O nacionalismo galego na Transición (III): a acomodación á Galiza autonómica

Brais Ferreiro Ares

Catro acontecementos chave

No final da Transición, entre 1982 e 1983, aconteceron catro procesos destacados no seo do nacionalismo galego. En primeiro lugar, fundouse o Bloque Nacionalista Galego (BNG), froito dunha nova estratexia do entorno da UPG consistente en aceptar as regras do xogo, pero tamén pola vontade de unir ao nacionalismo para loitar contra a supremacía do PSOE na esquerda galega. Recollía a herdanza do BN-PG e aspiraba a atraer antigos depurados, militantes do PSG e a nacionalistas “dispersos”, conseguindo sumar a Partido Comunista de Liberación Nacional, Colectivo Socialista e un sector escindido do PSG. En segundo lugar, PSG e EG fusionáronse, frustrando a unión do nacionalismo de esquerdas baixo o paraugas do BNG e dándolle a volta de novo ás alianzas dentro do nacionalismo. En terceiro lugar, nace Coalición Galega (CG), da que falaremos máis abaixo, coa vontade de consolidar un nacionalismo de centro. Por último, dentro da esquerda radical, Galiza Ceibe-Organización de Liberación Nacional (fronte impulsada polo PGP de Ferrín) sufrirá unha escisión e perderá boa parte da súa militancia. En resumo, no período 1982-1984 mudará o panorama político: as principais forzas estatais serán AP, PSOE e PCE, e dentro do nacionalismo galego teremos a BNG, PSG-EG, CG e GC-OLN1.

Logotipo de GC-OLN. Fonte: Wikipedia

O nacionalismo de esquerdas

Comecemos pola adaptación do nacionalismo de esquerdas. Inicialmente obtivo máis rédito político PSG-EG, quen medrou nas autonómicas de 1985 grazas ao exhaustivo traballo de Camilo Nogueira como único nacionalista na primeira lexislatura e tamén á menor adaptación do resto da esquerda nacionalista. Isto levará a PSG-EG a gozar dunha certa primacía parlamentaria (aínda que a súa implantación territorial era menor ca do Bloque) até que o BNG asumiu o sistema, prescindiu do radicalismo da Transición e axustou o seu discurso e comportamento ao que o electorado consideraba propio dunha democracia representativa2.

O nacionalismo de centro

Como xa anticipamos, o nacionalismo de centro impulsará Coalición Galega (CG) tras a desfeita da UCD en Galicia. Nos primeiros anos da autonomía terán uns resultados electorais considerables: nas municipais do 1983 obterán 37.639 votos (3,08%) e 150 concelleiros; nas autonómicas de 1985 alcanzarán 163.425 votos (12,94%) e 11 deputados; e nas xerais de 1986 obterán 79.972 votos (6,24%) e 1 deputado, o primeiro deputado nacionalista en Madrid dende o 1936. CG serviu como partido bisagra para poder articular maiorías. De todos xeitos, a maioría absoluta de Fraga no 1989 acabou coas aspiracións do nacionalismo de centro, obtendo apenas 2 deputados e ningún no Congreso nese mesmo ano3.

Cartel de CG do 1983. Fonte: Flickr

O independentismo radical

O independentismo radical, pola súa parte, apenas se adaptou e a súa incidencia foi pequena, chamando á abstención ou sendo moi pouco apoiados nos diferentes procesos electorais. A súa principal actividade foi a de intentar emular a ETA apostando pola vía armada con organizacións como Loita Armada Revolucionaria (LAR, 1979-1980) e Exército Guerrilheiro do Povo Galego Ceibe (EGPGC, 1985-1991). Pese a non ser unha corrente precisamente maioritaria, si que obtivo unha audiencia social mínima pero persistente especialmente entre sectores xuvenís radicalizados4.

Bandeira do EGPGC. Fonte: Almanaque dos Conflitos

Para rematar

Se unha cousa quedou clara na Transición é que o sistema podía funcionar sen integrar ao nacionalismo galego. Isto inclúe tamén a posta en marcha da autonomía, a cal non precisaba do apoio do nacionalismo rupturista para que puidera comezar a funcionar5. Por isto, o nacionalismo debeu adaptarse se quería ter voz e voto no novo sistema que agora nacía. A fundación do BNG é probablemente o maior expoñente disto, aínda que como xa mencionamos, non todo o nacionalismo se adheriu á fronte de partidos.

*A foto de portada amosa a Asemblea de Riazor (1982) na que se fundou o BNG. Fonte: Flickr

Bibliografía

Beramendi, J. (2007). De provincia a nación : historia do galeguismo político. Vigo: Edicións Xerais de Galicia.

Fernández Baz, M.A. (2003). A Formación do nacionalismo galego contemporáneo (1963-1984). Santiago de Compostela: Laiovento.

Notas ao pé

  1. Fernández Baz, 2003, pp. 165-168. []
  2. Beramendi, 2007, pp. 1115-1116. []
  3. Ibid., pp. 1113-1115. []
  4. Ibid., pp. 1112-1113. []
  5. Ibid., p. 1112. []

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *