A prensa na Transición española: o caso de El País (I)

Alexandre Balboa Cintrón & Javier Domínguez Oubiña

Para intentar comprender o marco no que está inmerso o nacemento e o desenvolvemento de El País ao longo da Transición española, temos que partir dunha prensa que participou en forma de comparsa e lugar de reunión de figuras vinculadas ao Réxime. Dende unha óptica editorial e empresarial, conviña tamén asegurar o seguimento dun oficialismo estabilizador ante o esperado “feito biolóxico” de Franco. As autorrepresentacións que a prensa escrita, en calidade de construtores de realidade, asumen de forma colectiva ou individual, xeran explícitas negacións na conivencia cos distintos grupos arredor do poder estatal, dos cales dependenron para a súa expansión ou mera supervivencia. Así pois, ao por en dúbida a significación da súa disposición como “parlamento de papel” e “motor de cambio” durante a Transición, debemos achegarnos ás formas de relación que a prensa posuía cos diferentes elementos de poder.

Portada de La Codorniz do 5 de decembro de 1965. Fonte: El cultural

Os diferentes mitos e coartadas que se esgrimiron dende a prensa implicaron, a través dun efecto espello, o branqueamento do tardofranquismo; unha mostra clara atopámola na Ley de Prensa e Imprenta do ano 1966. A súa utilización e interpretación asegura unha expectación pola palabra, por como a lei é expresada, amén dun cambio no modelo precedente; dun sistema comunicativo totalitario a outro que amose a imaxe dunha relaxación autoritaria. En ambos prima a unidade da mensaxe, mais a primacía da censura previa tornábase en criterios de arbitrariedade administrativa e económica.

O franquismo funcionaba, xa que podían seguir elixindo a quen censurar e cando. O foco poñíase sobre a prensa, á cal se podía culpar de calquera desorde público, e concretamente no grupo editorial ao que pertencían. Falamos de sancións económicas, peches ou alongamento nos procesos contenciosos, entre outros exemplos. Volvemos a observar esa idea onde a técnica superaría ás ideoloxías nunha forma de “neocapitalismo informativo”. Así pois, a ampliación do publicable a comezos dos anos 70 dáse na medida na cal ningún medio escrito debía cuestionar o marco herdado ou a lexitimidade de Franco.

Neste marco de apertura simulada, cambiante ata que queda superada polo artigo 20 da Constitución do 1978, a prensa atópase nunha nova definición da súa función política, pero sen xogar aínda un papel democrático. Mais esta posible redifinición debe poñerse en relación cos tipos de medios escritos xerados durante a ditadura: a oficial Prensa del Movimiento e aquela oficiosa, coa Cadena de Prensa Católica e os periódicos de empresa. Se ben non existía outro tipo de prensa que a franquista, as funcións que esta albergou si que foron cambiantes. Por exemplo, a potencialidade de chegar a boa parte do país dos medios escritos estatais mantívose durante a Transición, aínda que con pequenas excepcións eran máquinas de perder diñeiro. Pola outra banda, a oficiosa, dentro dunha lóxica empresarial máis marcada, nunca se vendeu a ningún poder xa que se encontraba dentro do mesmo. A continuación destas prácticas entre periodistas, grupos editoriais e grupos de influencia traduciuse na máxima de “favores mutuos” nun momento de incerteza.

Arriba, o buque insignia da prensa do Movemento. Fonte: periodicosregalo.com

Convén tamén relativizar o consumo de periódicos e facer visible un dos grandes problemas que todos contiñan: o económico. A grandes trazos, o mercado da prensa era disperso e minifundista, cun índice de rotación de arredor de tres persoas (homes) dentro dunha relación de consumo de prensa e nivel alto de formación. Ademais, como sistema, constituíase un “subdesenvolvemento comunicativo” onde aquela que perdía máis lectores era a prensa do Movimiento. Do mesmo xeito, os diarios centralistas posuían escasa influencia no resto do país, incluso despois da saída de El País ou Diario 16. Vese, pois, a importancia dos periódicos locais ou rexionais e a confluencia destes coas elites locais. No seno económico, a crise era xeral. Os problemas estruturais aparecían nas grandes débedas bancarias, nos materiais de produción anticuados ou tamén nunha atracción publicitaria cara a televisión e a radio.

Por último, para comprender mellor a liña na que se estableceu inicialmente El País, pódense establecer uns discursos “diferenciados” nos periódicos privados, máis neutrais que oficiais, dende a a morte de Carrero Blanco ata a entrada en vigor da Constitución, o 29 de decembro de 1978. Un “oficialismo táctico” levouse a cabo ata a morte de Franco: ninguén agardaba que nada cambiase pero a diferencia quedaba establecida entre os que aplaudían tal apertura, sen saber moi ben o alcance, e outros que criticaban o que consideraban un exceso aperturista. Dende o primeiro goberno de Juan Carlos I, a prensa foise afastando do discurso oficial, mais non se cuestiona á Coroa nin o proceso que dicía estar construíndo.

No momento da elección de Adolfo Suárez, a prensa atópase descolocada: ao posuír os seus propios candidatos “presidenciables”, atopa tal elección como unha regresión pola procedencia de Suárez. Non obstante, pronto se encomendan a unha “conversión suarista” a raíz do efecto arrastre da figura do presidente: o feito ata aí era unha non-reforma, o que se pretendía realizar era unha reforma que buscase a ruptura, mais sen contar cos expoñentes da mesma, é dicir, a oposición non interna e maila conflitividade na rúa. En tal ambiente constrúese e reconstrúese o proxecto de El País nun marco legal que aínda non cambiara.

Adolfo Suárez durante o seu discurso de investidura no Congreso dos Deputados, en marzo de 1979. Fonte: wikimedia commons

O proxecto do diario nace en xaneiro do 1972 cando, cun capital de 500.000 pesetas iniciais e desembolsadas a partes iguais, se constitúe a entidade Promotora de Informaciones Sociedad Anónima: PRISA. Os pais fundadores, relacionados por cuestións laborais e afectivas, foron o editor José Ortega Spottorno, Darío Valcárcel, Carlos Mendo, Juan José de Carlos e Ramón Jordán de Urríes.

Tanto a marcha de PRISA como a propia promoción dun proxecto tan ambicioso como o que representaría El País centrouse esencialmente en tres figuras. A primeira, de tipo cultural, era o mencionado Ortega Spottorno, editor e fundador de Alianza Editorial, fillo de Ortega y Gasset e ben visto polos sectores máis abertos do réxime. A figura política era Manuel Fraga Iribarne, que tanto dentro como fóra do sistema era visto como un firme candidato para dirixir o posfranquismo. O principal promotor empresarial rematou sendo Jesús Polanco, cun longo percorrido na industria dos libros de texto como creador da Editorial Santilla e que, aos poucos, acadou un gran poder tras unha serie de enfrontamentos internos entre os fundadores do proxecto.

Bibliografía

BARRERA, Carlos (1995), Sin mordaza: veinte años de prensa en democracia. Madrid: Temas de Hoy.

BORRAT, Héctor (1989), El periódico, actor político. Barcelona: Gustavo Gili.

GUILLAMET I LLOVERAS, Jaume (coord.) e SALGADO DE DIOS, Francesc (coord.) (2014), El periodismo en las transiciones políticas de la Revolución Portuguesa y la Transición Española a la Primavera Árabe. Madrid: Biblioteca Nueva.

QUIROSA-CHEYROUZE MUÑOZ, Rafael (coord.) (2009), Prensa y democracia: los medios de comunicación en la Transición. Madrid: Biblioteca Nueva.

REIG GRUAÑES, José (1999): Opinión pública y comunicación política en la transición democrática. Tesis doctoral, Universitat d’Alacant.

SANTOS SERRA, Luis (2015), La prensa que se vendió. Barcelona: Ediciones Carena.

SEOANE, María Cruz e SUEIRO SEOANE, Susana (2003): “La prensa” en TUSELL GOMEZ, Javier (coord.): La transición a la democracia y el reinado de Juan Carlos I. Madrid: Espasa Calpe, pp. 711-736.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *