Negrofilia, diáspora e momentos de crise

Carmela Rodríguez Rodríguez

Petrine Archer escribía en 2010 un artigo para Afro Modern: Viajes a través del Atlántico Negro no que deixaba entrever o seu discurso racial, froito do entorno no que se desenvolveu dende a súa xuventude de activismo por parte da poboación negra. Archer, nada en Inglaterra e de ascendencia xamaicana, foi unha recoñecida historiadora da arte e curadora especializada na obra de artistas caribeños, usando como fío condutor a migración, a identidade, a historia e a diáspora.

O punto de partida é o París dos anos vinte, cidade en plena efervescencia artística, cunha grande confluencia de persoas de distintas procedencias e coas comunidades bohemias en boga. É así como París se dota dun enorme atractivo para os negros da diáspora, aqueles que en Estados Unidos non puideran desenrolarse completamente, e que viron na experiencia parisiense unha oportunidade para desenvolvérense de maneira máis ampla, creativa e cosmopolita.

Palmer Hayden, Nous quatre à Paris, 1930. Metropolitan Museum of Art

Así mesmo, os franceses sentían un especial interese por África, que transcendía os aspectos puramente económicos, mostrando unha grande admiración cara ás culturas das súas outrora colonias, percibíndoas como algo exótico e con certas compoñentes máxicas. Todo isto debíase ao contacto con obxectos procedentes de África que deron en chamar, de maneira xenérica, “arte negra”, para logo ser rebautizados como “fetiches”.

É neste contexto cando nos atopamos por primeira vez co termo “negrofilia”, utilizado polos propios artistas das vangardas para referirse a esa admiración por todo o referente á cultura africana, que consideraban fonte de inspiración que viña substituír, en certo modo, ao clásico; unha especie de musa negra que exploraba novas fontes de creatividade para unha arte absolutamente moderna.

Todo o referente ao negro pasou a ocupar un papel fundamental dentro do mundo do espectáculo, dirixido, por suposto, a un público branco que, sen entender a cultura que eles percibían como africana e caendo en estereotipos e imaxes codificadas, representaban as súas fantasías e burlábanse da fraxilidade humana sen comprometer as súas propias identidades.

Ante isto, os afroamericanos da diáspora residentes en París, viron a negritude como un aspecto que os capacitaba para participar nesa vida moderna, polo que moitos non dubidaron en explotar os trazos máis característicos da súa cultura para entrar a formar parte da vangarda, sempre baixo o xugo do gusto europeo. É entón cando se empeza a ver aós negros como “negros ben integrados”, que deixaban de ser percibidos como algo meramente primitivo, máis próximo ao mundo animal e carente de historia e evolución, como foran considerados dende a época colonial.

Palmer Hayden, The janitor who paints, ca. 1937. Smithsonian American Art Museum

Ante esta problemática, Archer busca a explicación nas teorías de Hayes Edwards, quen fala dunha “crise negra”. A poboación branca de entreguerras presentaba a experiencia do negro de maneira terxiversada e isto provocaba que os afroamericanos estiveran incapacitados para articular a súa propia existencia como parte da experiencia moderna. Os negros da diáspora non coñecían a cultura africana de primeira man, senón que chegaban a ela a través de fontes etnográficas europeas, condicionadas pola vogue nègre, e as súas identidades dependían, polo tanto, dun falseamento tanto da cultura negra contemporánea como de África en xeral. Este feito explica, en certo modo, por que as imaxes dos artistas negros da diáspora, como por exemplo Palmer Hayden, resaltaban nas súas obras certos trazos característicos que non deixaban de ser tópicos, como os beizos grosos ou as narices anchas. Neste sentido é imporante cuestionar se estamos ante unha parodia ou realmente existe un problema de identidade, unha crise de autorrepresentación.

Palmer Hayden, African Dancer, 1932. Museum of African American Art

Paralelamente, na sociedade parisiense do momento xorden unha serie de movementos disidentes onde poderíamos incluír a George Bataille, cuxa posición fronte ao fenómeno do negro distaba dos fielmente seguidores da vogue nègre. Bataille, escritor, antropólogo e pensador francés, valoraba a cultura negra dunha maneira moito menos idealizada caos “negrófilos” cos seus fetiches. Consciente da crise negra, non consideraba aos representantes da diáspora como primitivos, se non que recoñecía a súa expresión cultural como parte da experiencia moderna e teorizaba sobre a mesma de maneira realista e crítica. Rexeitando o idealismo, Bataille desafiou a maioría dos conceptos do surrealismo e erixiuse como un polémico defensor da raza negra.

Aínda na actualidade a cuestión da identidade cultural da diáspora segue latente, en especial a representación do corpus negro nos artistas contemporáneos. Stuart Hall, teórico cultural e sociólogo xamaicano afincado en Inglaterra, fala dun cambio de concepción da figura negra ao longo da historia, chegando á conclusión de que, a día de hoxe, esta é vista dunha forma moito máis subxectiva e polivalente que no contexto que viñamos contando ata entón.

Hall fala do corpo marcado polo xénero, o corpo marcado polo sexo, o corpo como suxeito, máis que un simple obxecto de miradas e de desexo. Malia isto, os artistas postmodernos continúan cuestionando as representacións do negro e ocasionalmente séguense a materializar as consecuencias deses momentos de crise, reflectindo en ocasións vergoña, indignación e mesmo autoodio; pero en moitos outros casos percíbense xa certas mostras de superación dos estereotipos. Actualmente pódese apreciar una multiplicidade de formas e significados, e os corpos negros deixan de ser estáticos para, en palabras de Archer, “moverse, morfosearse, recrearse e cambiar, cambiar, cambiar…”

Bibliografía
Petrine ARCHER. “Negrofilia, diáspora y momentos de crisis”, en Tanya BARSON (ed.): Afro Modern. Viajes a través del Atlántico Negro, Santiago de Compostela, CGAC, 2010, pp. 20-33.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *