O Museo Provincial de Lugo. Fundación e orixe das súas coleccións.

Clara Reigosa Lombao

O Museo Provincial de Lugo, como a maioría de museos provinciais, está formado por unha ampla e variada colección de obras de arte. Estes museos, nados a maioría entre os séculos XIX e XX, responden a unha serie de cuestións que conflúen na necesidade de ter un espazo onde conservar e estudar o patrimonio cultural da provincia. O Museo de Lugo abriu as súas portas en 1934, logo de moitos anos de tentativas, nunhas dependencias do Pazo de San Marcos, actual sede da Deputación Provincial.

Como a maioría dos museos desta índole, o Museo de Lugo caracterízase polo eclecticismo da súa colección, con pezas que abranguen dende a ourivería prerromana ata a vangarda galega; nas súas salas móstranse pinturas, esculturas e obxectos de artes decorativas, todos eles dentro dun espazo declarado Ben de Interese Cultural en 1936, o antigo convento dos Franciscanos de Lugo[1].

Con estas características, cabe preguntarse entón como chegaron pezas tan distintas a un mesmo espazo museístico. O contexto histórico e cultural no momento da apertura, así como a propia concepción de museo e de patrimonio que tiña a sociedade condicionaron a súa formación e evolución ata a actualidade.

O primeiro selo do Museo Provincial foi recentemente recuperado para utilizar na exposicón “Un Museo Agradecido” (2015). Fonte: Arquivo do Museo Provincial de Lugo.

A creación dos museos provinciais estivo vinculada ás Comisións Provinciais de Monumentos Histórico-Artísticos (CPMHA), creadas na primeira metade do séculos XIX e que tiñan entre as súas tarefas a formacións de Bibliotecas e Museos Provinciais[2]. Por outra banda, os procesos desamortizadores obrigaban ao Estado a crear lugares de almacenaxe para conservar o patrimonio dos espazos relixiosos[3].

As primeiras referencias en relación á apertura do Museo Provincial de Lugo extráense dun arquivo documental da Real Academia de Bellas Artes de San Fernando, no que se observa un contacto continuo entre a CPMHA e a Academia, entre 1846 e 1877[4]. A pesar disto, non sería ata principios do século XX, concretamente en 1912, cando a Deputación Provincial de Lugo aprobou a creación dun Museo Provincial.

A lentitude dos procesos burocráticos, sumado á inestabilidade política do país, xustifican a tardanza na apertura do Museo desde que se recollen por escrito as primeiras intencións, ata que se fai realidade. Tras a aprobación do proxecto pola Deputación Provincial, Manuel Vázquez Seijas –que será o segundo director do Museo, nese momento interventor na administración provincial–, encargouse de escribir as bases que regulaban a creación do Museo Provincial de Lugo, denominado naquel momento Museo Provincial de Belas Artes[5]. E, finalmente, en 1934 abrirá as súas portas ao público.

Todas estas cuestións condiciaron a creación da colección actual do Museo Provincial, formada por moitas coleccións máis pequenas que se ían consolidadando a medida que chegaban novas pezas ao museo, de tipoloxía e procedencias moi distintas. Podemos falar de tres métodos de ingreso diferentes: por adquisición ou compra da Deputación Provincial, como organismo do que depende o museo; por doazón dunha obra ou conxunto de obras; ou por cesión ou depósito temporal doutras institucións.

Das máis de 4.000 obras que conserva o Museo de Lugo, arredor de 2.000 chegaron mediante a compra ou adquisicón da Deputación Provincial. Algunhas delas, como a recente adquisicón da colección de ourivería prerromana de Álvaro Gil Varela, foron adquiridas a cambio dun prezo de mercado. Noutros casos, as pezas chegaron como resultado dunha relación contractual entre a Administración e unha artista. Este foi o caso de Maruja Mallo quen, becada pola Deputación na Escola Superior de San Fernando, entregou ao organismo provincial algunha das súas obras como Guía Postal de Lugo (1929)[6].

Guía Postal de Lugo, Maruja Mallo (1929). Fonte: https://www.lavozdegalicia.es/noticia/amarina/2017/12/13/viveiro-ensalzara-obra-lucense-maruja-mallo-exposicion/0003_201712X13C3991.htm

Ao longo da súa historia, o museo nutriuse dun gran número de doazóns, máis de 1.800. Moitas delas foron realizadas por grandes coleccionistas ou filántropos, que optaron por entregar parte das súas coleccións privadas ao Museo Provincial. Ademais de Álvaro Gil Varela, gran mecenas da arte lucense do século pasado, destacan outros persoeiros como D. José Fernández López con pezas como Ofrenda a San Ramón (1923) de Asorey, ou a colección de vidrio e cristais da Granxa de San Ildefonso. Porén, tamén é necesario recordar a importancia das doazóns individuais, realizadas por moitos lucenses que entregaron o seu patrimonio para ser disfrutado por todas.

Ofrenda a San Ramón, Franciso Asorey (1923). Fonte: Arquivo do Museo Provincial de Lugo.

Por último, o Museo conta cun gran número de depósitos temporais, sobre 400 obras, procedentes doutros museos ou institucións que as prestan de maneira prolongada no tempo, pero non indefinidamente. O Museo do Prado e o Museo Reina Sofía, antigo Museo de Arte Moderno, son os dous grandes organismos colaboradores. Ademáis, a Xunta de Galicia, como propietaria dos achádegos arqueolóxicos na Comunidade, ten a obriga de depositalos no museo de referencia da provincia; os mosaicos romanos do patio central son exemplos desta cesión[7].

En conclusión, é preciso coñecer a historia dos museos provinciais, moitas veces relegados a unha segunda posición pola variedade e pouca especialización das súas coleccións. Porén, é interesante entender estes espazos como as primeiras institucións capaces de albergar o patrimonio cultural para o seu estudo e contemplación. As coleccións que conservan explican a maior parte da historia local, e son esenciais para crear o primeiro vínculo entre os cidadáns e o patrimonio cultural que os rodea.

*A foto de portada corresponde á praza onde se ubica o Museo Provincial de Lugo.

Bibliografía

Fernando ARRIBAS ARIAS, Xoán Ramiro CUBA RODRÍGUEZ e Antonio REIGOSA CARREIRAS: Cartafol do Museo: Guía gráfica do Museo Provincial de Lugo, Lugo, Diputación Provincial de Lugo, 2007.

Aurelia BALSEIRO GARCÍA: “O Museo Provincial de Lugo. Orixe e relacións coa Comisión Provincial de Monumentos e Protección do Patrimonio”, Lucensia, vol. XXII, nº 45 (2012), pp. 317-332.

Fernando ARRIBAS ARIAS, Xoán Ramiro CUBA RODRÍGUEZ e Antonio REIGOSA CARREIRAS: Guía do Museo Provincial de Lugo, Lugo, Diputación Provincial de Lugo, 2007.

María Belén DEAMOS; José BELTRÁN FORTES: Las instituciones en el origen y desarrollo de la arqueología en España. Sevilla, Universidad de Sevilla, 2007.

Notas

[1] Fernando ARRIBAS ARIAS, Xoán Ramiro CUBA RODRÍGUEZ e Antonio REIGOSA CARREIRAS.: Guía do Museo Provincial de Lugo, Lugo, Diputación Provincial de Lugo, 2007.

[2] Aurelia BALSEIRO GARCÍA: “O Museo Provincial de Lugo. Orixe e relacións coa Comisión Provincial de Monumentos e Protección do Patrimonio”, Lucensia, vol. XXII, nº 45 (2012), pp. 317-332, pp. 317-318.

[3] María Belén DEAMOS; José BELTRÁN FORTES: Las instituciones en el origen y desarrollo de la arqueología en España. Sevilla, Universidad de Sevilla, 2007, p. 181.

[4] Aurelia BALSEIRO GARCÍA: “O Museo Provincial…”, p. 321.

[5] Esta foi a denominación do Museo ata 1964.

[6] Fernando ARRIBAS ARIAS, Xoán Ramiro CUBA RODRÍGUEZ e Antonio REIGOSA CARREIRAS: Cartafol do Museo: Guía gráfica do Museo Provincial de Lugo, Lugo, Diputación Provincial de Lugo, 2007.

[7] Dende fai 10 anos a Xunta de Galicia non pode depositar estes bens no Museo por carecer de espazo para conservalos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *