A xustiza transicional en Chile

Manuel Lago Berdeal

O 11 de setembro de 1973 tivo lugar en Chile un golpe de Estado que remataba cos gobernos socialistas da Unidade Popular de Salvador Allende. Como consecuencia do golpe, que contou co inestimable apoio do Departamento de Estado norteamericano, unha Xunta Militar púxose á fronte do país. Estivo dirixida polo xeneral Augusto Pinochet, quen prolongou o réxime até o 1990. Esta Xunta Militar estaba convencida de que a súa permanencia á fronte do país pasaba por eliminar calquera indicio de disidencia. De acordo con esta idea, os fusilamentos, desaparicións, encarceramentos e exilios convertéronse nunha praxe habitual.

O réxime militar chileno tivo unha característica peculiar que o diferenciou das demais ditaduras latinoamericanas: a súa tentendica “legalista” ou “institucional-constitucional” dende 1978. Ese ano, a Xunta Militar promolgou unha lei de autoamnistía que cubría tódolos crimes cometidos dende o golpe do 1973 até o 1978. O réxime buscaba dotarse de medios legais, algo que se traduce principalmente na Constitución de 1980 e no plebiscito de “SI-NO”, do 5 de outubro de 1988, sobre a continuación de Pinochet á fronte do país. Os resultados negaron a continuidade do ditador, polo cal, as eleccións presidenciais de 1989 favoreceron a chegada ao poder de Patricio Aylwin. Iniciábase así un proceso de transición á democracia que culminaría o 11 de marzo de 1990.

Tan só un día despois, o novo presidente pronunciou un discurso no Estado Nacional, antigo centro de detención de presos políticos. Sinalou que o goberno da transición tiña que encargarse de buscar a verdade sobre a violación dos dereitos humanos que se cometera durante a ditadura. Malia isto, nos primeiros anos nada cambio e, pese ao retorno da democracia, as cortes seguiron consagrando a impunidade. O Tribunal Supremo non foi depurado e o seu conservadorismo e resistencia a revisar o pasado foi un feito. Diversos asesores do presidente Aylwin pensaron que algúns xuíces civís chilenos, especialmente do Supremo, foran cómplices das violacións dos dereitos humanos durante a ditadura. Ante este bloqueo, o presidente creou unha Comisión da Verdade para esclarecer o sucedido.

Un soldado chileno fai guardia fronte a reos no Estadio Nacional de Chile tralo golpe de estado de Pinochet, no 1973. Fonte: El País

Esta fíxose tanxible o 25 de abril do 1990 baixo o nome de Comisión Nacional de la Verdad y la Reconciliación. Estaba presidida por Raúl Rettig e tiña como obxectivo esclarecer os feitos acaecidos en Chile durante a Ditadura de Pinochet. O informe final desta foi presentado en febreiro de 1991 e os seus resultados tiveron unha grande repercusión tanto a nivel nacional coma internacional; froito deste, arbitráronse medidas de reparación para as vítimas. Máis aló dos resultados do informe, o certo é que a impresión que existía dentro da sociedade chilena era a de esquecer o pasado e non afondar na ferida. Este proceso de esquecemento foi alterado varios anos despois como consecuencia das demandas xudiciais contra o propio Pinochet, destacando o auto procesal tramitado dende España en outubro de 1988 polo, entón xuíz da Audiencia Nacional, Baltasar Garzón. Este provocou a detención do ditador en Londres e a súa posterior demanda de extradición.

No ano 1999, as iniciativas para coñecer a verdade complementáronse coa creación da Mesa de Diálogo. Nela reuníronse oficiais militares, avogados de dereitos humanos e líderes relixiosos. O resultado desta incentivou o diálogo político-militar e a condea das atrocidades cometidas durante a ditadura. Ademais, por vez primeira, as Forzas Armadas recoñeceron a súa implicación na morte de cidadáns chilenos; incluso foi aceptada a verdade do Informe Rettig, até ese momento negada. Os militares comprometéronse tamén a revelar información dispoñible sobre a sorte e emplazamento de detidos e desaparecidos. Moitos deles foran lanzados ao mar ou a ríos do país. Así, moitas familas pensaron que agora poderían atopar aos seus seres queridos, mais a información ofrecida polos militares foi, en moitos casos, inexacta e contraditoria, causando un gran descontento e frustración.

No ano 2003 creouse a Comisión Nacional sobre Prisión Política y Tortura presidida por Sergio Valech, razón pola que tamén é coñecida como Comisión Valech. O obxectivo desta era documentar os abusos de tortura, así coma os encarceramentos por motivos políticos. O 28 de novembro de 2004, o presidente chileno Ricardo Lagos deu a coñecer o contido do informe da Comisión. Este sinalaba que, entre o 11 de setembro de 1973 e o 11 de marzo de 1990, 27.255 persoas sufriran torturas durante as súas detencións, entre eles cativos de entre 12 e 17 anos. O informe da Comisión concluiu que a tortura e a cadea foran políticas sitematizadas e institucionalizadas polo Estado; prácticas, estas, frecuentemente executadas polas Forzas Armadas, carabineiros e servizos de intelixencia, especialmente a DINA e o CNI. A tortura, ademais de empregarse para extraer información, tamén se utilizaron para infundir medo e impor o terror na sociedade. Este informe fíxose público nun momento no que a sociedade chilena tiña unha maior conciencia da importancia de abordar os crimes cometidos durante a ditadura.

Finalmente, durante os gobernos de Michelle Bachelet creouse unha nova comisión da verdade, coñecida popularmente como Comisión Valech II. O seu informe viu a luz no 2011 e nel engadíronse novos casos de vítimas e persoas que sufriran a prisión política e a tortura.

*A foto de portada corresponde ao bombardeo do Palacio de la Moneda. Santiago de Chile, 1973. Fonte: Wikimediacommons

Bibliografía

AGUILAR, P. (2013), “Jueces, represión y Justicia Transicional en España, Chile y Argentina”. En Revista Internacional de Sociología, Nº 2, pp. 281-308.
CHAVES PALACIOS, J. (2018), “Memoria y tribunales en las dictaduras del cono sur: los casos de la Argentina y Chile”. En MORENO FONSERET, R. y PAYÁ LÓPEZ, P. (eds.), Memoria y Justicia Transicional en Europa y América Latina. Granada: Comares Historia. (pp. 157-174)
ELSTER, J. (2006), Rendición de cuentas. La Justicia Transicional en perspectiva histórica. Buenos Aires: Katz
FERRARA, A. (2017), “El largo camino hacia la verdad en Chile. Una perspectiva histórica.” En JIMENO ARANGUREN, R. Justicia transicional: Historia y actualidad. Cizur Menor (Navarra): Thomson Reuters Aranzadi. (pp. 213-239)
GARRETÓN, R. (2009), “Los tribunales con jurisdicción penal durante la transición a la democracia en Chile”. En ALMQVIST, J. y ESPÓSITO, C. (Coords.), Justicia transicional en Iberoamérica. Madrid: Centro de Estudios Políticos y Constitucionales. (pp. 69-86)
HAU, B. (2018), “Chile, 40 años de exigencias de verdad y justicia”. En Razón Crítica, Nº 4, pp. 137-161

NASH ROJAS, C. (2016), “La transición chilena y justicia transicional. Análisis crítico”. En Revista Derecho y Sociedad, Nº 47, pp. 129-144.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *