O Entroido ourensán: a súa orixe e vinculación con Europa

Andrea Montes González

O Entroido é unha festa moi importante, tanto na cidade, como na provincia de Ourense, tendo un calendario moi extenso dende principios de ano, practicamente. Non obstante, de onde veñen tantas e diferentes tradicións como as que temos en Ourense?

En primeiro lugar, o que hoxe coñecemos como “entroido” hai que enlazalo cos ritos de fertilidade da primavera anteriores ao cristianismo, nos que diferentes culturas establecían un xogo coas súas deidades a través de máscaras portadoras de capacidades[1]. Existen teorías que asocian o nacemento desta festa a Mesopotamia, Siria ou no norte de Europa, aínda que estas orixes axiña se comezaron a trasladar ao imaxinario medieval europeo a través da Antigüidade Clásica grecorromana[2].

Por outra banda, existen algunhas tradicións en Europa que se poden ter en consideración á hora de falar dunha orixe lexítima, aínda que non sexan teorías completamente comprobadas. Estas festas serían o “Festival de Akitu” en Babilonia, onde se alababa a diferentes deuses e un sacerdote iniciaba unha semana de alegría e liberdade entre os meses de marzo e abril; tamén sería o “festival exipcio de Isis”, cunha procesión o cinco de marzo na que os homes se vestían de animais ou figuras mitolóxicas e as mulleres vestían de branco e lanzaban flores; o festival romano de “Lupercalia” no mes de febreiro, momento no cal se exaltaban a fertilidade da terra e do home; esta festa romana rematou adquirindo un carácter moi vulgar, polo que o Papa Gelasio conseguiu condenala e cambiala pola festa da Purificación da Virxe María e a súa procesión.

Fig. 1: Festas Lupercais de Andrea Camassei. Fonte: https://www.museodelprado.es/coleccion/obra-de-arte/fiestas-lupercales/374c5c7a-7700-45e4-8d69-93580def2de1

Por último, no Entroido tamén atopamos influencia dos xermanos e celtas, co seu festival “Imbolc” e “Beltane”, que exaltaban a fertilidade con música e bailes[3]. Por tanto, a festa do entroido na Idade Media en Europa é o resultado de diferentes herdanzas que, en certo modo, foron cristinianizadas e que logo se imporían; con excepción da festa stultorum ou procesión dos tolos e da “ritus paschalis” ou burlas á Pascua, as cales eran condenadas pola Igrexa polos seus excesos[4].

Por tanto, non poderiamos entenden a tradición actual do Entroido  sen a intervención da chegada do cristianismo á vida europea. Con el, chegou tamén a “cuaresma”, unha tradición que inclúe varias festas pagás que contrastan coa exaltación dos valores cristiáns. É dicir, a relixión e, sobre todo, a cuaresma, esixen rigor e abstinencia; polo que o entroido, entendendo as tradicións pagás que abarca, aporta aos fieis, incluso aos frades[5], unha especie de desequilibrio, coa fin de contrarrestar o que están a piques de vivir[6]. Esta condición é a que xera a etimoloxía actual, a cal provén de carnem levare (abandonar a carne) e carnevale (tempo no que é lícito comer carne)[7].

Avanzando na Historia, en Galicia, a celebración do Entroido veuse interrompida polo réxime franquista, momento tralo cal, na súa reanimación nos anos oitenta, esta festa comezou a celebrarse de dous xeitos diferentes: o modo da cidade e o modo rural, exceptuando Xinzo da Limia, onde as tradicións se mantiveron intactas. Por tanto, as tradicións actuais son froito de moitas, antigas e diversas herdanzas europeas, pero tamén da historia nacional e local.

Fig. 2: Máscaras “muller” de Austria. Fonte: https://austriaviajes.wordpress.com/2012/02/13/el-reino-de-la-locura-en-innsbruck/

Verín, Laza e Xinzo da Limia conservan elementos que vinculan as súas tradicións cos costumes antigos europeos, como son as máscaras, o uso de peles de animais ou o ruído para animar a festa. Estos mesmos elementos vémolos en países como Austria, coas súas máscaras “Schleicher” e “Mullerlaufen”, ou en Letonia, coa súa máscara “Kekata”. Tamén temos o caso de Bulgaria, onde se utilizan peles de animais nunha personaxe chamada “Kuker” ou os campaneiros ou “Schellenruehrer” de Alemaña.

Fig. 3: “Kuker” de Bulgaria. Fonte: https://es.dreamstime.com/foto-de-archivo-editorial-m%C3%A1scara-enmascarada-de-baile-surva-bulgaria-kuker-image65966203

En termos xerais, non podemos entender o entroido actual sen pensar en conceptos como transformacións e fusión, ademais dun sentimento compartido por diferentes pobos de celebrar a fertilidade da terra e a chegada dun tempo que lles permitiría mellorar as súas vidas.

*A foto de portada amosa a uns cigarróns de Verín. Fonte: http://www.demiku.es/6-dias-en-el-triangulo-magico-del-entroido-laza-verin-y-xinzo-da-limia/

Bibliografía

Federico COCHO: O carnaval en Galicia. Vigo, Edicións Xerais de Galicia, 2008.

Joan PRAT I CAROS: “El carnaval y sus rituales: algunas lecturas antropológicas”, Temas de antropología aragonesa, 4 (1993), pp. 278-296.

José Luis SÁNCHEZ: El carnaval en Europa. Madrid, Miraguano, 2007.

Julio CARO BAROJA: El carnaval: análisis histórico cultural. Madrid, Alianza Editorial, 2006.

Margarita TORRES SEVILLA: “Raíces antiguas y medievales del carnaval: una aproximación histórica” en José María BALCELLS (coord.): El carnaval: tradición y actualidad, La Bañeza, Universidad de León, 2010, pp. 35-41.

Miguel ROIZ: “Carnavales de Galicia”, Revista Triunfo, 592 (1974), pp. 27-31.

Xerardo DASAIRAS VALSA: “Entroidos y máscaras del sureste orensano”, Narria: Estudios de artes y costumbres populares, 79-80 (1997), pp. 25-32.

Notas

[1] Margarita TORRES SEVILLA: “Raíces antiguas y medievales del carnaval: una aproximación histórica” en José María BALCELLS (coord.): El carnaval: tradición y actualidad, La Bañeza, Universidad de León, 2010, p. 35.

[2] Ibid., p. 36.

[3] Ibid., pp. 36-39.

[4] Ibid., p. 40.

[5] Julio CARO BAROJA: El carnaval: análisis histórico cultural. Madrid, Alianza Editorial, 2006, p. 33. Nesta página o autor sinala a existencia dun texto en “El donado hablador Alonso, mozo de muchos años” (S.XII) no que se relata que os frailes saían dos seus conventos en España para romper brevemente a clausura e así soportar mellor a cuaresma.

[6] Ibid., pp-31-33.

[7] Margarita TORRES SEVILLA: “Raíces antiguas y medievales del carnaval: una aproximación histórica” en José María BALCELLS (coord.): El carnaval: tradición y actualidad, La Bañeza, Universidad de León, 2010, p. 35.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *