A Galicia dos “Unai Stei”: os emigrantes galegos en Nova Iork

José Carlos García Vega

Se un camiña polo céntrico barrio neoiorquino de Astoria, en Queens, é posible que se atope cunha elegante fachada da que penden catro bandeiras: a dos Estados Unidos, a de España, a de Galicia e a da Unión Europea. Malia o que poida semellar, non estamos ante unha embaixada ou consulado –ou se cadra si, depende de como se mire-. Trátase dun recuncho de Galicia na cidade que nunca durme, un monumento á historia de milleiros de persoas.

"Casa Galicia-Unity Gallega, 37-09 31 Avenue
“Casa Galicia-Unity Gallega, 37-09 31 Avenue Astoria, NY, 11103”. Imaxe recuperada de: https://tinyurl.com/uq2n4ru

Ese país que hoxe é a gran potencia do mundo non foi o destino preferente para os centos de miles de galegos que, coa intención de conseguires maiores ingresos e mellorar a súa vida cruzaron o atlántico nas últimas décadas do século XIX e ata os anos 30. As malas comunicacións, a disparidade lingüística e cultural, o descoñecemento e a distancia mental daquela terra causaron que os maiores salarios e oportunidades laborais que ofrecía non puidesen competir coa grande intensidade das redes migratorias que conduciron a tantos a Cuba, Arxentina, Uruguai ou Venezuela.

No entanto, foron moitos os que se atreveron a dar o paso. No concello de Sada, de feito, o 84,5% dos habitantes que figuraban como “ausentes” ao momento de facer o censo de 1935, por estar emigrados, declaraban vivir en Nova York [1]. Tamén foi frecuente en Bueu, Bergondo, certas localidades de Ourense e a Mariña de Lugo, entre outras, se ben tampouco foi estraño que se chegase alí dende outro destino migratorio, como Cuba, se se cruzaba a oportunidade. Os habitantes destas zonas acudían como man de obra pouco cualificada nas empresas navais (fogoneiros, paleiros, engraxadores, etc.), na construcción dos novos edificios dunha cidade en constante crecemento, na hostalaría, en fábricas e en todo aquilo que lles permitise saír do paso.

Estas persoas escollían un camiño difícil. Por moito que a inmensa maioría contase cunha persoa de referencia do lugar de destino, o descoñecemento da lingua e a desorientación que podía producir un mercado laboral controlado por determinados sindicatos, coas consecuencias que isto ten para obter unha vivenda e asentarse no novo destino, supuñan os primeiros grandes escollos na chegada [2]. Ademais, hai que ter en conta que os galegos eran unha minoría étnica diminuta nunha sociedade que contemplataba con suspicacia o seu carácter católico e sud-europeo, e que o choque cultural era superior aos que enfrontaban noutros puntos do continente.

 “Carroza representando a Galicia no desfile do Día da Raza, co hórreo, o cruceiro e os traxes típicos como iconas”, recuperado das Memorias de Casa Galicia, no Arquivoca da Emigración.

A resposta ás adversidades da emigración foi semellante á que se deu noutros casos: estes individuos fundaron axiña asociacións de carácter asistencial e sociocultural, unhas veces de ámbito galego, outras local e a miúdo en colaboración con asturianos, vascos, andaluces e outros en entidades de carácter español (La CosmopolitaLa Nacional, etc.) Con elas era posible axudarse mutuamente; asentar a compatriotas recén chegados; crear espazos de sociabilidade étnica que permitisen facer a vida máis levadeira; construir escolas e promover obras benéficas no lugar de orixe; manter aos descendentes en contacto con el –promovendo, ademais, unha certa endogamia comunitaria– e, en fin, continuar vencellados á terra que deixaban alén do mar. O Centro Gallego de Newark, a Casa Galicia de Nueva York, as sociedades Sada y sus contornos e Bueu, Beluso y sus contornos, o Centro Orensano de Newark ou o Club Coruña son algúns exemplos do tecido asociativo que alí chegou a existir.

Mais non se limitaron a isto os galaico-americanos: sabemos que existiron hospedaxes, cafeterías e tabernas, restaurantes, funerarias, tendas de música, floristerías, axencias de viaxes e ata unha empresa de café que se convertiría nunha das maiores do país, a marca Bustelo. Houbo inclusive varios clubes de fútbol, de xeito que o Galicia F. C. chegou a gañar ao mesmo Real Madrid cando este pasou pola cidade. Tal era a vida que amosaba o colectivo galego e español –moi integrado o primeiro no segundo, aínda que conservando o seu carácter diferencial–, que o New York Times chegou a declarar que vivía «in its own little world here» [3].

A colonia sufriu tamén os efectos da crise de 1929 e a axitación da guerra civil, que trasladou os enfrontamentos entre partidarios dun e doutro bando, pero tamén entre faccións políticas, á cidade. Se ben iso non lle impediu seguir organizada, mesmo enviando cartos para a organización do Estatuto de Autonomía nos anos 30, o gran Centro Gallego quedou disolto noutras organizacións. Foi Castelao, quen ao seu paso por Nova York recolleu, por certo, moitos dos modismos que a hibridación cultural estaba a producir na lingua dos emigrados alí [4], o que inspirou a creación da Casa Galicia de Unidad Gallega en 1940.

“Foto do Galicia Sporting Club de Nova York (1923)”, no xornal VIDA GALLEGA, 6 de novembro de 1923, p. 33.

Esta converteuse na máis influínte das fundadas polos galegos alí. Organizábanse bailes e concertos, ceas, homenaxes a Rosalía ou Castelao, desfiles, recitais; ofrecíanse axudas e formación a emigrantes e aos seus descendentes e promovíanse outras accións sobre a propia Galicia, como as axudas ao Sanatorio de Oza, á cociña económica da Coruña ou á Editorial Galaxia.

Podemos dicir que foi toda esta rede de asociacións, este microcosmos fundado polos emigrantes de Nova York, a que permitiu visibilizar á comunidade galega da cidade e paliar a intensidade da aculturación e o proceso de asimilación, de xeito que unha minoría étnica tan diminuta puido deixar unha impronta comparativamente considerable no panorama neoiorquino, ademais un complexo caso de estudo para a historia. Unha (very) Little Galicia mantida nas institucións que restan, nos bares e restaurantes, nas accións e festividades que aínda existen e sobre todo, na memoria, a cultura e a identidade dos seus descendentes.

*A foto de portada corresponde ás “Memorias da Casa de Galicia”, dispoñibles no Arquivo da Emigración

Notas e bibliografía

[1] Noelia PÉREZ REY, “Unha achega á emigración galega a Nova York”, Estudos Migratorios. Revista Galega de Análise das Migracións, I-2 (2008), pp. 31-61.

[2] Para un estudo das condicións sociais de partida, consúltese Germán RUEDA HERNANZ e Carmen GONZÁLEZ-BRIONES, “Los gallegos entre los españoles de Estados Unidos (Siglo XIX y XX)”, en Jesús DE JUANA e Francisco Xavier CASTRO (dirs.): VIII Xornadas de Historia de Galicia. Cuestións de historia galega, Ourense, Servicio de Publicacións da Deputación Provincial de Ourense, 1995.

[3] “City’s Spanish colony lives in its own little world here”, The New York Times (Nova York), 23 de marzo de 1924, p. 188.

[4] Alfonso Daniel RODRÍGUEZ CASTELAO, “Lingoaxe que falan os galegos en Norteamérica”, El Orensano (Bós Aires), 2 (1945), p. 12, recollido en Henrique MONTEAGUDO (coord.): Obras de Castelao, Vigo, Editorial Galaxia, 2000, pp. 298-302.

Un comentario en “A Galicia dos “Unai Stei”: os emigrantes galegos en Nova Iork

  1. Polo cambio de século XIX-XX marchou dende Cuba, como polizón, José Fernández Conde, natural de Rodeiro (Pontevedra), dereito ás minas de carbón de Pensilvania. Enrolouse na guerra do Pacífico e, ao regresar con vida e obter a nacionalidade, terminou establecéndose en Nev Yersey, onde vivía a finais dos anos cincuenta do s. XX. Tiña, daquela, uns oito fillos e carteábase cun dos sobriños, veciño de Lalín (Pontevedra). Unha filla do mesmo e o marido fixeron unha visita a este sobriño por esos anos, tería, a sobriña, sobre 45 anos, máis ou menos. Era irmán de meu abó, pero non sei máis datos nin nunca volvín saber del outra cousa.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *