Vid. Xavier CASTRO (ed.): Castelao e os []
  11. Recollida en Ramón PIÑEIRO, Da miña acordanza. Memorias. Vigo, Galaxia, 2002, p. 67. []

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *