Cartografías invisibles. Os mapas do Inferno

José Manuel Suárez García

Os deuses e os heroes nunca mostraron unha actitude moi favorable coa xeografía. ¿Por que habían de facelo? Da mesma maneira que rexeitaron a historia, refuxiándose no seu propio tempo mítico, tamén o espazo mítico lles permitiu resistir as tentativas de seren cartografados. ¿Acaso Deus debería entregar á humanidade un mapa no que tivese marcado o itinerario cara a terra prometida? ¿Que tería sido a Odisea se Ulises tivese nas súas mans unha carta de navegación? Tampouco Dante, cando ingresa no Inferno, conta cun mapa; pero el é acompañado por un guía: un Virxilio convertido nunha especie de xeógrafo mítico, ou un xeógrafo do mito, como cada quen prefira. Mais, como se dixo, poucas cousas hai tan distantes entre si como a xeografía e o mito. Nin sequera as descricións do Inferno de Dante, tremendamente gráficas, son fáciles de cartografar. A expresión que empregamos como título, “cartografías invisibles, é, a fin de contas, un paradoxo.

Sandro Botticelli, Mapa do Inferno (ca. 1480-1490). Biblioteca Apostólica Vaticana. Fonte: Wikimedia Commons

E malia todo, sempre cabe a posibilidade dunha mente brillante capaz de descifrar esta contradición e, sendo ademais benevolente, iluminar aos demais, mostrarlles o camiño. ¿Quen mellor para iso que un cartógrafo? Cara o final do século XV sería Botticelli quen, nunha empresa de cartografía mítica, pintase un dos mapas máis completos do Inferno. Un rodopío no que Lucifer atrae cara si aos pecadores, dominados polas forzas da gravidade e centrípetas ―forzas que antes de ser definidas polas ecuacións da física xa parecían ser intuídas―. O de Botticelli non é nin moito menos o primeiro mapa do Inferno dantesco: entre outros, Bartolomeo di Fruosino trazaba un Inferno claustrofóbico e desordenado, na liña do imaxinario medieval. Tal e como podemos imaxinar que é o Inferno. Mais o “mapa” de Bartolomeo non describe un territorio extensivo nin unha paisaxe que se preste á contemplación; se acaso podemos falar dunha paisaxe sonora formada polos alaridos e os lamentos dos pecadores, pero nada que se preste á vista. Dante fálanos de ríos e lagos, de desertos, de bosques, de cidades, espazos que aínda podendo resultar desagradables se prestan á contemplación. O remuíño de Botticelli, ao que seguirán moitas outras representacións semellantes do Inferno dantesco, presenta xa certo indicio de paisaxismo, de territorialidade.

Bartolomeo di Fruosino, Inferno (ca. 1430-1435). Biblioteca Nacional de Francia. Fonte: Wikimedia Commons

Neste Inferno Dante é un explorador nun continente descoñecido, e Virxilio o seu guía nativo. Como explorador, o florentino deberá realizar tarefas de cartógrafo e de antropólogo. E como tal, conta desde o primeiro momento cunha limitación: o seu propio itinerario. Os mapas dos exploradores remiten aos seus propios pasos, ás vereas e ás corredoiras, e inclúen as observacións e os datos que ao longo deses camiños poden compilar. Pero os intersticios que quedan entre os camiños tenden a converterse en espazos míticos, espazos ignotos onde viven o seres míticos e os monstros cuxas imaxes habitan os ocos en branco das antigas cartografías. Mais no Inferno a cousa cambia: alí os monstros saen ao encontro do explorador, habitan os mesmos camiños. Non hai espazos intersticiais porque todo o Inferno é espazo mítico.

É por isto que nin Bartolomeo di Fruosino nin Sandro Botticelli, nas súas empresas para cartografar o Inferno, precisan saírse do camiño. Mais, a diferenza do seu predecesor, Botticelli xa inclúe aquel indicio paisaxístico, algunha ollada ao territorio. O que si precisan ambos é un cambio de código, pois se na crónica de viaxe ofrecida por Dante prima o temporal, no traballo do cartógrafo o importante é o espacial. As cartografías infernais que sucederán as reportaxes do florentino manteñen certo horror vacui, a sensación de claustrofobia e a saturación dos sentidos ―os berros dos condenados, o cheiro a sangue e xofre, as visións espantosas―, mais agora aparece un principio ordenador: o camiño. Nestes mapas do Inferno todo é camiño, un camiño espiraliforme que ao desenvolverse sobre si mesmo non deixa lugar aos espazos intersticiais. Mais non son necesarios, pois o mesmo camiño é, neste caso, espazo mítico.

Podemos pensar, ademais, que o Inferno é tempo mítico: temporalmente está sometido ao mesmo carácter cíclico que o camiño. ¿Que quere dicir isto? Que o itinerario seguido por Dante, aínda supoñendo un lapso concreto, representa a totalidade do Inferno. O Inferno é eterno retorno, eterna penitencia; non hai redención nin cambio posible. Os avaros loitarán entre si a pedradas pola posesión duns bens durante toda a eternidade, os violentos contra a natureza corren baixo unha chuvia de lume sen chegar nunca a ser consumidos e reducidos a cinza. O Inferno é, espacial e temporalmente, un ciclo pechado sobre si mesmo. Nada escapa á forza centrípeta de Lucifer, que atrae aos pecadores cada si mesmo e os incapacita para calquera outra cousa que non sexa a penitencia ―chegando a casos como o dos avaros, nos que pode chegar a interpretarse que o castigo é auto-inflixido―. Os pecadores non están en condicións de alzar a súa vista á paisaxe; non poden ser contempladores, e moito menos cartógrafos. A cartografía é traballo para o explorador, e non para o habitante; sobre todo no Inferno.

Por algún motivo, nin sequera os sabios do Inferno sentiron a necesidade de saír fóra a cartografar o inframundo: tanta sabedoría reunida dentro dunhas murallas que conteñen o único espazo verde do Inferno, e ninguén elaborou un mapa do Inferno. Só un deles, Virxilio, se atreve a saír destas murallas para servir de guía aos visitantes. Pero os guías mostran os camiños e describen os intersticios, o seu coñecemento do territorio non  responde á visión extensiva dos cartógrafos, cuxo traballo non deixa de ser un intento de racionalización da totalidade do mundo. É por iso que o Inferno se lle escapa: porque é un gran espazo intersticial, mítico; refuxio de monstros e temores. Un espazo extinto pola cartografía moderna. Unha de tantas cartografías invisibles.

4 comentarios en “Cartografías invisibles. Os mapas do Inferno

  1. Excelente, explicacion de un tema en cual nadie quiere saber si iremos al infierno o al cielo.
    Pero la cartografía es un tema muy importante y profundo.
    Lleno de contrariedades y sorpresas.
    Un saludo y felicitaciones.
    José Manuel.
    Sigue instruyendonos en este tema.
    Gracias.

    1. Gracias a ti Sandra!
      Con este artículo inauguro a miña colaboración con Mazarelos, que espero que sexa longa. E empezo tamén con dúas posibles liñas que me interesan especialmente: o tema do Inferno e o que aquí chamei cartografías invisibles.
      Palabras como as túas sempre animan a seguir.
      Graciñas, JM

  2. Moitas grazas!

    Con este artigo inaugura a miña lectura neste espazo. Realmente quero seguir lendo.

    Por tanto saúdo, felicitacións e ánimo.

    Grazas!
    Gloria Rico

    1. Un pracer, Gloria.
      Non sei se vén a conto, e igual é publicidade non desexada, pero xa está entregado o segundo artigo desta serie: un achegamento ao Purgatorio desde un punto de partida ben distinto á obra de Dante.
      Desde logo, ver que hai interese sempre dá folgos para seguir, así que moitas grazas a ti.
      Unha aperta, JM

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *