“A maior parte deles incorporouse ao anarquismo alá”. Entrevista a Bieito Alonso

Bieito Alonso, historiador e profesor ferrolán, vén de publicar a súa última obra coa editorial Galaxia Anarquistas galegos en América (2019). Coñecido por outras obras de renome con Galicia como fío condutor das mesmas, ben sexa protagonista a Galicia peninsular ou a transoceánica, destaca pola súa Breve Historia do Nacionalismo Galego ou Mariñeiros, fogoneiros e anarquistas galegos en New York. Hoxe formulámoslle algunhas cuestións sobre a súa última obra.

Anarquistas galegos en América fálanos da presenza e da traxectoria de libertarios de orixe galego no Río da Prata, no Caribe e en América do norte mais eran anarquistas antes de saír de Galicia ou foi en América onde se fixeron anarquistas?

B: Maioritariamente, moi maioritariamente, era xente que se fixo anarquista en América. É dicir, algún que outro, xa cando marchou, si é certo que se tiña incorporado ao movemento libertario, como Román Delgado e algún máis, pero a maior parte deles incorporouse ao anarquismo alá porque, entre outras razóns, era xente moi nova cando marchou: dende os 15 ata os 20 anos. Entón, na maior parte dos casos era xente que non tiña unha experiencia laboral previa nin unha formación intelectual importante. Ademais, a incorporación ao movemento libertario nos lugares de acollido é un proceso bastante estendido, pásalle tamén aos italianos e algunhas outras colectividades.

Moitas veces ao falar de migracións falamos das remesas inmateriais. Poderíamos considerar que os galegos que se fixeron anarquistas en América levaron de volta o anarquismo a Galicia dalgunha maneira?

B: Dalgún xeito, o libro o que pretende é constatar a existencia de algo que iniciou sobre todo a historiografía norteamericana, aínda que hoxe en día é unha conceptualización que está estendida por todo o mundo; é a idea das redes e do transnacionalismo. Sabemos que, por exemplo, hai contacto entre anarquistas galegos de diferentes partes do continente americano, o cal non quere dicir que iso implique unha maneira de actuar diferente por seren galegos, e tamén sabemos que, efectivamente, unha das redes máis importante é a rede atlántica. A rede atlántica tiña, efectivamente, como un dos puntos de referencia máis importante aos portos galegos e, en consecuencia, a Galicia. Nese sentido, si que hai unha conexión practicamente ininterrompida. Logo é certo que hai xente que volve para Galicia e, efectivamente, aprópiase desa formación que recibe na outra beira do Atlántico e incorpóraa ao seu labor axitativo e sindical.

 Portada da obra Anarquistas galegos en América (2019).

No libro sinalas que contamos con escasísimas testemuñas de mulleres anarquistas. Débese á escasa presenza da muller no movemento libertario ou ao escaso interese da historiografía?

B: No primeiro caso, non me sinto autorizado para dar unha opinión definitiva. É dicir, coñecemos moi pouco das mulleres no movemento libertario; si é certo que a presenza de mulleres, digamos dentro da cúpula dirixente dese movemento (aínda que é un concepto un tanto estraño falando do movemento anarquista) como directores de xornais, referentes sindicais, é certo que a presenza das mulleres é moi escasa. O máis relevante é o que se da no Cono Sur, fundamentalmente na Arxentina e Uruguai, pero aínda así, en relación á cantidade de libertarios galegos que podemos intuír, a presenza das mulleres é realmente moi escasa. A partir de aí tamén hai que recoñecer que os anarquistas víronse atravesados polas mesmas contradicións que tiñan outros movementos do seu tempo. Efectivamente, en moitas ocasións o que vemos é que, en relación á muller, o discurso que se emite de líderes anarquistas ou ideólogos do anarquismo era exactamente igual de patriarcal ou por empregar un termo que hoxe está máis presente, daquela non tanto, como é o de machismo. Este si que, efectivamente, aparece reflectido na súa maneira de concibir as relacións entre xéneros. Aí hai unha dobre vertente: é posible que houbese máis mulleres incorporadas ao movemento libertario, e é posible que algunhas delas, ao mellor, tivesen tamén unha influencia maior do que eu, polo menos, fun capaz de detectar. Pero creo que iso pode ser relevante cualitativamente ao mellor, pero dende logo dende o punto de vista cuantitativo non creo que sexa especialmente importante.

Rescatas a historia daqueles galegos que creron con firmeza nun proxecto de liberación que chegou a ter unha importante forza en Galicia e na península mais que foi duramente reprimido. Que queda hoxe do anarquismo e que ensinanzas podemos tirar da súa traxectoria?

B: É unha pregunta moi complexa para liquidar en pouco tempo (ri). Non é tan simple dar unha solución. Si o contemplamos dende o punto de vista ideolóxico-organizativo no que é o conxunto do Estado ou en Galicia, é certo que a relevancia do anarquismo como movemento organizado é, dende logo, moi inferior á que tivo na etapa histórica da que falo, incluso á dos anos posteriores. É certo que para eles, de maneira xeral, o 1936 supuxo un corte moi traumático e as dificultades para reorganizar o movemento libertario no Estado foron enormes, por razóns que posiblemente exceden o que é o libro e o que podo explicar aquí. Que queda deles? Pois tamén é complexo dar unha resposta sobre iso. Hai unha actitude que me parece importante. Máis que do anarquismo en xeral, porque tampouco me sinto autorizado para emitir unha opinión sobre iso, eu realmente non son historiador do anarquismo, senón que o que me interesa son os movementos das persoas; en termos moi xenéricos, as migracións. Entón, dentro desa migración interésame en concreto esta outra parte que, dalgunha maneira, sempre queda un pouquiño oculta do que son os movementos migratorios. Pero si que é certo que hai un compoñente, que posiblemente se pode estender, que é a preocupación infinita pola educación e pola cultura. Digo infinita porque é certo, porque en calquera recuncho no que haxa un libertario sempre hai a tendencia, por unha parte a editar un xornal, por outra a crear unha escola, e por outra a por en marcha algunha colección de libros que reflexen o pensamento libertario. Nese sentido, creo que a aportación deles é realmente moi importante. Dentro diso, podemos dicir a “dimensión popular” ou “popularizar a cultura”, se se pode empregar esta expresión que pode ser confusa, é unha preocupación permanente pero que está absolutamente presente en tódalas súas actividades.

En canto ás estratexias, o movemento anarquista tampouco é un movemento unificado. Esa é outra, tampouco hai un único anarquismo. Hai, efectivamente, un ideal común pero vertebrado de maneiras bastante diferentes, a veces contraditorias; é dicir, non é a mesma a análise dun anarcocomunista que a dun anarcosindicalista ou dun individualista, por centrarnos en tres correntes fundamentais. Si creo que hai algo que pode quedar, corroborado co paso do tempo, o pouso de escepticismo e a crítica que hai no respecto a unha determinada maneira de funcionar do que hoxe entendemos como “democracia liberal”. Ese escepticismo si que arraiga e está moi presente na maneira de entender a vida de moitas persoas. Hoxe posiblemente traducida, doutra maneira, por exemplo, a crítica que lle facían ao funcionamento dos partidos políticos e ás estruturas organizadas en xeral. Hoxe ten outra perspectivas, pero si que é certo que no fondo hai ese pouso de escepticismo e a vontade que, dalgunha maneira, iso si se pode percibir ao mellor en determinados movementos, tanto en Europa coma noutros continentes, que buscan esa horizontalidade social en canto á mobilización. Si é certo que aí hai semellanzas, o que non teño claro é se esas semellanzas son conscientes ou son máis casuais. En todo caso, aí poderiamos buscar un punto de referencia.

Se quedástedes con ganas de saber máis, Bieito Alonso presentará a súa obra xunto con Lourenzo Fernández Prieto o vindeiro mércores 12 de febreiro ás 20.30 na libraría NUMAX, en Compostela. Agradecementos a Bieito por atendernos e facer posible esta entrevista.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *