A presencia do exilio na industria cinematográfica mexicana (I). Aperturismo cardenista ou proteccionismo?

Miguel Rodríguez Martínez

A persecución acometida polo bando sublevado dende o inicio do levantamento foi respostada polo México presidido por Lázaro Cárdenas, o cal aplicou unha política de solidaridade ante a causa republicana sen precedentes. “A los que han luchado en su país a favor del gobierno legalmente construido no se les puede ofender con un interrogatorio. Debemos recibirlos a todos1”, sinalaba o propio presidente. México sería o lugar onde refacer as súas vidas e onde xa moitos profesionales cinematográficos comezaran aquela industria, dese total de 24.000 exiliados arribados a estas terras.

Atendendo á política internacional mexicana, a necesidade dun lavado de cara ante o resto de potencias mundiais resultaba primordial. A situación postrevolucionaria era moi delicada e unha imaxe progresista baixo a incesante mirada do resto de nacións veciñas resultaba beneficiosa. Polo tanto, México estase a declarar como un país independente e soberano capaz de tomar a responsabilidade de recepción do pobo republicano español, enchendo as institucións e fundando outras novas para recibir figuras intelectuais e artistas exiliados.

Os protagonistas deste gremio cinematográfico, considerados como membros de profesións liberais e progresistas, tiveron que antepor salvar as súas propias vidas a seguir desenvolvendo a súa actividade durante a Guerra Civil. Emporiso, as expresións da séptima arte reducíronse nos anos do conflito bélico a algúns filmes dirixidos por anarquistas e producións da CNT, destacando a actividade de Paco Martínez Soria ou Ignacio Iquino, máis a forma de documental e propaganda que doutras funcións cinematográficas. Ben é certo que a URSS mandou material técnico e películas de diferentes xéneros nese apoio loxístico á causa republicana; fronte algúns aportes alemáns e italianos cara a causa sublevada. Pese a isto, a fin de ambos bandos sería un cine instrumentalizado que racharía co desenvolvemento dos profesionais que cruzaron o Atlántico con todas esas técnicas, equipos e fórmulas consigo.

Na fotografía Roman Karmen, enviado pola URSS para apoiar a filmografía da Guerra Civil, xunto con combatintes republicanos. Fonte: https://www.alamy.es/imagenes/ej%C3%A9rcito-republicano-espa%C3%B1ol.html [Data de consulta: 1 de febreiro de 2020]

Como afecta esta chegada dos artistas cinematográficos a un país a máis de nove mil quilómetros de distancia da súa terra? O galego Bilbatúa sinalou a imaxen que tiñan os exiliados de México dicindo que “México era una película. Un charro con pistola al cinto. Unas indias con el pelo trenzado de estambres de colores y falda larga2”. Pese á aparente apertura total das fronteiras ante a chegada republicana, existía no imaxinario mexicano e na realidade social unha reticencia ao auxilio dos foráneos. Comezando polos periódicos, destacou o rechazo dun importante diario como El Universal por considerar o feito do apoio un terrible erro económico ao non existir en México plataformas necesarias para esta chegada de profesionistas. Por outra banda e contemplando factores sociopolíticos, os republicanos eran considerados axitadores profesionais que buscarían alterar a paz social mexicana3. A resiliencia destes sectores, combinado ao nivel de especialización en moitos casos ante a inexistencia de moitas áreas onde abranguer a estes refuxiados españois serían claros obstáculos.

Centrándonos no caso da industria mexicana, non é casualidade que a que se coñeceu como “Época de ouro do cine mexicano” -entre 1936 e 1959- comezase precisamente ante esta chegada masiva de profesionales da escena cinematográfica. Estes víronse condicionados primeiramente pola súa situación de exiliados en xeral, e pola de cineastas en particular. Existiu un rexeitamento de varios sectores da realidade mexicana: dende conservadores e nacionalistas, vencellados a pensamentos totalitarios coma os camisas douradas; ou pensadores de esquerdas e indixenistas que querían alonxarse dunha posibilidade de nova Conquista4. Incluso o goberno mexicano -agora xa presidido por Ávila Caamacho-, que de primeiras parecía o máximo garante de auxilio, prohibiulles desenvolver unha serie de temáticas que fixesen crítica social de México, do Exilio ou da Guerra Civil.

Membros do partido Acción Revolucionaria Mexicana (camisas douradas), grupo fascista mexicano entre 1933 e 1945. Fonte: https://relatosehistorias.mx/nuestras-historias/los-camisas-doradas-una-organizacion-de-la-derecha-radical-en-el-cardenismo [Data de consulta: 1 de febreiro de 2020].

Pero co paso do tiempo e a superación do choque asimétrico e repentino entre ambas culturas, a situación foise apaciguando e eses prexuízos ideolóxicos convertéronse noutros máis vencellados á realidade: individuos sen posibilidades de regreso ao seu fogar. Superada esta primeira barreira de marxinación pola condición de exiliado, solo faltaría lograr a inserción laboral no mundo do cine. Nos primeiros momentos xurdiron fortes medidas proteccionistas nacionais por parte dos sindicatos cinematográficos con Jorge Negrete á cabeza e os monopolios privados estatais. Igualmente, co aperturismo das relacións dos acollidos e autóctonos, comezarían os españois -e os galegos- a incorporarse ás plantillas das productoras. A realidade foi unha interconexión gremial onde o enaltecemento da industria cinematográfica foi o obxectivo a conseguir, polo que a incorportación de todo un amplio elenco de profesionales formados na República supuxo un reforzo creativo e técnico para a industria.

Xurdiron novas propostas na que incluso os exiliados eran os protagonistas temáticos das mesmas. Centrándonos na representatividade do caso galego, destacou o papel de Niní Marshall5 no filme Una gallega en México (1949) dirixida por Julián Soler. Esta foi unha traxicomedia que comezará precisamente cun mal tratamento da protagonista ao seren considerada como refuxiada, pero que rematará ca seguinte reflexión: “Brindo por esta tierra, que como una madre mismamente nos abrió los brazos; esta tierra donde encontramos un nuevo hogar… esta tierra que nos dio alientos y esperanza; por México6”.

Cartaz de “Una gallega en México” (1949). Fonte: https://www.iberlibro.com/arte-grabados/GALLEGA-MEXICO-MOVIE-POSTERUNA-MEXICOMEXICAN-LOBBY/22406050982/bd [Data de consulta: 1 de febreiro de 2020].

Mais, sen dúbida, o gran destacado no eido cinematográfico foi o galego Carlos Velo, sobre o que afondaremos no próximo artigo.

 

Notas ao Pé

1Citado por Fernando BENITEZ: Lázaro Cárdenas y la revolución mexicana. México, FCE, 1977, p. 178.

2Demetrio BILBATÚA: Galicia-México. Imaxe Máxica, Galicia, Editorial Galaxia, 2006, p. 27.

3Tomas PÉREZ VEJO: “La recepción del exilio español en México. Conflictos ideológicos e imaginarios colectivos” XI Jornadas Interescuelas/Departamentos de Historia. Departamento de Historia. Facultad de Filosofía y Letras. Universidad de Tucumán, San Miguel de Tucumán (2007), p. 3.

4Luis GONZÁLEZ: Los días del presidente Cárdenas. Historia de la revolución mexicana 1934-1940. México D.F., El colegio de México, 2011, p. 239.

5Niní Marshall é filla de emigrados galegos orixinarios de Vegadeo. Destacou pola súa interpretación de Cándida Loureiro Rabadalla, a cal era unha ridiculización da muller galega ante un imaxinario popular que acostumou a marxinar e facer comedia sobre este colectivo. Para máis información sobre a película ou a artista, véxase Sempere Serrano, I. (2002) Niní Marshall o la imagen de la gallega en el cine mexicano. Universitas, pp: 273-287.

6Jorge CHAUMEL FERNÁNDEZ: Los profesionales cinematográficos republicanos exiliados en México en los años 40 y 50. Madrid, Universidad Nacional de Educación a Distancia, 2015, p. 94.

 

Bibliografía

Demetrio BILBATÚA: Galicia-México. Imaxe Máxica, Galicia, Editorial Galaxia, 2006.

Jorge CHAUMEL FERNÁNDEZ: Los profesionales cinematográficos republicanos exiliados en México en los años 40 y 50. Madrid, Universidad Nacional de Educación a Distancia, 2015.

Fernando BENITEZ: Lázaro Cárdenas y la revolución mexicana. México, FCE, 1977.

Luis GONZÁLEZ: Los días del presidente Cárdenas. Historia de la revolución mexicana 1934-1940. México D.F., El colegio de México, 2011.

Tomas PÉREZ VEJO: “La recepción del exilio español en México. Conflictos ideológicos e imaginarios colectivos” XI Jornadas Interescuelas/Departamentos de Historia. Departamento de Historia. Facultad de Filosofía y Letras. Universidad de Tucumán, San Miguel de Tucumán (2007).

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *