A prensa na Transición española: o caso de “El País” (II)

Alexandre Balboa Cintrón e Javier Domínguez Oubiña

Na primeira reunión da xunta de fundadores, celebrada no mes de xaneiro de 1972, establecéronse os principios nos que se ía basear o novo xornal. Unha empresa periodística como esa só puido saír de persoas cun perfil de adhesión clara ao Réxime, e non tanto porque o defenderan senón porque os seus servizos no pasado evitaban que aparecesen como sospeitosos.

José Ortega, coa axuda de Carlos Mendo e Darío Valcárcel, dous xornalistas con experiencia previa no ABC, aproveitou os seus contactos a nivel nacional con profesionais e intelectuais cos que tiña unha certa afinidade ideolóxica para vender El País como un medio liberal para o novo proceso político que se ía iniciar nos próximos anos. Deste xeito, dominaba o liberalismo orteguiano, o monarquismo e o reformismo dende o Réxime, onde Mendo representaba o núcleo fraguista dende o propio consello de administración e Valcárcel sumaba a moitos liberais monárquicos partidarios de José María de Areilza, que pasara por importantes cargos diplomáticos e era próximo a Don Juan de Borbón. Abundaban igualmente as figuras procedentes do mundo editorial, sobre todo daquelas empresas vinculadas ao propio Ortega, caso de Revista Occidente, un proxecto herdado do seu pai, José Ortega y Gasset.

Jesús Polanco, coa súa Editorial Santillana expandíndose cara América, convértese pronto no gran promotor empresarial de El País. Aínda que naquel momento non era dado a manifestar a súa opinión política, parecía amosarse próximo a Fraga. Como inversión inicial, aportou un total de 300.000 pesetas e non foi a súa única participación no mundo dos media; tamén inverteu en Cambio 16. El mesmo afirmou que foi o seu modo de participar en “empresas democratizadoras”, mais non claramente políticas.

Das cerca de 400 persoas que figuraron como titulares das 1.500 accións, destacaban empresarios, banqueiros, escritores, médicos, enxeñeiros, funcionarios, embaixadores e moitos avogados. Os xornais que seguían con atención a preparación deste proxecto incidiron sobre todo no elevado no número de catedráticos de universidade e editores, referíndose a este proxecto como un órgano de prensa no que o mundo cultural tiña un gran peso. Ortega xa xogaba coa visión de aparecer como unha especie de continuador de El Sol, xornal liberal dos anos vinte do que seu pai fora o máximo expoñente ideolóxico.

Cebrián, Fraga, Polanco e Ortega Spottorno na maquinaria de preimpresión de El País. Fonte: El País

Manuel Fraga mantivo dende moi cedo un contacto asiduo con Ortega e conseguiu reunir en 1972 a unha serie de familiares, colaboradores e amigos para controlar case un 20% do capital fundacional do periódico, como foi o caso de Pío Cabanillas ou o xa mencionado Mendo. Todo parecía indicar que Fraga era o mellor colocado a nivel político para influir na liña editorial do períodico. A altura de xuño de 1974 chegaron aos 378 socios. Empezábase a debater quen sería o encargado da dirección do periódico. Fraga era embaixador en Londres e Pío Cabanillas non tardou en ocupar o cargo de Ministro de Información e Turismo. Ambos aprobaban ou desaprobaban periodistas e nesta ocasión non foi diferente.

Ortega viaxou a Londres para presentarlle a unha terna na que sae como favorito Juan Luis Cebrián, daquela un periodista de trinta anos con excelentes referencias. Fillo de Vicente Cebrián, falanxista e influínte membro da Jefatura de Prensa del Movimiento Nacional, estudara en El Pilar, o núcleo de relación dos fillos da elite franquista. Isto permitiulle iniciar a súa andadura periodística en Pueblo, órgano dos Sindicatos Verticales baixo a dirección de Emilio Romero, unha das figuras con máis poder na prensa franquista. Tendo en conta todo este percorrido non sorprende que, no momento en qeu se lle ofrece a oportunidade de dirixir o novo diario, estivese ocupando o cargo de director dos Servicios Informativos de Televisión Española, designado por Pío Cabanillas.

Manuel Fraga con Pío Cabanillas (esquerda), quen foi subsecretario no Ministerio de Información e Turismo durante o periodo de Manuel Fraga. Máis tarde, co goberno de Arias Navarro (1974) foi el quen pasou a ocupar esta carteira. Fonte: El Mundo

En xaneiro de 1975, Cebrián chega a Londres para pasar a entrevista definitiva con Fraga. Trala reunión, este escribe no seu diario: “Juan Luis Cebrián me dice que se embarca en la aventura conmigo y por mí”. Antes do lanzamento, con Cebrián incorporado de facto como director, nas múltiples reunións dirixidas polos fundadores insistíase en que o proxectado periódico tiña que xogar un papel informativo serio, asumindo ese carácter liberal para aglutinar a unha elite que quería participar no proceso de transición política.

A boa sintonía de Polanco con Cebrián foi fundamental dende que saíu o xornal ás rúas, o 4 de maio de 1976, ata que chegaron as primeiras eleccións democráticas, un período no que se foi perfilando a posición de El País en tanto que construtor da opinión pública. En cambio, Ortega viuse dende cedo fondamente decepcionado ante un proxecto que, posto na práctica, foi moi diferente ao que esperaba.

A saída do primeiro número de El País foi, ademais, o detonante do distanciamento de Fraga, que para aquel ano xa era Ministro de Gobernación da Monarquía, apenas dous meses de que Adolfo Suarez fora nomeado presidente. José María de Areilza era o protagonista da imaxe da portada, onde se destacaba a noticia da súa visita a Marrocos como novo ministro de Asuntos Exteriores. Por se quedaban dúbidas, o editorial redactado por Cebrián era aínda máis definitiorio. Mencionaba a conviccion abertamente democrática do período e atacaba duramente ao Goberno do presidente Arias Navarro afirmando que perdera a súa credibilidade política para o “proceso de reforma”.

A portada da discordia do diario El País do 4 de maio de 1976. Fonte: El País

Fraga viu esta toma de posición do xornal como unha traizón. Entre estas dúas opcións, a aposta por Areilza enténdese tamén polo contexto inmediato. Na súa posición ministerial, Fraga estaba ao cargo das forzas de orde ao cargo das rúas e danse cargas policiais que rematan con amplas campañas de protesta, sobre todo trala morte de cinco traballadores en Vitoria a mans da policía. Areilza, como Ministro de Exteriores, presentaba unha experiencia previa como embaixador en dous países clave nas relacións internacionais, EEUU e Francia. Contaba con boa imaxe no estranxeiro e, como mencionamos anteriormente, era próximo á Casa Real. As súas relacións coa oposición democrática eran boas e iso presentábao dende o xornal como referente dunha dereita moderna, liberal e europeísta.

Aos poucos meses do seu nacemento, El País amosouse como vértice de creación da opinión pública. Posuía a seguridade dunha plataforma de prestixio que creaba algo ausente na época franquista, é dicir, conseguir ser o “intelectual colectivo” dentro do proceso transicional ao estilo de Le Monde en Francia.1 Non obstante, debían aumentar a súa tirada, que entre 1976 e 1981 oscilou entre os cen e os douscentos mil de media diaria. Esta apertura cara un lector maís común, unido á xuventude da redacción, alimentaron unha imaxe de diario esquerdista. Nada máis lonxe da realidade; dende a súa aposta pola dereita areilceista ata a entrada do PSOE no goberno, as vías de actuación converxeron na liña editorial de Cebrián, asociado á imaxe de Jesús Polanco, dentro do dominio da cultura institucional fronte á procedente do exilio ou daquela que proviña da propia rúa.

Bibliografía

ESPANTALEÓN PERALTA, Antonio. El País y la transición política. Granada: Universidad de Granada, 2002.

MORÁN, Gregorio. El precio de la transición. Madrid: Akal, 2015.

MORÁN, Gregorio. El cura y los mandarines: historia no oficial del bosque de los letrados. Madrid: Akal, 2014.

NEGRO ACEDO, Luis. El diario El País y la cultura de las élites durante la Transición. Madrid: Foca Ediciones, 2006.

SEOANE, María Cruz e SUEIRO, Susana. Una Historia de El País y del Grupo Prisa. Barcelona: Plaza y Janés, 2004.

Notas ao pé

 

  1. Neste colectivo conflúen universidade, medios de comunicación e industria editorial. O poder exércese dende o control deses tres sectores que crean, difunden e criban todo aquilo que engloba ao mundo cultural []

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *